A tractorada de Lugo, multitudinaria, inicia a presión sobre a distribución

A asociación Agromuralla, organizadora da protesta, cifra en 700 as máquinas concentradas na Ronda. Os actos nos supermercados continuarán este venres tras a asemblea das 12 horas

A muralla de Lugo volveu ser escenario dunha tractorada multitudinaria, con varios centos de tractores -700 segundo a organización- dando a volta á Ronda. Había expectación por ver o poder de convocatoria de Agromuralla, a asociación xurdida tras a tractorada de setembro en Lugo, e a mobilización de hoxe confirma un forte apoio do sector ó proxecto. Os gandeiros concentrados en Lugo xa iniciaron a presión sobre a distribución, con actos en Carrefour e en Dia, e mañá teñen previsto proseguir as visitas tras a asamblea das 12 do mediodía.

Os tractores completaron a volta á muralla.

O descontento co acordo lácteo de setembro, do que os gandeiros non ven polo de agora resultados, é o sentir común que aglutina ós produtores. “Estamos pedindo dignidade para os gandeiros. Queremos que se deixe de utilizar este sector para engañar á xente”, resume Roberto López, o gandeiro que se significou na protesta de setembro por actuar de portavoz dos mobilizados. “En setembro asinouse un acordo e prometéusenos unha serie de cousas, pero a día de hoxe seguimos asinando contratos ó mesmo prezo que entón. Véndese ademais a imaxe de que se lle están dando moitas axudas ós gandeiros, cando seguimos case igual que antes”, critica.

“Pedimos dignidade. Queremos que se deixe de usar este sector para engañar á xente” (Roberto López)


Actos na distribución

En setembro, a mobilización da muralla optara por permanecer cos tractores na Ronda, sen chegar a iniciar actos de presión nin ante industria nin ante distribución, unha actitude que merecera críticas de parte dos produtores concentrados. Na protesta iniciada hoxe, en cambio, os actos de presión ante a distribución chegaron xa a pasada tarde e continuarán mañá.

Os gandeiros diríxironse en grupo ó Carrefour de Montero Ríos e ó Dia da avenida da Coruña. No Carrefour, entraron no establecemento e animáronse a encher carros e cestas da compra con leite de marca branca a 59 céntimos, un prezo que os gandeiros comparaban cos 65 que custaba unha botella de litro e medio de auga. A presencia dos gandeiros no supermercado enfureceu á dirección do centro, que pediu a presencia da policía e que lle trasladou ós gandeiros que non tiña porque “sufrir” a súa estancia na tenda. “Sufrir levamos sufrindo nós meses”, retrucaba algún dos produtores.

“Gustaríanos algún día sentarnos coa Plataforma. Creo que temos que ir xuntos todos no mesmo camiño” (Roberto López)

Finalmente, os gandeiros optaron por abandonar a tenda, quedando concentrados a última hora da tarde na súa entrada. Para mañá venres están previstos actos nalgúns dos principais centros comerciais da cidade tras a asemblea das 12 horas, que será, como é costume, ante o edificio multiusos da Xunta.

Coincidencias coa Plataforma

A asociación Agromuralla, convocante da mobilización, expuxo hoxe as principais reivindicacións da protesta, que son similares a algunhas das demandas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, tales como a posta en marcha dos contratos homologados ou a creación da figura dun mediador e dun servizo de arbitraxe entre gandeiros e industrias.

Ao respecto da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, conformada por organizacións agrarias e cooperativas, e que desde hoxe está a bloquear un Carrefour na Coruña, Roberto López amosouse máis conciliador que en anteriores ocasións. “Gustaríanos algún día sentarnos con eles, creo que temos que ir xuntos todos no mesmo camiño, aínda que hai que facer as cousas con transparencia e dicirlles ós gandeiros o que está pasando”, cuestionou, pois López segue a incidir en que as organizacións da Plataforma pecaron de non informar ó sector como debían ata setembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información