A oliveira volve a Galicia

Este ano está previsto que se duplique a produción de aceite de oliva galego. Cada vez son máis as comunidades de montes e particulares que se deciden a facer plantacións de oliveiras ante os baixos prezos da madeira e aos altos prezos do “ouro verde”. 

A oliveira volve a Galicia

Oliveira da variedade Arbequina.

Olveira, Oliveira..na toponimia e na antroponimia galega abundan os referentes a unha árbore outrora abundante en Galicia. A súa chegada remóntase á época dos romanos, que o introduciron na Ribeira Sacra, e foi cos Reis Católicos, no século XV, cando se estableceu un imposto de catro reais por oliveira que as foi condenando á tala e á súa case total desaparición da paisaxe galega.

Cinco séculos despois, as altas cotizacións do aceite de oliva, cuxa demanda mundial non para de medrar -o seu consumo multiplicouse por 1,7 nos últimos 25 anos-, unido aos baixos prezos da madeira, están permitindo que os oliveirais volvan con forza a ocupar o seu sitio no campo galego. Nestes momentos xa hai 75 hectáreas de olivar en Galicia, unha superficie que medra ano tras ano.

Unha das grandes impulsoras da plantación de oliveiras en Galicia é a empresa ourensá Aceites Abril, que asesora gratuitamente tanto a particulares como a comunidades de montes interesadas en realizar unha plantación de oliveiras.

A responsable do Departamento de Agro de Aceites Abril, Manuela González, explícanos as claves para realizar unha plantación de oliveiras, un cultivo que pode ser un complemento interesante para as economías dos agricultores, contribuíndo a asentar poboación no medio rural.

Cal é o terreo adecuado para plantar oliveiras en Galicia?

Manuela González explica que os requisitos para plantar un oliveiral en Galicia son:

– Leiras aptas: que teñan unha boa orientación cara ao sur, que non se encharquen e que teñan unha boa drenaxe.

– Que a variedade de oliveira estea adaptada ao clima de Galicia. Aceites Abril recomenda a variedade Arbequina, orixinaria do norte de Lérida, porque está á mesma latitude e nunha zona con condicións climatolóxicas parecidas ás do sur de Galicia. Ademais, é unha variedade resistente ás xeadas.

– Dentro de Galicia as zonas aptas para o cultivo son a provincia de Ourense, a de Pontevedra e a Ribeira Sacra lucense. Ademais, a oliveira pódese asociar moi ben nestas zonas coa vide.

Que tipo de plantación é a máis adecuada para Galicia?

oliveiras_aceites_abril_01_standar

Plantación de alta densidade.

“Un dos problemas co que nos atopamos en Galicia é o minifundio, que provoca que unha plantación de oliveiral tradicional non sexa rendible” explica Manuela González.

Por iso, desde Aceites Abril optaron por plantacións de alta densidade, de 1.800 oliveiras por hectárea, para aproveitar ao máximo a terra.

As plantas son de 1 ano de idade, duns 50 cm, e ao seren unha variedade de crecemento rápido ao segundo ou terceiro ano xa pode producir olivas. As plantas de oliveira son fornecidas por Aceites Abril e proveñen de viveiros de Andalucía e de Cataluña.

Por que se opta pola variedade arbequina e non pola tradicional variedade galega?

A directora do departamento de Agro de Aceites Abril explica que “a parte de estar adaptada ao clima de Galicia e ser residente ás xeadas, a Arbequina é unha variedade moi estable e regular na súa produción, sen grandes oscilacións dun ano para outro”.

Salienta ademais que “o aceite de Arbequina ten sabor a herba fresca, a verde e polo clima e os chans de Galicia eses matices aínda están máis pronunciados”, así como un equilibrio entre amargo e doces. “En definitiva, é un aceite de moi boa calidade, suave, idóneo para o mercado, sobre todo para a exportación”, subliña.

Por outra banda, o problema da variedade “oliveira galega”, tradicional de Galicia e predominante en Portugal, é que ten dificultade de enraizamiento e presenta bastante vecería; é dicir, oscilacións de produción entre anos.

A canto ascende o investimento para unha plantación de oliveira en Galicia?

“Depende da situación da leira, pois se está a monte e hai que realizar tala de árbores e destoconado o investimento sobe”, explica a técnica de Aceites Abril.

Supoñendo que a leira estea medianamente limpa, o investimento por hectárea cun sistema de alta densidade ou superintensivo e con espaldeira é duns 6.500 € por hectárea, segundo os cálculos de Aceites Abril.

O rendemento medio previsto é de 9.000 a 10.000 kg de oliva por hectárea, o que en euros se traduce nuns 6.500 € anuais para o agricultor.

