“A vendima de Rías Baixas preséntase inmellorable”

Entrevista a Juan Gil de Araújo, presidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas. Asegura que “o mercado no que podemos medrar con máis facilidade é o da Unión Europea, en México e no resto de América”.

Publicidade
“A vendima de Rías Baixas preséntase inmellorable”

Juan Gil de Araújo. Autor: DO Rías Baixas

Entrevistamos ao presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a máis importante en cifras socioeconómicas das cinco denominacións de orixe galegas e a que máis exporta. En total, algo máis de 4.000 hectáreas de viñedo, repartidas en preto de 23.000 parcelas.

Como se están a compartar as vendas da DO Rías Baixas?
A sensación é que o mercado exterior cada vez demanda máis viño de Rías Baixas. Ademáis, o mercado español está volvendo a medrar, cun aumento moderado, e cunha certa recuperación dos prezos, o que é tanto ou máis importante que o volume.

Cales son as previsións para a colleita de Rías Baixas 2015?
A vendima preséntase, a día de hoxe, e dependendo das condicións meteorolóxicas para as vindeiras dúas semanas e da evolución da uva en canto a posibles ataques criptogámicos, inmellorable, tanto en calidade como en cantidade.

É difícil recuperar para o consumo de viño á xente moza?
A xente moza é certo que bebe pouco viño e cada vez máis cervexa. É un problema difícil porque a economía dos mozos tampouco é moi boa. O que si notamos é unha recuperación do consumo de viño de Rías Baixas.

Por exemplo, en Andalucía hai uns anos era difícil atopar un viño de Rías Baixas e hoxe é difícil que un bo restaurante non teña na súa carta un dos nosos viños.

O que podo dicir é que en España si que hai unha recuperación do consumo de viño de Rías Baixas.

Cales son os mercados exteriores prioritarios para a Denominación de Orixe?
Está medrando moito Europa, que é un mercado moito máis natural e próximo para nós que mercados exóticos como China ou Singapur. Neste sentido, o Consello Regulador leva anos traballando moito en países como Suíza, Bélxica, Holanda, Reino Unido ou Alemaña.

Isto está a dar o seus froitos: Reino Unido é o noso segundo destino de exportación; en Suecia e Holanda hai un importante incremento do consumo de Rías Baixas ou as vendas en Irlanda tamén están a medrar moito.

 “O mercado no que podemos medrar con máis facilidade é o da Unión Europea, en México e no resto de América”

Creo que un dos mercados no que poderemos medrar con máis facilidade é no mercado da Unión Europea. A parte diso, hai mercados con marxe de crecemento como México. Porto Rico é un mercado xa moi maduro.

En definitiva, onde creo que debemos ter máis confianza é no mercado europeo, en México e o mercado americano é seguro que continuará medrando.

Hai uns meses comentaba o presidente da Organización Española do Mercado do Viño que onde máis esforzos deberían facer as adegas galegas é en contar con bos equipos de comercialización. Coincide con esta apreciación?
É certo que as adegas, ademáis de facer un esforzo investidor en equipamento, e iso é algo que xa o fixemos en Rías Baixas, teñen que facer un investimento en equipos comerciais.

É algo que traballamos moito pero temos que seguir esforzándonos, especialmente nas adegas de menor tamaño, ben sexa a través de asociación ou doutra fórmula.

Neste sentido, o Consello Regulador si está axudando moito a vender ás adegas, sobre todo ás pequenas e medianas. Para isto contamos coa axuda de organismos como a Cámara de Comercio de Vilagarcía, que está financiando a asistencia a feiras e exposicións e a misións comerciais.

Deberían colaborar máis as Denominacións de Orixe galegas para vender no exterior?
A resposta sería si. Pero tamén é certo que ese tipo de colaboracións á hora da verdade presenta moitas dificultades. Agora mesmo estamos traballando nun proxecto de colaboración das cinco denominacións galegas para promoción en mercados exteriores, pero non é fácil porque cada unha é distinta e ten obxectivos e situacións distintas nos mercados exteriores.

