A falta de unidade leva á desconvocatoria da tractorada de Lugo

O grupo coordinador da protesta critica os bloqueos realizados nas industrias lucenses. O voceiro dos gandeiros, Roberto López, anuncia a creación dunha organización gandeira

A falta de unidade leva á desconvocatoria da tractorada de Lugo

Os tractores comezaron a abandonar a muralla sobre as 6 da tarde.

O voceiro dos gandeiros da tractorada de Lugo, Roberto López, tomou esta mañá a decisión de desconvocar a tractorada de Lugo en base ós incidentes rexistrados durante a noite nos bloqueos a Leite Río e Larsa. López, que comunicou primeiro a súa decisión á prensa e logo á asemblea de gandeiros, argumentou a desconvocatoria no seu medo a ter que responder do seu patrimonio personal polos incidentes rexistrados. “A solicitude da mobilización de Lugo está asinada por min, así que respondo co meu patrimonio personal dos danos”, asegurou.

Arredor de medio cento de tractores que participaban na mobilización de Lugo optaron na noite de onte por abandonar a mobilización na muralla e iniciar un bloqueo ás industrias lácteas de Leite Río, no Ceao, e a Larsa, en Outeiro de Rei. Con esta medida, os gandeiros sumábanse á folga de entregas iniciada na Coruña pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que ten bloqueadas a totalidade das principais industrias da Coruña e Pontevedra.

“Desconvoco porque respondo co meu patrimonio personal dos danos e das perdas causadas na mobilización de Lugo” (Roberto López)

En asemblea celebrada esta tarde na muralla, López criticou con dureza o bloqueo ás industrias. “Os gandeiros que deixaron a tractorada non respetaron a vontade da maioría e vulneraron unha condición básica que puxen o primeiro día, que esta mobilización fose pacífica e que non rompésemos nada”, declarou. López tamén se despachou sobre o bloqueo emprendido na Coruña: “Quedaron en que antes de iniciar un bloqueo esperarían a ver cal era a nosa decisión, pero non cumpriron”, criticou.

Nova organización
Ante esa situación, o voceiro dos gandeiros decidiu desconvocar a tractorada, non sen antes asegurar que impulsaría unha organización para tratar de darlle continuidade á asemblea gandeira da muralla. “A unión fai a forza”, proclamou. “Díxenvolo o primeiro día e creo que o que conseguimos aquí nos últimos dez días é un logro que non podemos perder. Días atrás, trascendera que López acordara a integración dos gandeiros de Lugo na Organización de Productores de Leche (OPL). Sen embargo, o propio López negou ese acordo nos últimos días e hoxe insistiu na creación dunha organización autónoma.

A desconvocatoria da tractorada de Lugo cuestiona o éxito do bloqueo ás industrias lucenses

O obxectivo da nova entidade sería a de pelexar polos intereses dos seus asociados. En principio, o voceiro dos gandeiros descartou que vaia implicarse na intermediación da compra venda de leite como unha organización de produtores (OP).

Sobre as 18 horas de hoxe estaban saíndo os tractores da muralla de forma progresiva. A desconvocatoria da tractorada e a negativa da maioría dos gandeiros de Lugo a sumarse á folga de entregas de leite e ó bloqueo das industrias cuestiona o éxito en Lugo da protesta iniciada na noite de onte. “Ter que tirar o leite é algo moi negro”, valoraba un gandeiro na muralla. “Hai xente que está económicamente ata o pescozo e non pode permitirse tirar o leite por moi mal que lla paguen”.

“Pacíficos fomos unha semana e non se logrou nada. Se nos imos daquí, é para pechar a explotación”, aseguran gandeiros no bloqueo de Larsa

As opinións nos bloqueos ás industrias lucenses eran diferentes. “Pacíficos fomos máis dunha semana na muralla e xa se viu de que serviu”, criticaban. “A este home estaban pagándolle o leite a 16 céntimos, pero a xente segue fría. Ao final, a este paso imos ter que acabar pagando para que nos leven o leite”, sinala un gandeiro. O aludido confirmaba a cifra: “A 16 céntimos, pero está visto que non baixou o suficiente, que a xente vaise para casa” -critica-. “A nosa idea é seguir aquí.”, asegura. “Se nos imos hoxe é para pechar a explotación”, completa o seu compañeiro.

