A Plataforma conclúe a primeira fase de mobilizacións ante a distribución

Os colectivos que integran a coordinadora manterán unha reunión este luns para decidir novas accións en demanda da recuperación de prezos do leite

A Plataforma conclúe a primeira fase de mobilizacións ante a distribución

Distribución de información este xoves ante un Dia, en Pontevedra. / Imaxe: UU.AA.

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo culminou hoxe as mobilizacións previstas ante centros da gran distribución cun acto en Ferrol. Para mañá programárase outro en Vigo, pero finalmente, dada a distancia da cidade olívica coas zonas gandeiras, desbotouse polo de agora ese acto. O luns, os colectivos que conforman a Plataforma manterán un novo encontro para preparar unha segunda fase das mobilizacións.

Sobre a mesa, está a posibilidade xa anunciada de facer tractoradas ante a Xunta, en Santiago, e ante a Delegación do Goberno, na Coruña, así como posibles bloqueos a centros de distribución.

Nas accións informativas realizadas esta semana ante diversas cadeas de supermercados, os gandeiros trataron de sensibilizar á poboación sobre o problema de baixos prezos do sector, poñendo de manifesto o paradoxo de que subiran os prezos do leite no supermercado pero non no campo.

Os produtores estiveron luns en Santiago, martes na Coruña, mércores en Lugo, xoves en Pontevedra e hoxe venres en Ferrol. En varias das cidades, caso de Santiago, Coruña ou Pontevedra, compareceron en rolda de prensa cos alcaldes locais, que amosaron a súa solidariedade co sector.

Para a semana, está prevista tamén unha mobilización da asociación Agro Muralla o xoves 10 en Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información