A Xunta prevé que ata o 2019 as industrias agroalimentarias invistan 128 millóns no agro galego

Ángeles Vázquez presidiu esta mañá unha reunión de traballo con todos os delegados territoriais na que fixo balance da orde de transformación e comercialización coa que se achegarán 52 millóns de euros aos beneficiarios en dous anos

A Xunta prevé que ata o 2019 as industrias agroalimentarias invistan 128 millóns no agro galego

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a xuntanza de traballo cos delegados territoriais

Ata 190 solicitudes recibiu a Consellería do Medio Rural para a orde de axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios na súa última convocatoria. En total, o investimento que representan estas iniciativas supera os 128 millóns de euros. A Consellería do Medio Rural avanza que “a convocatoria resolverase nas próximas semanas e os proxectos seleccionados terán os tres próximos anos para desenvolver as súas actuacións, xa que se trata de axudas de carácter plurianual”.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo balance este luns destas subvencións durante unha reunión de traballo con todos os delegados territoriais co fin de coordinar as accións a desenvolver no territorio galego. Para este 2017 Medio Rural achega 27,4 millóns de euros a estas axudas, un 9,6% máis que o ano anterior. De feito, a convocatoria de 2016 contou cun orzamento de 25 millóns de euros cos que se desenvolverán ata 59 proxectos que poderán levar a cabo ata o ano 2018. Os beneficiarios recibirán entre 14.000 euros e 4,8 millóns de euros en función do seu volume. O investimento total para o campo, neste caso, será de preto de 66 millóns de euros.

O 35% destas axudas serán para o sector lácteo

Así pois, Medio Rural achegará en total 52 millóns de euros a través destas subvencións en dous anos, que contribúen ao mantemento da industria agroalimentaria, favorece a pervivencia das explotacións agrarias e do tecido económico que as rodea nas zonas rurais, ademais de incrementar o valor dos produtos primarios. En torno ao 35% do investimento da orde deste ano teñen que ver co sector lácteo.

Organización do territorio

No encontro desta mañá, no que tamén estiveron os directores xerais da Consellería e os xefes territoriais das delegacións, coordinouse o traballo que se leva a cabo dende os diferentes departamentos co obxectivo de ter cuberta toda a xeografía galega. De feito, fíxose balance do persoal distribuído nas 67 oficinas agrarias comarcais. Máis de 500 profesionais traballan nestes departamentos dependentes da Consellería e que son os que están máis preto dos agricultores e gandeiros. Por iso, a maioría do cadro de persoal está composto por veterinarios (222) e enxeñeiros agrícolas ou agrónomos (123), mentres que o resto é persoal de oficina.

No que se refire ao ámbito forestal, o territorio divídese en 19 distritos, cada un deles cun xefe, técnicos e axentes forestais e medioambientais. En total, unhas 2.390 persoas xestionan o terreo forestal galego. A este persoal habería que sumar os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que se encargan de dinamizar o rural galego dende os propios territorios nos que se asentan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información