Os produtores dos bloqueos entenden que o acordo proposto polo Ministerio non inclúe compromisos claros para a revalorización do leite, pero na muralla, López amosouse máis esperanzado. “A min o primeiro que me dixeron en Santiago na reunión con Feijoo é que o acordo do Ministerio era como o francés só que escrito en español”.

6 ideas sobre “A falta de unidade leva á desconvocatoria da tractorada de Lugo

  1. roberto lópez, campeón de salto

    As declaracións e actuacións deste “representante” dos gandeiros revólvenlle o estçomago a calquera menos ós que o teñen agradecido. O que pareceu un raio de esperanza, cando se subiu a aquel tractor para pedir que se uniran tódolos gandeiros para exixir o seu, converteuse na imaxe dun vende patrias disposto a manipular ós seus quén sabe con qué fins personalistas (unha organización agraria propia con liña directa coa xunta??). Coas últimas declaracións e mentiras queda retratado este esquirol, dicindo que a asamblea de santiago non esperou pola decision de Lugo cando chegaron a facer ata tres asambleas en espera de saber que pensaban os gandeiros de Lugo, confrontándo ós gandeiros entre provincias e dividindo o país, facendo acusacións contra os que tan peleando e xugándose o seu por eles e polos demáis que nin a xunta se atreveu aínda a facer. En fin, moito queda por facer neste país ata que os oportunistas deixen de ter cacho para medrar personalmente. Que che vaia bonito campeón!

    Contestar
    • José Luis

      Este representante fixo o que ninguén se atreveu a facer, poñer a cara polos demáis arriscando o seu patrimonio persoal e o benestar da súa familia, cousa da que espero non teña que arrepentirse.
      Dende o primeiro día dixo que sería voceiro da asamblea de representantes dos concellos mentras non houbese incidentes, en canto houbera un marchaba, e conqueriu estar en Lugo 10 días con 0 incidentes,
      Lémbroche que as decisións tomábanse en asamblea por maioría e él comunicaba as decisións que acordaba a maioría. Hai moito “demócrata” coma tí a quen as decisións da maioría importanlle un carallo, e encima tes a caradura de chamar esquirol e vendepatrias e acusalo de intereses espúreos, ¡manda carallo!
      Espero que tí, si tan convencido estás, teñas o valor de arriscarte igual que o fixo él e des a cara igual que o fixo él

      Contestar
  2. Sócrates

    A actitude persoalista de Roberto López deixa tirados/desmobilizados/enganados a una chea de gandeiros. E ao final, conseguiu o que pretendía?, superáronlle as circunstancias?. Malo fiarse deste tipo de salvadores. Unha auténtica pena.

    Contestar
    • José Luis

      Actitude personalista?, Non te enteraches que as decisións tomabas a asamblea de representantes dos concellos e que Roberto solo era o seu portavoz?
      Hai quen respeta as decisións da maioría e hai quen non

      Contestar
  3. Sócrates

    Das intervencións do portavoz so se sacan actitudes cando menos insolidarias co resto de produtores de leite de Galicia, e se realmente están soportadas por decisión dunha hipotética maioría, pois mala cousa . Esas intervención dan a sensación (e sempre polo que di ese representante) de que Lugo, e os seus gandeiros son “diferentes”, son “bos”, pórtanse “ben”, a diferenza dos “outros” que rompen papeleiras. Eu chámolle a iso insolidaridade, e máis nun intre no que os gandeiros van a por todas, porque non teñen outro remedio. Ese boísmo (penso que por parte de moi poucos) so da pé a división dun movemento que como vemos comeza a dar os seus froitos.
    En fin, e con todo o respecto do mundo, senón é una actitude persoalista, entón é una actitude insolidaria por parte duns poucos que se queren diferenciar do resto, por ser “bos”. E así non se consigue nada.

    Contestar
    • José Luis

      Vaia! facer o que decide a maioría é ser insolidario…. Curioso criterio.
      Impoñer o que decide unha minoría que berra moito….. disque é o correcto. Pois será

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información