A Fruga denuncia as “condicións leoninas” do novo contrato de Lactalis

A Fruga denuncia as “condicións leoninas” do novo contrato de Lactalis

Elías Somoza e Manuel da Cal, responsables da Fruga, durante unha rolda de prensa

A Federación Rural Galega (Fruga) denuncia a través dun comunicado que a multinacional francesa Lactalis, a primeira industria láctea en volume de recollida de Galicia, “impón as súas propias condicións ás granxas”, no
contrato que está a presentar estes días ás súas ganderías.

Deste contrato, a Fruga conclúe que “non responde a ningunha negociación entre as partes, senón que é unha pura imposición da empresa compradora, xa que de non aceptar as súas condicións, o dia 1 de agosto Lactalis anuncia que xa non ven a recoller o leite”.

En segundo lugar, dende a Federación Rural Galega afirman que “os prezos que impón a empresa seguen á baixa, partindo dun prezo inferior ao prezo medio pagado na Galiza, que xa é o mais baixo de todo o Estado español”. Esta baixada é debida a que o sistema de indexación de prezos do Observatorio do Sector Lácteo prima os prezos pagados nos meses anteriores. Así, Lactalis aplica unha baixada do 4,14%, o mesmo que caeron o prezos de xaneiro a maio de 2016 en Galiza. Isto fai que un contrato que parte dun prezo de 0,27€/l, ao lle aplicar a porcentaxe de redución fica en 0,2588€/l.

Piden á Xunta e ao Ministerio que interveñan ante as “condicións leoninas” do contrato de Lactalis

Ademais, dende a Fruga advirten de que Lactalis impón no seu contrato unha cláusula de confidencialidade que obriga ás dúas partes a non revelar o contido do mesmo durante un período de dous anos dende a finalización do contrato. “Esta cláusula non figura no Modelo de Contrato de subministro de leite de vaca, elaborada pola INLAC, no marco do Acordo Lácteo de Madrid”, advirten dende a Fruga.

Ante esta situación, dende a Fruga denuncian que o novo contrato lácteo de Lactalis “é un abuso absoluto”, polo que demanda á Xunta e ao Ministerio “que actúen e obriguen á empresa a retirar estas condicións leoninas, que mesmo, ao noso entender, atentan contra a liberdade de sindicación da parte máis feble da chamada cadea de valor do leite”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información