A Xunta investiga a varias ITEAF por supostas irregularidades

A Consellería do Medio Rural, en colaboración co Seprona, investiga se varias empresas reparan as máquinas ou venden material no lugar da inspección. A sanción pode comportar a retirada da autorización á empresa para prestar a ITEAF

Publicidade
A Xunta investiga a varias ITEAF por supostas irregularidades

10.477 equipos en Galicia teñen que pasar a ITEAF

A Consellería do Medio Rural, en colaboración co servizo do Seprona da Garda Civil, está a investigar supostas irregularidades por parte de varias empresas que prestan o servizo da Inspección Técnica de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (ITEAF), unha revisión obrigatoria que deberán pasar 10.477 equipos en Galicia antes do 26 de novembro, e que supón un importante negocio para o sector privado.

Dende o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez recoñecen que “temos constancia destas presuntas irregularidades a través de denuncias verbais ou por correo electrónico e algunha ITEAF púxose en contacto con nós para denunciar supostas prácticas anómalas ou ilícitas por parte de entidades da competencia”.

A raíz destas denuncias, a Consellería do Medio Rural iniciou unha investigación que se centra nos supostos incumprimentos nas debidas esixencias técnicas das inspeccións ou a venda ou reparación no momento mesmo da inspección de dispositivos das máquinas que se comproban danados.

Neste sentido, dende a Xunta lembran que segundo a normativa que rexe as ITEAF (Real decreto 1702/2011, de 18 de novembro, de inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e o Decreto 60/2014, do 15 de maio), “a venda de instrumental de calibración ou de mantemento de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios é unha acción punible e absolutamente desautorizada para as estacións de inspección”. “Esta situación, tras  o correspondente expediente sancionador, pode comportar directamente a revogación da súa autorización”, advirten dende a Consellería.

“As sancións poden implicar a retirada da autorización á ITEAF”

Nestes momentos, a Xunta conta coa colaboración do servizo do Seprona da Garda Civil para a comprobación dos requisitos establecidos pola normativa vixente ás entidades de inspeccións de maquinaria de aplicación de produtos fitosanitarios.

A este respecto, dende a Consellería do Medio Rural, informan de que “dalgunha destas actuacións levadas a cabo polo Seprona estamos á espera de recibir os feitos constatados para, de ser o caso, incoar expedientes sancionadores en materia de sanidade vexetal”.

Por último, en canto ás outras actuacións que se denuncian, como cobrar a segunda vez a revisión ou presionar á xente maior do rural para que realice a ITEAF dos seus equipos, a Consellería do Medio Rural considera que “se enmarcan en actuacións de mala praxe ou de condutas reprochables” no eido puramente mercantil. Sen embargo, asegura o departamento da Xunta que “se trata dunha situación que escapa da competencia da Consellería para o control do cumprimento de obrigas na normativa que regula as inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información