A Xunta recoñece atrasos pero nega paralización na expedición dos carnés de fitosanitarios

Fontes da Consellería do Medio Rural atribúeno ao gran número de solicitudes e á revisión dos expedientes dos cursos online que se realizan en León. Recomendan apuntarse aos cursos presenciais en Galicia para obter o carné en menor tempo

Publicidade
Publicidade
A Xunta recoñece atrasos pero nega paralización na expedición dos carnés de fitosanitarios

Nas últimas semanas está a cundir a inquietude entre moitos agricultores galegos que realizaron o curso para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios hai meses pero que aínda non o recibiron, especialmente entre aqueles que o realizaron a través de diversas academias de Castela e León que ofrecen a modalidade online, unha alternativa inexistente en Galicia.

A presenza da Garda Civil nalgúns dos exames realizados no Bierzo para comprobar que se cumpre a normativa e as informacións publicadas en diversos medios durante a última semana advertindo de que as persoas que realizaron a formación online poderíanse quedar sen carné engadiron máis preocupación.

Con todo, fontes da Consellería do Medio Rural consultadas por Campo Galego negan que exista ningunha paralización destes expedientes que proveñen de Castela e León, desmentindo a información publicada nos devanditos medios.

“Non hai nada paralizado, pero si hai atrasos pola acumulación de solicitudes e a revisión dos expedientes que veñen de Castela e León”

“Non hai nada paralizado pero si hai atrasos na expedición dos carnés por parte da Consellería, tanto nos presenciais como nos da formación online, porque temos moitas solicitudes acumuladas”, sinalan ditas fontes. Unha saturación -”colapso” definen outras fontes do sector- que estaría detrás destes atrasos.

Con todo, as mesmas fontes da Consellería do Medio Rural recoñecen que o proceso se está retardando máis do habitual debido á comprobación dos centos de expedientes de solicitude procedentes dos agricultores galegos que realizaron o curso online en Castela e León. E é que tras realizar o exame na comunidade veciña, as academias remiten a documentación á Xunta de Galicia que, unha vez revisada, emite o carné correspondente.

“O motivo deste atraso é que estamos a revisar un por un cada un dos expedientes que proceden doutras Comunidades Autónomas para certificar que as entidades que imparten os cursos e os alumnos cumpren a normativa que establece o Ministerio para a obtención do carné”, precisan desde a Consellería.

En concreto, Medio Rural está a revisar cada expediente para certificar que o alumno realiza as 9 horas de formación práctica presencial e o exame durante o fin de semana -de aí a presenza da Garda Civil nalgúns dos exames realizados-, ademais de comprobar que o alumno realizou as 16 horas de formación online.

Pola súa banda, a Junta de Castilla y León, tal como publicou Campo Galego, recoñeceu que “existiron denuncias -contra algunhas das empresas que ofrecen formación online- que se están investigando” polo Seprona, aínda que iso de momento non levou á paralización da tramitación dos expedientes por parte da Xunta de Galicia.

O certo é que, ante a falta ata agora de suficiente oferta formativa na comunidade galega, a formación online chegouse a converter nun negocio lucrativo, con comisións por parte dalgunhas empresas a intermediarios de 10 euros por cada alumno que conseguían, segundo recoñece un delegado comercial para Galicia dunha importante firma de produtos fitosanitarios.

Recomendacións: comprobar se realmente se precisa o carné e informarse nas Oficinas Agrarias Comarcais

En todo caso, e para evitar os atrasos na obtención do carné, desde a Consellería do Medio Rural recomendan aos interesados, en primeiro lugar, informarse de se é necesario sacar o carné de manipulador de produtos fitosanitarios para uso profesional, xa que existe unha ampla gama de produtos fitosanitarios de uso doméstico, para os que non é necesario o carné para a súa adquisición. “Aínda que é certo que son algo máis caros, estes produtos de uso non profesional cobren perfectamente as necesidades das persoas que teñen unha pequena parcela para autoconsumo”, sinalan as mesmas fontes.

En segundo lugar, e para aquelas persoas que si necesiten produtos fitosanitarios de uso profesional, desde a Consellería do Medio Rural recomendan que acudan a informarse ás Oficinas Agrarias Comarcais, “onde desde o mes de xaneiro existe unha ampla oferta de cursos para a obtención do carné”. Destacan que, aínda que é certo que estes cursos son presenciais -25 horas no caso do carné básico- “o carné a Xunta expídeo antes que o de formación online, pois a Consellería xa revisa todo o proceso desde o inicio”.

Ademais, lembran que “estes cursos presenciais en Galicia son gratuítos”, mentres que os realizados a distancia noutras Comunidades autónomas custan unha media de 130 euros.

En todo caso, en Galicia tamén se segue á espera de que se poña en marcha a formación online. En concreto, existen dúas entidades colaboradoras, unha delas Unións Agrarias, que ten previsto poñer en marcha as súas propias plataformas para ofertar a modalidade semipresencial do curso de aplicador de produtos fitosanitarios.

Os puntos de venda de momento están a aceptar o certificado de superar o exame para adquirir produtos

Outras das dúbidas que xorde no sector é a de se o certificado que expiden as academias que ofrecen o curso online en Castela e León son válidos para adquirir de forma provisional produtos fisotanitarios de uso profesional.

Aínda que as fontes consultadas na Consellería do Medio Rural mostran as súas dúbidas, “ao tratarse dun documento dunha entidade privada”, o certo é que os establecementos de venda consultados por Campo Galego si que o están aceptando.

“Os certificados están asinados por unha empresa homologada ante o Ministerio, e dada de alta e autorizada en Castela e León para impartir os cursos, polo que, mentres a Xunta de Galicia non diga o contrario, seguiremos vendendo aos nosos clientes que mostran o certificado de superar o exame”, aseguran desde unha tenda de produtos fitosanitarios da provincia de Pontevedra que prefire manter o anonimato.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información