A feira “Abanca Cimag-Gandagro 2017” terá lugar do 25 ao 28 de xaneiro

Amplíase un día na segunda edición deste certame agrogandeiro. Haberá unha importante redución nas tarifas de espazo, cunha media superior ao 33 % respecto de cando se facían as feiras por separado

A feira  “Abanca Cimag-Gandagro 2017” terá lugar do 25 ao 28 de xaneiro

Reunión este luns en Silleda

A II Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería “Abanca Cimag-GandAgro 2017” celebrarase do 25 ao 28 de xaneiro do vindeiro ano, tal e como decidiu este luns o seu comité organizador nunha reunión celebrada pola mañá en Silleda.

Os membros do comité abordaron diversos aspectos da súa comercialización e promoción, ademais de organizativos, como a fixación de data e ampliación de un día de feira, o mércores 25, para así os expositores poderen levar a cabo unha mellor atención aos profesionais e ao mesmo tempo dispor de máis xornadas para a programación e evitar o solapamento das diferentes e variadas xornadas técnicas.

Redución das tarifas de espazo en máis dun 33%

Ao mesmo tempo, dende a dirección do certame destacouse a importante redución nas tarifas de espazo, cunha media superior ó 33 % con respecto a cando as feiras se celebraban por separado, o que supón un decidido apoio á ampliación da área expositiva.

Á xuntanza de hoxe asistiron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; Susana Pedrosa Castillo, en representación da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, así como un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia Abanca encabezado polo seu director, Ricardo Durán.

No encontro participaron 25 destacadas entidades e empresas dos sectores da agricultura, gandería e maquinaria agrícola. Así, estiveron presentes representantes de asociacións como a ADS Porcina de Silleda, FEGAPOR, AGAFAC Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos e a Federación Frisona Galega (Fefriga). E tamén as empresas Deltacinco, Ausama, Maxideza, Delaval Equipos, Forcar Cardelle, Rosber, Agrotec Entrecanales, Coren, Delagro, Hitraf, Talleres Jomabe, Imán, Agrícola Cacheda, Cogal, Mapfre Empresas Galicia, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Abanca, Agapel, Agroamb Prodalt, etc. Desculparon a súa asistencia pero expresaron o seu interese en participar na organización do certame outras entidades e empresas.

Como continuidade a esta reunión programouse outra para finais de outubro na que se fará un seguimento da evolución da contratación e programación de actividades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información