A produción de leite moderouse en Europa no primeiro trimestre

A produción de leite moderouse en Europa no primeiro trimestre

O temor á supertaxa levou a unha redución das entregas.

O Observatorio do mercado lácteo vén de facer públicos os datos de produción de leite do primeiro trimestre do ano (xaneiro – marzo), que confirman unha tendencia xeral á redución das entregas en comparación co primeiro trimestre do 2014. O perigo da supertaxa na última campaña na que estiveron en vigor a cota, que rematou o 31 de marzo, explican en boa medida esa baixada das entregas, se ben, a moderación da produción continuou no mes de abril nalgúns dos principais países leiteiros, como Alemaña ou Francia, que seguen a facer entregas por baixo das do 2014.

No primeiro trimestre do ano, a redución da produción constatouse na maioría dos grandes países produtores da UE, caso de Francia (- 2,7%), Alemaña (-1,4 %), España (- 0,8%), Italia (- 1,2 %) ou Irlanda (- 4,3 %). Pola contra, houbo outra parte de países que creceron no primeiro trimestre, caso de Portugal (+5,5 %), República Checa ou Hungría.

No global da campaña 2014-2015, a produción medrou na práctica totalidade de países, cun crecemento medio na UE-28 do 2,8%, segundo os datos do Observatorio Europeo. Os bos prezos da primeira parte da campaña contribuiron a ese aumento da produción, situación contraria á que se rexistra no inicio da campaña 2015-2016, na que os baixos prezos están a levar á moderación das entregas de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información