“A Limia avanza cara a profesionalización, para o que precisamos un regadío moderno”

Tratamos con María Teresa Joga, presidenta da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal), algunhas das cuestións claves para esta comarca, como a situación da xestión dos xurros ou a modernización dos regadíos

Publicidade
“A Limia avanza cara a profesionalización, para o que precisamos un regadío moderno”

María Teresa Joga Martínez, presidenta da asociación Adegal, da Limia.

A xestión dos xurros e dos estercos na Limia é un dos temas que máis está a preocupar nesta comarca nos últimos tempos, dada a elevada densidade de granxas na zona. Abordamos con María Teresa Joga Martínez, presidenta da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) esta situación e algunhas das posibles solucións que contemplan dende este colectivo, onde o sector agrícola e gandeiro representa o 70% dos máis de 400 socios cos que conta na actualidade.

Que valoración facedes do problema que hai coa xestión dos xurros e estercos na Limia?
Entendemos que, nestes momentos, non é unha situación tan problemática como se está a transmitir aínda que, ó igual ca todo, sempre se podería mellorar. Dende o punto de vista agrícola e gandeiro, estase cumprindo coa normativa, máxime tendo en conta a peculiaridade de que nos atopamos nunha zona cunhas grandes restricións e obrigas en materias medioambientais, ó estar catalogada como Zona de Especial Protección de Aves (Zepa). A situación non é alarmante e os gandeiros e agricultores están cumprindo coa norma existente.

“A situación dos xurros da Limia non é alarmante e estase a cumprir coa norma”

En que vos baseades para dicir que non é unha situación tan problemática?
Nas analíticas que ten a Confederación Hidrográfica, así como datos propios resultado de analíticas de control que facemos nós. Están moito por debaixo do límite, aínda dentro dos valores normais.

Que restricións tedes ó atoparse a Limia enmarcada como zona Zepa?
As restricións son de tipo medioambiental. As normas son máis estritas ca noutras zonas e afectan non só á xestión senón á hora de abrir novas explotacións, facer ampliacións e modificacións de uso tanto de instalacións como das terras agrícolas. Aquí, un dos temas que máis estamos demandando á Administración é a necesidade de ampliar a superficie de terra para cultivo.

“Levamos tempo demandando ampliar a superficie de terra de cultivo, o que tamén favorecería a xestión dos xurros”

De non existir estas limitacións, os nosos labregos terían máis posibilidade de ampliar as terras de cultivo, o que permitiría contar con máis superficie para os xurros, co cal o grado de concentración diminuiría. Por outra banda, os gandeiros terían unha superficie agraria dispoñible máis próxima que evitaría ter que desprazar este tipo de residuos a outras zonas como están facendo agora mesmo a zonas como A Cañiza, o que lles suporía menos gastos.

Posibles solucións para a xestión dos xurros e abonos na Limia

Como se podería abordar agora mesmo esta problemática da xestión dos xurros? Que posible solución lle vedes?
Nestes momentos trabállase en varias liñas:
-Estase tratando de volver abrir a planta de tratamento de xurros de Sarreaus, que fora pechada. Esta é unha forma de canalizar dalgún xeito os xurros e tentar a transformación en abono orgánico, que sería de vital importancia para a nosa comarca. Tamén se está estudando a posibilidade de abrir unha planta de biogás ligada a esta instalación.

-Trabállase nun sistema moderno de almacenaxe para xurros e outro tipo de abonos. Estanse deseñando distintos tipos de dispositivos, pero non teñen aínda autorización por parte da Administración. O problema é que, neste momento, os particulares están solicitando autorizacións para facelo de forma correcta e evitar sancións pero, por agora, non se deu resposta, polo que, en certo modo, estase freando a súa implantación. Agora mesmo existe un baleiro legal que deixa ós gandeiros que fan estes depósitos sen ningún tipo de recomendacións sobre como levar a cabo esta almacenaxe. Nós levamos tempo demandándolle á Administración que teña en conta ós gandeiros e agricultores – os sectores afectados- e que especifique a forma na que facer estes depósitos para que non haxa impacto ó medio nin escorreduras, pero tampouco sancións.

“A modernización dos plans de regadío permitiría diversificar cultivos e mellorar a xestión dos xurros”

-Estase mirando de optar por sistemas de inxeccións de xurros. O problema é que, para maioría das granxas da comarca, que son de pequeno ou mediano tamaño, suporía un desembolso económico moi grande, xa que non abondaría con mercar un sistema de inxección dos xurros, senón que, en boa parte dos casos, supón tamén renovar outra maquinaria como o tractor. Por iso, tamén lle estamos solicitando á Administración que dote dalgún tipo de bonificación ós agricultores e gandeiros para que poidan afrontar estas inversións.

-Outra das medidas contempladas é a utilización de vehículos especializados que rotarían dentro das distintas ganderías para facer un centrifugado dos xurros e separar o residuo sólido do líquido.

Pero quizais, un dos temas no que máis esforzos hai que poñer é na modernización dos plans de regadío. Isto permitiría unha diversificación de cultivos que teñan maior demanda de xurros e doutro tipo de estercos que se xeran na comarca. Se este tipo de cultivos poden absorber unha maior cantidade destes residuos é tamén unha posible solución para a xestión dos xurros, á par que se aposta por diversificar os cultivos.

De que cultivos se trata?
Son cultivos que agora mesmo xa se están comezando a implantar na comarca nese camiño por abandonar o bicultivo de trigo e pataca e abrirse a outros cultivos como a cebola, produtos hortícolas ou variedades de millo que requiren unha maior cantidade de abono.

