A Xunta destinará máis de 3 millóns para as razas gandeiras autóctonas 

A Xunta destinará máis de 3 millóns para as razas gandeiras autóctonas 

Galiña de Mos

O Consello da Xunta autorizou este xoves á Consellería do Medio Rural para asinar 6 diferentes convenios de colaboración con outras tantas asociacións, federacións e entidades relacionadas coas razas autóctonas de gando de Galicia para levar a cabo distintas medidas relacionadas coa súa posta en valor, mellora xenética ou promoción.

Medio Rural asinará coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) un convenio de colaboración para realizar un programa de consolidación e diversificación xenética desta raza, por un importe total de 620.000 euros para o período 2016-2019.

Tamén colaborará coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego para continuar coa posta en valor das aptitudes desta raza en actividades deportivas, de exposición e lecer, por un importe de 240.000 euros. Ademais, asinarase outro convenio coa Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) para a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos desta raza equina e o fomento e promoción dos seus produtos derivados, por un importe 267.200 euros.

Convenio con Asoporcel

Outro dos documentos de colaboración subscribirase coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) para a execución das actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina Porco Celta, por un importe de 360.000 euros.

Por outra banda, asinarase un acordo coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) para a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos das razas bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción, da ovella galega, da cabra galega, da galiña de Mos e dos seus produtos derivados, por un importe de 1.240.000 euros.

Por último, Medio Rural colaborará co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) para continuar coa execución de determinadas actividades de conservación dos recursos zooxenéticos das razas ovella galega, cabra galega e porco celta, por un importe de 280.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información