“Á hora da verdade é difícil a colaboración entre as DO´s galegas para vender no exterior”

En determinados mercados, Rías Baixas pode estar xa moi introducida, e precisa algo distinto a outras denominacións galega que aínda están empezando nese mercado.

O relevo xeneracional é un reto para a viticultura galega. Tamén vos afecta este problema en Rías Baixas?
Si existe ese problema pero non de forma tan acusada como noutras denominacións de orixe. Vexo que cando a xente maior se xubila ou deixa de traballar as viñas o que sole facer é cederllas a alguén que si que quere seguir traballándoas. Estamos vendo unha maior profesionalización con viticultores que collen máis viñas das que teñen propiedade. E iso creo que é unha boa nova.

Como valora a nova normativa de plantación de viñedos? ¿Hai risco de que grandes grupos poda acabar cos pequenos e medianos viticultores?
Esperamos que a nova normativa de plantación de viñedos poda evitar a sobreplantación. É dicir, que aparezan operadores externos moi potentes que podan desprazar a viticultura tradicional.

Juan Gil de Araújo nunha rolda de prensa.

Juan Gil de Araújo nunha rolda de prensa.

Desde a Conferencia Española de Consellos Reguladores, xunto con outras organizacións, defendimos e logramos a non liberalización total dos autorizacións de novas plantacións de viñedo, polo menos ata o ano 2030.

A esperanza que temos é que o novo sistema de autorizacións, que algúns acusan de burocratizadores, evite que grandes grupos inversores podan plantar grandes superficies de viñedo que puderan desprazar á viticultura tradicional.

E o que fai o Consello Regulador é a defensa do territorio, do non desprazamento dos pequenos viticultores polas grandes plantacións.

“Hai que evitar que o desprazamento da viticultura tradicional por grandes plantacións de grupos inversores”

Á hora de autorizar novas plantacións, dende o MAGRAMA dísenos que parece que os Consellos Reguladores polo menos teremos voz. Creo que temos que estar moi atentos ao equilibrio entre oferta e demanda para non causar problema de exceso de oferta, que obrigaría a retirarse do mercado aos operadores máis febles.

Creo que tanto as Comunidades Autónomas como os Consellos Reguladores deben ser tidos en conta á hora de autorizar novas plantacións.

O consumidor demanda viños producidos cada vez con menos resíduos fitosanitarios. ¿Como afrontan este reto en Rías Baixas?
Nos últimos anos o Consello Regulador fixo un esforzo moi grande para mentalizar a adegas e viticultores na necesidade dun maior control no uso de fitosanitarios e no cumprimento da normativa. É dicir, profesionalizar a actividade para cumprir coas obrigas.

Todo iso fará que os resíduos fitosanitarios tanto en campo como en viña baixen de forma notable e cumpramos calquera requirimento que se nos esixa.

¿Cal é o segredo para que Rías Baixas consiga vender os seus viños a un dos prezos máis elevados das denominacións de España?
En primeiro lugar grazas á calidade intrínseca de beber un dos nosos viños. Pero o consumidor, non só paga a cantidade e a calidade, senón que tamén a diferenciación, a personalidade ou a identificación cun territorio como Galicia e cunha forma de traballar.

Esa aureola, o consumidor está disposto a pagala, porque o viño non só é un obxecto de consumo alimentario, senón tamén ten algo de ilusión, de espírito e de emocións.

“Cumprimemos coa Lei da Cadea Alimentaria”

Como afronta o sector a Lei da Cadea Alimentaria?
O sector cumprirá a lei, como sempre, aínda que iso supoña dificultades que afectarán tanto a compradores como a vendedores. Non en van, a imposición de criterios que interfiren coa liberdade de pactos distorsiona o mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información