“A soia pódese substituír por colza ata nun 80% sen variar o rendemento do gando vacún”

Entrevista a Eugenio Cegarra, director de Formulación de Núter Feed e autor da tese “Estudo de materias primas alternativas á torta de soia en alimentación de vacún de leite e carne”

“A soia pódese substituír por colza ata nun 80% sen variar o rendemento do gando vacún”

Eugenio Cegarra

Eugenio Cegarra García acumula unha ampla experiencia na investigación da alimentación do gando vacún. Desde1991 é director do Departamento de Formulación da empresa Núter Feed e, desde 2010, membro da Comisión Técnica da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC).

O pasado mes de xaneiro presentou no Campus de Lugo a súa tese “Estudo de materias primas alternativas á torta de soia en alimentación de vacún de leite e carne” que mereceu a cualificación de sobresaliente cum Laude.

A súa conclusión é clara: pódese substituír en gran medida a torta de soia pola torta de colza e DDG´s, (obtido fundamentalmente do millo, procedentes de plantas de etanol) sen afectar o rendemento do vacún de leite e de carne. A realidade está a darlle a razón, con crecente caída das importacións de soia para a fabricación de pensos en Galicia e no resto da Unión Europea.

Cales foron as razóns que che levaron a investigar na túa tese a posible substitución da soia na alimentación do gando vacún de leite e no cebo de tenreiros pola torta de colza e polos DDG´s?
Isto xurdiu por mor dun proxecto de investigación que foi financiado polo CDTI a través dun fondo tecnolóxico. Foi un proxecto realizado desde 2010 a 2012 e o seu precedente foi a crise de prezos das materias primas do ano 2008, coa gran volatilidade que tivo o prezo da soia. Por aquel entón xa empezaba a aumentar a produción de materias primas procedentes dos biocombustibles, de forma que apareceu no mercado a torta de colza procedente das plantas de produción de biodiésel e os DDG´s de trigo e de millo procedentes das plantas de etanol.

Este proxecto xurdiu nese contexto. Formamos un consorcio e empezamos a realizar unha serie de ensaios experimentais. Os máis interesantes foron os realizados no CIAM de Mabegondo tanto en vacas de leite como en cebo intensivo de tenreiros. Eses ensaios deron pé á realización da miña tese.

Que importancia ten a soia na alimentación da cabana gandeira galega e española?
Ten unha importancia cada vez menor e estase substituíndo por colza e por DDG´S. Sirva como exemplo que a torta de soia pasou de representar no ano 2008 o 20% do penso fabricado en Galicia (2,7 millóns de toneladas), mentres que no 2014 pasou ao 14,3% do total de penso fabricado (2,9 millóns). En toneladas, o consumo de soia en alimentación animal en Galicia pasou de 545.000 toneladas a 415.000 toneladas.

Pola contra, se no 2008 o consumo de colza en Galicia para alimentación animal foi dunhas 18.000 toneladas anuais, segundo as estatísticas de AGAFAC, no 2014 o consumo de colza na nosa comunidade foi dunhas 200.000 toneladas, toda procedente de Centroeuropa e de Francia. Os DDG´S pasaron de 77.000 toneladas a 96.000 toneladas.

 “Cada vez impórtase menos soia para alimentación animal na Unión Europea”

É estratéxico para a Unión Europea depender cada vez menos das importacións de soia, xa que se importa en máis dun 90% e a dependencia de proteína vexetal exterior é de máis dun 70%. Neste sentido, o feito de producir en Europa colza e DDG´s axuda a reducir esa dependencia.

É posible desde o punto de vista nutricional substituír a torta de soia por colza e DDG?
Si, polo menos nunha proporción moi alta, sobre todo en rumiantes, tanto en vacas de leite como, sobre todo, en tenreiros de cebo. No ensaio que realizamos a substitución de proteína de soia por proteínas alternativas (torta de colza e DDG´s) roldaba o 80% e non se producían diferenzas nas producións. Practicamente nos 90% parámetros produtivos, tanto en leite como en carne, non existía variación, aínda que temos que matizar que canto maiores sexan os requirimentos de proteína por parte do animal, a porcentaxe de substitución é menor.

