A Universidade de Santiago advirte da ameaza de expansión da avespiña do castiñeiro

A investigadora Fina Lombardero cifran un 90% os castiñeiros do campus lucense infestados polo parásito, que cuadriplicou a súa poboación no último ano

A Universidade de Santiago advirte da ameaza de expansión da avespiña do castiñeiro

Avespiña do castiñeiro. / Imaxe: USC.

A avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), un insecto orixinario de China e localizado por vez primeira en Galicia hai pouco máis dun ano en exemplares de castiñeiro existentes no campus de Lugo, está a converterse nunha ameaza crecente para a produción de castaña, dada a súa alta capacidade de propagación, segundo indica a investigadora Fina Lombardero, da Escola Politécnica Superior (Universidade de Santiago).

Lombardero, que en 2014 alertou da presenza desta avespiña asiática en Galicia, observa como a rápida expansión deste insecto, que afecta unicamente aos castiñeiros e que pode reducir a menos da metade a súa produción de castaña, comeza a ser unha ameaza preocupante ante a ausencia de medidas efectivas de control.

As cautelas da Administración para autorizar novos procesos de liberación do parasitoide Torymus sinensis, unha especie tamén de orixe asiática que se ten mostrado como antagonista da avespiña do castiñeiro, fan máis lentas as medidas de control para frear a expansión da avespiña do castiñeiro en Galicia.

Expansión en Ourense e Lugo
Este insecto exótico orixinario de China estendeuse de xeito progresivo nas últimas décadas por todo o mundo, localizándose en Galicia no 2014. Sen embargo, a penas un ano despois desta primeira identificación da avespiña do castiñeiro en Lugo, este insecto está presente na actualidade en moitas localidades galegas, sobre todo no interior das provincias de Ourense Lugo.

Respecto da velocidade de propagación ou expansión da avespiña do castiñeiro, os estudos desenvolvidos no campus de Lugo por esta investigadora pertencente á Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da USC, revelan que, en termos xerais, podería indicarse que a poboación do insecto se multiplicou por 4 respecto o ano anterior. O número de árbores atacadas no 2015 no campus de Lugo incrementouse nun 38 % respecto o ano anterior.

A alta velocidade de propagación deste insecto exótico non sorprende debido a súa bioloxía, xa que a femia non precisa dun macho para aparearse e ten capacidade para pór de entre 100 a 200 ovos, indica esta investigadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información