A Fundación Juana de Vega e AGACA alíanse para promover boas prácticas na cadea de valor alimentaria

A Fundación Juana de Vega e AGACA alíanse para promover boas prácticas na cadea de valor alimentaria

José Montes, presidente de Agaca, e Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) asinaron, esta tarde, un convenio para promover a adhesión ao Código de Boas Prácticas entre os operadores que integran a cadea de valor agroalimentaria, que ten como obxectivo evitar as prácticas abusivas que se poidan producir entre os diferentes operadores da cadea.

A Lei 12/2013 de Medidas para a mellora do funcionamento da Cadea Alimentaria contempla a figura do Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria para lograr maior transparencia, reciprocidade e axilidade nas relacións comerciais que se producen entre produción, industria e distribución, de xeito que se contribúa á mellora da competitividade e sustentabilidade na cadea alimentaria.

Legalidade; defensa dos consumidores; liberdade de empresa, de mercado e de pactos; lealdade; transparencia, claridade, concreción, sinxeleza; eficiencia e sustentabilidade son principios polos que avoga o Código de Boas Prácticas, para acadar un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais, mellorar o acceso á información, á trazabilidade e a regulación das prácticas comerciais.

Para iso, elaborarase material divulgativo e difundirase entre as empresas e cooperativas do sector agroalimentario galego, para lograr a súa adhesión voluntaria, xunto coa distribución, ao Código de Boas Prácticas Mercantís.

A Fundación Juana de Vega e AGACA, pola súa fonda implantación entre os axentes que integran o sector agroalimentario, atópanse nunha posición propicia para actuar como impulsores da incorporación dos principios do Código á xestión das empresas e cooperativas agroalimentarias, que supoñen un dos principais motores da economía do medio rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información