Quen compra a produción?

Dado o aumento de empresas que elaboran e comercializan aceite de oliva galego isto non parece ser un gran problema.

oliveiras_aceites_abril_02_standar

Plantación de oliveiras en Galicia co método superintensivo.

No caso Aceites Abril, antes de realizar a plantación a empresa chega a un acordo de colaboración co propietario. Neste acordo identifícase onde está a leira, o número de oliveiras e a variedade, co obxectivo de ter unha trazabilidade. “Isto permítenos garantir que o aceite de oliva galego que vendemos -o ano pasado foron unhas 3.000 botellas- é 100% de oliva galega”, explica Manuela González.

Ademais, neste acordo de colaboración Aceites Abril comprométese á compra da oliva ao produtor a un prezo de mercado. Así, na campaña do pasado ano o prezo estivo entre os 0,75 e 0,80 €/kg.

En 2014 procesáronse en Aceites Abril ao redor de 4.000 quilogramos de oliva galega, proveniente principalmente de oliveiras de dous anos de idade. Desa materia prima extraeuse aceite para unhas 3.000 botellas de aceite 100% galego.

Este ano Aceites Abril estima que procesará máis de 8.000 quilogramos de oliva procedente dos olivareirais de Galicia.

Que potencial de produción de aceite de oliva ten Galicia?

Galicia ten o limitante de que non todas as comarcas son aptas para o cultivo da oliveira, o que segundo a responsable do Departamento de Agro de Aceites Abril “provocará que a produción sexa limitada pero respectable e, co que é máis importante: o valor engadido de ser un produto de aquí e ser un aceite de moi boa calidade”.

“A Xunta debería establecer uns controis para garantir que o aceite de oliva que se vende como galego procede de olivas de Galicia”

Neste sentido, Manuela González móstrase convencida de que “desde a industria temos que seguir unhas boas prácticas, unha trazabilidade ,para que se garanta ao consumidor que o aceite de oliva galego procede de oliva 100% galega”.

Un primeiro paso que defende é que “a Xunta de Galicia debería fixar uns estándares e uns controis para comprobar que todo o aceite que se vende como galego procede de oliva producida en Galicia”.

“Os cálculos son fáciles: en Galicia hai 75 hectáreas de oliveiras, e a produción de aceite de oliva tense que corresponder con esta extensión”, conclúe.

O caso da comunidade de montes de Torneiros: 3 hectáreas de oliveiral plantadas e outras tres en previsión

Medio centenar de veciños da Comunidade de Montes de Torneiros (O Porriño) participaron a pasada semana na plantación de oliveiras nos terreos comunais. Baixo a dirección técnica de Aceites Abril, plantáronse un total de 3 hectáreas cunhas 5.000 oliveiras da variedade Arbequina e está previsto que este ano se amplíe a plantación noutras tres hectáreas con 4.500 árbores máis.

 “A madeira non está tendo saída e o investimento en oliveiras é unha alternativa”

Máis aló do traballo en si, a plantación popular coa Asociación de Veciños de Torneiros perseguía implicar e sensibilizar aos veciños na necesidade do coidado do monte, en xeral, e da plantación de oliveiras en particular.

Veciños de Torneiros o día da plantación.

Veciños de Torneiros o día da plantación.

Neste sentido, o presidente da Comunidade de Montes Veciñais de Torneiros, Javier Soliño, explica que “a idea xurdiu porque a madeira case non está tendo saída neste momento: o piñeiro está a 30 € o metro cúbico, e cun prazo de crecemento de 20-30 anos non nos compensa, e por iso empezamos a buscar alternativas”.

A elección do oliveiral debeuse a que “vimos unha plantación de oliveiras en Salceda de Caselas, puxémonos en contacto con Aceites Abril, pareceunos unha proposta interesante e rendible e decidímonos a plantalas”, explica Javier Soliño.

 “Non hai axudas da Xunta para a plantación de oliveiras”

O investimento realizouse con achega propia da Comunidade de Montes, “xa que desde a Xunta de Galicia non tivemos ningunha axuda”, lamenta o presidente. O beneficio estimado polos comuneiros de Torneiros está en torno aos 5.000 € anuais por hectárea.

A parte de poñer en produción os terreos, a iniciativa da Comunidade de Montes de Torneiros tamén permitiu a creación de postos de traballo no rural xa que “para o coidado da plantación temos unha persoa contratada que se encarga durante todo o ano e, nos momentos puntuais de máis traballo, contratamos a 3 ou 4 traballadores máis”, explica Javier Soliño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información