A lei da selva láctea

A decisión de Leche Celta de cancelar a recollida da cooperativa Codegui é vista polo sector como o avance dunha primavera complicada. Os produtores emprazan ó Ministerio a poñer orde no mercado

A lei da selva láctea

O sector produtor considera precisa a intervención do Ministerio de Agricultura.

O campo de xogo no que operan granxas e industrias lácteas é coñecido. Ten problemas importantes en forma de excedentes de producción, acompañados dunha baixada do consumo de lácteos en España e de dificultades nos mercados de exportación. Agora ben, quen arbitra eses excedentes? A decisión de Leche Celta de cancelar a recollida das 50 granxas da cooperativa Codegui a partir do 1 de febreiro deixa unha resposta clara. Ninguén. Cada industria regúlase como mellor lle convén. “Todos contra todos e sálvese quen poida”, resume unha fonte consultada do sector cooperativo para describir o escenario que se aveciña na primavera 2016.

“Todos contra todos e sálvese quen poida”, resumen as cooperativas para describir o escenario que se aveciña

A perda da recollida de Leche Celta enfronta ás 50 granxas de Codegui (Guitiriz, Lugo) a unha situación complicada. A única alternativa que lles apareceu ata o de agora foi a de entregar o leite a 18 céntimos, a prezos de leite en po, á espera de que poida saír nos próximos días algunha outra opción. Non é un problema exclusivo de Codegui nin das cooperativas. Tamén granxas particulares foron abandonadas no último mes por primeiros compradores (intermediarios), coa única alternativa de entregar o leite a prezos no entorno dos 20 céntimos.

Autorregulación no pasado
A incertidume para as granxas é total e as desigualdades agrávanse. Os prezos de 18-20 céntimos o litro, puntuais agora mesmo en Galicia, conviven na comunidade con prezos de 31 céntimos. Nunca ata esta campaña houbera eses diferenciais de prezo. “Antes as cousas solucionábanse a través dunha autorregulación das industrias. Os excedentes non repercutían de xeito directo sobre uns poucos gandeiros ós que se lles obriga a vender toda a producción para leite en po, como agora, senón que se repartían entre as industrias e se repercutían sobre o conxunto do sector”, explica unha fonte do sector produtor que prefire manter o anonimato.

“Antes os excedentes solucionábanse coa autorregulación das industrias. Non repercutían de xeito tan directo sobre unhas poucas granxas”

“En lugar de haber esas diferencias de prezos -continúa a mesma fonte-, os excedentes derivados para leite en po eran asumidos en conxunto. Todas as granxas tiñan que compartir unha pequena baixada do prezo”. Esa autorregulación desapareceu. As industrias, logo da sanción de Competencia da pasada primavera, que as multou con 88 millóns de euros por pactar prezos pero tamén por xestionar excedentes en conxunto e por repartirse volumes de producción, operan a machete.

Deslocalización
Cando ós excedentes actuais se sumen os excedentes estacionais de cada primavera, onde a producción medra, o panorama, auguran no sector, vai ser moi complicado en Galicia. A comunidade é ademais o territorio sobre o que as industrias están a aplicar os maiores recortes de prezos e de recollida. “Toda a regulación recae en Galicia, Cantabria e, en menor medida, en Castilla y León; en tanto comunidades como Castilla La Mancha ou Andalucía están aumentando a producción moi por riba da media nacional”, explican fontes do sector. No caso andaluz, a producción medrou no que vai de campaña un 7% fronte ó 2,6 % de media en España.

“Toda a regulación recae en Galicia e Cantabria, en tanto Andalucía e Castilla la Mancha disparan as entregas”

Solucións
Que solucións hai sobre a mesa? Quen pode facer algo, coinciden fontes de cooperativas e organizacións agrarias, é o Ministerio de Agricultura. “Podería facer presión sobre as industrias para pactar unha autorregulación ordenada dos excedentes que non repercutise de xeito tan directo sobre algunhas granxas”, valoran fontes do sector produtor. O problema, lamentan, é que Agricultura non ten vontade de abordar coas industrias a regulación do mercado.

As cooperativas, pola súa banda, comparten o mesmo diagnóstico e lembran que advertiron a Agricultura das dificultades que se aveciñaban, pero atopáronse con escasa colaboración do Ministerio: “Tería que haber vontade no Ministerio para actuar e non hai esa vontade” -critican.- “Ou aquí paramos de producir todos en todo o Estado ou imos en dirección a unha primavera complicada”, pronostican. Desde o sector cooperativo din botar tamén en falta unha “maior solidariedade” das organizacións agrarias cos problemas ós que se enfrontan as cooperativas primeiro compradoras.

“O Ministerio podería negociar unha autorregulación ordenada dos excedentes, pero non hai vontade política de facelo”

O sector produtor recoñece o traballo ministerial á hora de lexislar cuestións como o decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión da industria á distribución, que aínda non se publicou no BOE, pero cuestiona que Agricultura se desentenda de ordenar o mercado lácteo, coas consecuencias que se están a ver nas granxas.

Entre as organizacións agrarias galegas, sería tamén unánime o apoio a unha regulación europea dos excedentes de producción, pero coñecendo á Comisión Europea e ó comisario de Agricultura, Phil Hogan, pouco partidario da intervención nos mercados, consideran que a alternativa de solución europea é a día de hoxe pouco realista, dun calibre similar a pedirlle peras ó olmo.

“Ou todos reducimos a producción en todo o Estado ou imos cara unha primavera complicada”, valoran desde as cooperativas

Importacións
Os problemas de excedentes puxeron o foco as últimas semanas sobre as importacións de leite líquido en Galicia, sobre todo das procedentes de Portugal, se ben fontes do sector produtor coñecedoras do mercado réstanlle importancia á entrada de leite de fóra, xa que boa parte do mesmo, aseguran, vai dirixido ás torres de leite en po de Larsa (Lugo), que traballan a maquila, e de Reny Picot, en Asturias.

Tamén hai historicamente unha comercialización de leite portugués cara queixerías de Castela a través dun primeiro comprador galego. Por outra banda, o sector percibe que Galicia está aumentando a canalización de excedentes cara Portugal, polo que a relación entre as dúas beiras do Miño presúmese actualmente equilibrada.

Medio Rural cuestiona a decisión de Lactalis de non subir o leite

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que asinou onte un convenio de colaboración co Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), contestou no acto ás preguntas da prensa sobre a crise láctea. Daquela, aínda non trascendera a decisión de Leche Celta de abandonar a recollida de Codegui e Vázquez centrou o seu discurso en pedir “seriedade” das diferentes partes da cadea láctea, distribución, industrias e gandeiros.

“Non pode ser que uns digan que fan unha cousa e outros a contraria” (Ángeles Vázquez)

En canto á industria, a conselleira advertiu de que “non pode ser que uns digan que fan unha cousa e outros digan que fan a contraria”, sinalou en alusión ó diferente comportamento de Lactalis, que non lle subiu o prezo do leite ás granxas, e de Leche Celta, que si repercutiu unha suba de 0,5 céntimos por litro nos gandeiros despois de que a distribución subise, en decembro pasado, os prezos de compra das marcas brancas. Lactalis e Leche Celta son dous dos principais proveedores de marcas brancas das cadeas de supermercados.

Do mesmo xeito, Vázquez tamén demandou seriedade dos gandeiros e pediulles “unión” e negociación de prezos a través das organizacións de produtores. Sobre a protesta que hai convocada para mañá venres en Lactalis, a conselleira entende que é lóxico que o gandeiro teña “inquietudes” porque sinala que son xa demasiados meses agardando unha suba progresiva dos prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información