En que punto se atopa agora o proxecto de modernización do sistema de regadío?
É un proceso no que se acaba de dar un paso máis, coa aprobación da declaración de impacto ambiental. Prevese que de seguido se poidan comezar coas primeiras perforacións, pero aínda non se concretaron prazos nin datas. Estamos nunha fase moi inicial.

A parte do tema do regadío, outra das reivindicacións nas que levades tempo insistindo é na limpeza de canles e drenaxes. Como se atopa agora esta cuestión?
O problema que temos aquí é que, a pouco que se produzan choivas un pouco abundantes, provocan inundacións que teñen a súa orixe nun deficiente mantemento das canles e dos regadíos. Se realmente se fixera unha limpeza das canles, das cunetas e dos cauces dos ríos, favoreceríase a drenaxe das precipitacións máis abundantes e tamén facilitaría a conservación das infraestruturas, como as estradas que se ven afectadas por estes asolagamentos.

Por outra parte, nós vemos que se se procedese a esta limpeza, o movemento das augas sería moito máis fluído e mesmo favorecería evitar contaminación. Temos presentado xa moitos escritos, tanto á Consellería de Medio Ambiente como a Confederación Hidrográfica, para que se faga este tipo de mantemento pero sempre se nos alega que hai especies a protexer.  Agora o que temos é tanto a canle principal como o resto de canles secundarias totalmente cubertas de maleza e con augas estancadas, o que non favorece a drenaxe cando chove.

Levabades anos agardando pola construción de novos pozos, e nos últimos anos anunciáronse novas perforacións, mellorouse nese aspecto?
Nós realmente o que estamos é reclamando unha modernización da comarca. O sistema de pozos é un parche á situación que hai hoxe. A Limia camiña cara unha profesionalización e, aínda que os novos pozos son necesarios, o realmente importante é dotar ó sector dun sistema de regadío moderno.

“O plan de regadío suporía abaratar custos, poder diversificar cultivos e un maior aproveitamento da auga”

Que suporía para o sector levar a cabo estas melloras no regadío?
Suporíao todo. En primeiro lugar, implicaría un abaratamento dos custos de regadío. Pasaríamos de que cada agricultor teña que dispoñer dun motor para bombear a auga, o que implica uns gastos, como ocorre agora, a que poidan contar na súa parcela cun sistema co que empezar a regar directamente. Tamén se abre a posibilidade de diversificar os cultivos. Ademais, suporía unha mellora no aproveitamento da auga, podendo optar por outros sistemas como o goteo, a diferenza do que acontece hoxe, que maioritariamente se emprega a rega por aspersión.

A Limia non se entende sen a produción de pataca, en que situación se atopa este mercado?
Como acontece con tódolos produtos agrícolas, non se pode valorar este mercado porque é moi oscilante. Hai anos nos que o prezo da pataca é rendible, mentres que, noutros é inviable. É un mercado que flutúa moito e no que o agricultor sempre se atopa nun estado de incertidume no que dende que sementa a pataca ata que a recolle e a vende non sabe se vai obter beneficios ou non dar nin asumido os custos da produción.

Tampouco é desprezable a produción de cereais, que cifras manexa e que perspectivas de futuro hai para este mercado?
As cifras son tamén moi oscilantes, dependendo moito das circunstancias meteorolóxicas. Nos últimos anos produciuse unha merma na produción por xeadas, inundacións ou vagas de calor no momento de xerminación do gran. O ano pasado sementáronse unhas 14.000 hectáreas e producíronse uns 35.000.000 kg de cereais.

“Agardamos aumentar a superficie destinada a millo forraxeiro e ampliala a outras zonas para comprobar a súa viabilidade”

Nos últimos anos xurdiron ademais sinerxías con outros produtores, como o convenio de cultivo de millo forraxeiro para os gandeiros do Deza. Hai máis peticións por parte doutras zonas?
Nestes momentos aínda é un proxecto piloto e estase estudando se se adapta ben ás condicións climatolóxicas da zona e ás infraestruturas, polo que, máis que valorar unha apertura cara a outros mercados, estase avaliando se resulta rendible. En principio, a efectos teóricos resulta viable e os primeiros resultados do ano pasado onde se sementaron 40 hectáreas de millo forraxeiro tamén para distintas cooperativas e ganderías galegas, foron favorables. Este ano agardamos aumentar a superficie e ampliala a outras zonas para comprobar a súa viabilidade.

Que peso ten a día de hoxe o sector gandeiro e agrícola na Limia? Cantos postos de traballo xera?
A Limia non se entende sen estes dous sectores, que son o seu motor. O resto dos sectores están sempre condicionados pola situación que atravesen a agricultura e a gandería. Nestes momentos, os datos que manexamos son de 2.200 unidades de traballo agrario na comarca.

mesa limia

Reunión da Mesa da Limia

A Mesa da Limia, na que participa a Administración conxuntamente con representantes do sector agrogandeiro da Limia (empresas, pataqueiros, asociacións agrarias, regantes, etc.), así coma cos colectivos ecoloxistas, mantivo unha reunión onte na que se abordaron tódalas cuestións que preocupan na comarca, como a xestión dos xurros e a modernización dos regadíos.

Tras a xuntanza, a Plataforma Augas Limpas amosou a súa satisfacción polo feito de que o conselleiro do Medio Rural anunciase unha futura lexislación para regular a xestión dos residuos agrogandeiros. Esta mañá, o Movemento Ecoloxista da Limia tiña prevista precisamente unha reunión coa Fiscalía de Medioambiente para abordar a cuestión dos xurros na Limia. Cómpre lembrar que a mediados de marzo, o grupo En Marea presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medioambiente por esa cuestión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información