A Feira do Viño de Monterrei arrinca hoxe en Verín

Dezaseis adegas da denominación de orixe ofrecerán os seus produtos durante toda a fin de semana. Esta noite noméanse os novos integrantes da Cofradía de Viños de Monterrei

A Feira do Viño de Monterrei arrinca hoxe en Verín

Isabel Alonso, viticultora de 83 anos, será investida esta tarde nova cofrade da DO Monterrei.

A Feira do Viño de Monterrei, que promociona os produtos da denominación de orixe do mesmo nome, celébrase esta fin de semana na Alameda de Verín. O evento arrinca esta tarde co pregón ás 20 horas, a cargo de Manuel Villanueva, director de contidos de Mediaset España, e coa apertura das casetas das adegas participantes, un total de 16. A programación de hoxe pecharase coa imposición de medallas ós novos integrantes da Cofradía de Viños de Monterrei. A ambos actos está prevista a asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

O certame poderase visitar hoxe venres entre 20 e 23 horas, o sábado de 12 a 14.30 e de 19 a 24 horas, e o domingo de 11 a 14.30 e de 19 a 23 horas. A organización confía en superar as 15.000 degustacións de viño servidas na anterior edición. O recinto feiral conta para os máis cativos con servizo de ludoteca infantil, atendida por monitores.

Novos cofrades
A Cofradía do Viño de Monterrei suma hoxe catro novos integrantes. Entre eles estará o pregoneiro desta edición da Feira, Manuel Villanueva, natural de Marín e director de contidos de Mediaset España. Villanueva conta cunha ampla experiencia no ámbito da comunicación e desenvolveu o seu traballo, entre outros medios, no xornal ourensán La Región e na Televisión de Galicia.

A Asociación de Sumilleres de Galicia Gallaecia sumarase tamén á lista de cofrades da denominación de orixe (DO). Fundada no 1997, Gallaecia é unha das agrupacións vinícolas máis representativas da comunidade.

En representación do sector produtor, recibirá outra medalla a viticultora Isabel Alonso, de 83 anos. Natural de Oímbra, Alonso foi a primeira muller viticultora que formou parte da denominación de orixe ó integrar a súa produción na DO no ano 1994. Con este recoñecemento, quérese tamén resaltar o papel da muller na viticultura da DO Monterrei.

O cuarto cofrade que se incorpora este ano será Fernando Castro, un dos membros máis veteráns do panel de cata da D.O. É catador en Monterrei desde 1995 e desenvolveu nos últimos anos diferentes cursos relacionados coa cata e a degustación de viños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información