“A torta de colza ten mellor equilibrio de aminoácidos que a soia respecto da caseína”

É certo que a colza ten un 34% de proteína fronte a un 47% da soia. Con todo, a torta de colza é a que mellor equilibrio de aminoácidos garda respecto da proteína do leite, a caseína. É algo máis deficitaria en lisina, pero no resto de aminoácidos a torta de colza digamos que son máis aproveitables polas vacas para a produción de caseína.

Estaríanse a ofrecer as mesmas garantías sanitarias que a torta de soia?
Son exactamente as mesmas. Estas materias primas alternativas non teñen risco sanitario por elas mesmas, senón polos procesos de produción aos que se someten. Existe a mesma seguridade sanitaria para os cereais que para calquera outra torta, incluída a colza.

Quizais haxa que prestar máis atención aos DDG´s xa que estes concentran por 3 os niveis de sustancias que puidesen vir no gran de cereal, por exemplo na micotoxinas.

Cales serían as diferenzas de custos entre unha ración a base de soia e outra a base de colza e DDG´s?
Habería que ver cada caso concreto. Na formulación dos pensos con ingredientes alternativos son de custo inferior a que se se estivese empregando unicamente soia. Como norma xeral, para unha ración diaria de 10 quilos de penso por vaca e día poderiamos estar a falar dun aforro para o gandeiro de entre 5 e 10 euros por tonelada utilizando materias primas alternativas á soia, aínda que pode ser maior segundo a produción láctea das vacas.

En caso de vacas de produción moderada de 8.000 litros a substitución de soia por colza podería ser total. No caso dos DDG´s, sobre todo os de millo, que é o cereal que máis se está utilizando nos últimos anos, polo seu contido en graxa insaturada a substitución quizais sexa un pouco inferior, xa que é máis deficitario en aminoácidos esenciais como histidina, lisina ou metionina. Hai que ter en conta tamén os ácidos graxos insaturados que teñen os DDG´s de millo, pois poderían reducir a porcentaxe de graxa en leite.

“Para vacas de 8.000 litros de produción a substitución de soia por colza podería ser total”

E para os fabricantes de pensos para alimentación animal, ¿Que vantaxes lles pode achegar este cambio?
As fábricas de penso galegas están a importar DDG´s, sobre todo de orixe Norteamericana e doutras plantas de etanol europeas con prezos competitivos e calidades similares aos nacionais. Para os fabricantes, dispoñer dunha maior oferta, con ata 6 materias primas proteicas, permite máis versatilidade ás fórmulas, sempre achegando os nutrientes necesarios para os animais.

Esta maior oferta e máis diversa permítenos ser máis competitivos e evitar a volatilidade nos prezos das materias primas. Por outra banda, a composición en nutrientes do penso ou das racións é máis homoxénea.

Campo de cultivo de colza no CIAM.

Campo de cultivo de colza no CIAM.

A colza pódese cultivar en Galicia e pódese ensilar en verde. Estudaches esta variable?
Na tese non se tivo en conta o ensilado. Pero diría que é un cultivo de inverno e primavera que se pode incorporar perfectamente ao ciclo agronómico dunha explotación gandeira, e que en determinado momento pode substituír aos raigrases italianos, que van bastante baixos en proteína, mentres que a colza ensilada en verde ten máis contido deste nutriente.

Hai que ter en conta que uno dos problemas das racións forraxeiras do vacún de leite en Galicia é que están algo baixas de proteína e este cultivo axudaría a paliar esta deficiencia.

Que perspectivas de aplicación temporal veslle a este cambio na ración de soia pola de colza e DDG´s?
Agora mesmo estas dúas materias primas xa resultan imprescindibles nas racións, sobre todo nas de vacún de leite. Sería un shock que por calquera motivo se paralizase a entrada de colza e de DDG´s: somos colzadependentes e DDG´s dependentes.

“A crecente presenza de colza e DDG´s nos pensos contribuíu a suavizar os prezos da soia”

As directivas comunitarias sobre utilización de biocombustibles no transporte márcanse como obxectivo un mínimo do 7% para o 2020 procedente de biodiésel ou de etanol. Isto representa un consumo enorme e unha gran oferta de materias primas para alimentación animal.

Pódese concluír que a maior presenza de colza e de DDG´s nos pensos contribuíu a diminuír os prezos da soia?
Efectivamente. Destacaría que o feito de dispoñer de materias primas como a colza ou os DDG´s incorpora unha presión sobre a materia prima principal, que é a soia, contribuíndo a suavizar tanto as curvas de subida como de baixada dos seus prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información