A regulación do mercado lácteo queda en mans da Interprofesional

Tras as medidas adoptadas en Bruxelas, a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) agarda que a Inlac estableza en España límites voluntarios á produción. As cooperativas piden tamén a retirada de leite do mercado

A regulación do mercado lácteo queda en mans da Interprofesional

Reunión da conselleira do Medio Rural coas cooperativas galegas.

A Comisión Europea pasoulle a pelota da regulación do mercado ós propios gandeiros e ás industrias. Non haberá un control público da sobreprodución de leite que está a afundir o mercado. Os ministros de Agricultura da UE foron claros. Terán que ser organizacións de produtores, cooperativas ou interprofesionais as que asuman ese control. En España, dada a debilidade de organizacións de produtores e cooperativas, a única vía realista para asumir a regulación pasa pola Interprofesional Láctea (Inlac)

O escenario non colle de sorpresa á Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), que xa barruntaba as dificultades de maiores pasos por parte da Comisión Europea. Representantes dunha trintena de cooperativas galegas mantiveron o pasado venres unha reunión coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para valorar posibles medidas coas que afrontar a crise láctea.

Un 15-20% do leite das cooperativas galegas ten dificultades para colocarse no mercado e entrégase a baixos prezos

A situación do mercado afecta en especial ás cooperativas primeiro compradoras de leite, intermediarias entre os gandeiros e as industrias, que se atopan con dificultades para comercializar a produción. Agaca calcula que arredor dun 15-20% do leite das cooperativas galegas está con dificultades importantes de colocación, o que leva a que se venda a prezos irrisorios.

Ante esta situación, as cooperativas son partidarias de abordar unha regulación do mercado en España, tanto a través da retirada de leite sobrante como do establecemento de límites voluntarios á produción. Ese posible control de volumes conduce agora inevitablemente á Inteprofesional Láctea. “A Interprofesional podería incentivar ás granxas para limitar a produción, a imaxe do que xa fixo no seu día a cooperativa Friesland Campina”, valora o director xerente de Agaca, Higinio Mougán.

A intervención da Interprofesional obrigaría a un aumento previo dos fondos aportados polo conxunto do sector

O caso de Campina
Friesland Campina, a maior cooperativa láctea de Europa, optou a comezos deste ano por pagar un suplemento de 2 céntimos por litro a aquelas granxas que reduciran ou non aumentaran os volumes entregados durante un periodo determinado de tempo. O traslado dun sistema similar de bonificacións a España, xestionado pola Interprofesional, tería que pasar previamente por un aumento dos fondos aportados á Inlac por gandeiros, industrias e cooperativas, que asumirían de xeito solidario os custos da regulación do sector.

A cuestión agora pasa por ver se é posible chegar a ese consenso e, sobre todo, en que prazos. Calquera modificación do sistema de extensión de norma da Inteprofesional, polo que se fixan as cantidades que aporta cada operador, obriga á publicación dunha orde ministerial, un proceso que dilata os prazos en plena crise estacional de primavera, cando a produción de leite medra e os problemas de mercado se agravan. De pouco serviría que a Interprofesional estivese lista para afrontar a crise no outono, valoran desde o sector, pois a situación, din, precisa de accións sobre o mercado de xeito inmediato.

Axuda humanitaria
Desde Agaca, avógase tamén pola retirada de produción do mercado, unha posibilidade que podería asumir a propia Administración con destino a plans de axuda humanitaria. Outra alternativa para a retirada pasaría tamén pola Interprofesional.

“España debería controlar a entrada de derivados lácteos a prezos de ruína, como vén sucedendo cos queixos” (Agaca)

De xeito paralelo ó control da produción e á retirada de leite do mercado, as cooperativas demandan do Goberno un control das importacións: “Non se entende que as Administracións ignoren as accións doutros países, como o caso de Italia que exerce un control sobre as importacións de leite. España debería activar mecanismos de retirada do leite sobrante no mercado e controlar a entrada de derivados lácteos a prezos de ruina, como vén sucedendo co queixo”, valora Agaca.

As cooperativas piden tamén un control do leite que se vende a prezo de po e advirten de que é preciso continuar avanzando no cumprimento do acordo lácteo. Así llo trasladaron o pasado venres á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Medio Rural e as cooperativas galegas coincidiron tamén na necesidade de avanzar na integración de cooperativas e no fortalecemento das organizacións de produtores.

Valoracións das organizacións agrarias
Entre as organizacións agrarias, as medidas adoptadas por Bruxelas son consideradas “decepcionantes”. O sector agardaba un control público da produción, coordinado entre todos os Estados e con cartos públicos para financiar a medida. No seu lugar, a Comisión renuncia a coller o timón e deixa o mercado en mans da autorregulación que poidan facer as partes.

A decisión da Comisión Europea aboca, na práctica, á xestión nacional do problema en cada país, unha vía que non gusta no sector. “Poderían aumentar as desigualdades produción-consumo entre países”, advirte Javier Iglesias, de Unións Agrarias, en declaracións ós medios.

O sector teme que unha hipotética reducción da produción en España se acompañe de maiores importacións

Se España, que produce menos leite do que consume, reduce a produción, e outros países excedentarios continúan co grifo aberto e enviando excedentes ó mercado español a baixo prezo, a situación de mercado continuaría a ser complicada para as granxas españolas, valoran desde o sector.

O Sindicato Labrego posiciónase tamén por unha regulación do mercado desde os poderes públicos como única saída para as granxas, en tanto que Asaja Galicia critica ás medidas de Bruxelas, que “chegan tarde e mal”, e tamén ve dificultades nunha autorregulación da produción por parte de gandeiros e industrias.

A nivel estatal, a Coag califica de “brinde o sol” as medidas anunciadas pola Comisión: “Ningún país vai someter voluntariamente o seu sector a unha reducción da producción para deixarlle libre o mercado ós competidores”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información