“A crise do coronavirus demostra que a gandaría e a agricultura son estratéxicas para un país”

Ramón Armengol, novo presidente das Cooperativas Europeas (Cogeca), detalla como están a afrontar dende a entidade a situación do sector agrogandeiro, as medidas que reclaman á Comisión Europea ou os cambios que traerá a crise do coronavirus

“A crise do coronavirus demostra que a gandaría e a agricultura son estratéxicas para un país”

Ramón Armengol presidente de Cogeca.

Coñecemos de man de Ramón Armengol, o novo presidente da Confederación de Cooperativas Agroalimentarias da Unión Europea (Cogeca) como se está facendo fronte á crise do coronavirus no sector agrogandeiro. Armengol foi elixido o pasado mes de novembro presidente das cooperativas europeas, que agrupan a 40.000 entidades agrarias, que empregan a unhas 660.000 persoas e contan con máis de 7 millóns de socios. Gandeiro de porcino é tamén membro da directiva de Cooperativas Agro-alimentarias de España e da Federación de Cooperativas Agroalimentarias de Cataluña.

-Ante esta nova situación xurdida coa crise do coronavirus, desde Cogeca en que liñas de traballo están a centrarse?
Nunha situación extraordinaria estamos a actuar de maneira absolutamente extraordinaria, pero cun esquema que nos leva a ter que traballar a curto e a medio prazo; é dicir, unha vez que esta crise se supere, porque vainos deixar un escenario descoñecido para todos.

A curto prazo estamos a traballar intensamente coa Comisión Europea para que o mercado europeo siga funcionando, e o abastecemento de alimentos non sexa unha preocupación máis unida á crise sanitaria. Tamén estamos a identificar aqueles sectores que máis están a sufrir pola caída da demanda, especialmente aqueles unidos á canle Horeca. Por último, tamén estamos a pedir medidas extraordinarias en canto á flexibilización dos requisitos regulamentarios que establece a PAC, outras extraordinarias de xestión de mercados e axudas específicas aos sectores máis afectados.

A medio prazo cremos que esta situación demostrou que o sector agrogandeiro non é só básico, tamén é estratéxico, e cremos que os debates sobre a sustentabilidade deberían manterse, pero desde outro enfoque menos negativo e contando máis coa agricultura e a gandaría.

-A caída dos prezos e dos consumos son as principais preocupacións na maioría dos sectores agrarios e gandeiros. Que medidas consideran necesarias nestes momentos para o sector lácteo?
Pedimos medidas que activen todos os mecanismos de xestión de mercados dispoñibles na regulamentación e outras extraordinarias, e tamén se fala dunha redución conxuntural da produción. Ao principio da crise o sector lácteo viviu un aumento da demanda pola necesidade de aprovisionamento da distribución, pero isto xa pasou e vemos que a eliminación da canle Horeca empeza a pesar no mercado, xa que o consumo nos fogares non compensa esa perda, especialmente nos produtos transformados.

-E para o cárnico?
Aquí a situación é variable. Desde o principio houbo un problema no mercado dos cortes de vacún de calidade, nos años, cabritos e leitóns, todos eles vinculados á canle Horeca. Para estes sectores estamos a pedir medidas de almacenamento privado para poder pasar estes meses onde o mercado está parado, e paralelamente de redución da produción para poder afrontar o mercado a medio prazo, cando pase a crise.

A medida que pasan as semanas esta situación empeza a afectar a outros sectores como o do ovino-caprino, que temen ademais unha caída das exportacións aos países do Magreb, onde o mercado internacional está desequilibrado precisamente porque esta crise é global, e hai fluxos de exportacións que entran en colisión, especialmente desde Australia, que pola caída da demanda en Asia empezou a buscar outros mercados que coinciden cos destinos españois e están a chegar a prezos de derrubo.

No outro lado, o polo está a funcionar ben polo tirón do consumo nos fogares e o porcino polas exportacións a China.

“Estamos empezando a observar que os productos doutros países veñen a España a precios moi baixos e desequilibran o mercado”

-Nesta conxuntura, a estratexia dos países está a ser diferente á hora de afrontar o control do virus, pero tamén nos seus sectores produtivos. Así, por exemplo, mentres algúns países tentan reducir a produción láctea, como o caso de Francia, outros seguen coa mesma liña de traballo. Ven viable unha estratexia común a nivel europeo para os produtores?
En España a produción nacional xa é deficitaria en leite, polo que non creo que o mesmo modelo valla para todos. Nunha situación como a actual a defensa do mercado único debe ser unha prioridade e, para iso a Comisión Europea, apoiada polos Estados membros, deberían actuar con celeridade porque o que estamos a empezar a observar é que o déficit doutros países vén a España a prezos moi baixos e desequilibra o mercado. Pero cando pase a situación isto cambiará. É dicir, as medidas europeas deben axudar a dar resposta ás diferentes situacións reequilibrando o mercado de todos.

-A resposta do sector primario está a ser moi valorada nestes momentos pero, cre que a crise traerá cambios nas políticas agrarias? En que considera que debe facerse un replantexamento?
Efectivamente a situación deu visibilidade a un sector que sempre estivo aí, pero cuxa seguridade se daba por feita. Dáme un pouco de pena que unha crise como esta poña de manifesto algo tan básico para a sociedade como é asegurarse o abastecemento alimentario. Estamos a ver o que pasa co material sanitario, non quero nin pensar se tivésemos que depender do exterior para os alimentos.

“En futuros debates debemos cambiar o enfoque co que se fala do sector productor, especialmente en sostibilidade ambiental”

O que debe cambiar para os futuros debates é o enfoque co que se está falando do sector produtor, especialmente cando se fala de sustentabilidade ambiental. A responsabilización e en ocasións criminalización que se fai do sector é desproporcionada e enganosa, e pode levar a facer diagnósticos non só equivocados, senón perigosos para a produción e asegurar o abastecemento.

O sector está absolutamente comprometido co medioambiente e coa acción polo clima, pero este enfoque negativo debe cambiar, tamén apoiar ao sector europeo co orzamento necesario para afrontar novos modelos produtivos e acabar con esta deriva reduccionista que non leva máis que a desacreditar o proxecto europeo e unha das súas principais políticas, a PAC.

-Outro dos aspectos claves desde un principio no sector agrogandeiro foi a aplicación de protocolos de bioseguridade para tentar frear os contaxios ao mínimo e continuar coa produción. No caso de España, tras un mes de confinamento e coa falta de man de obra para a recollida de colleitas ou a carga de traballo que están a soportar algunhas gandarías ao establecer novas quendas de traballo que garantan a atención dos animais, ven necesaria unha revisión destes protocolos?
A realidade é que estamos a ter moitos problemas cos protocolos porque non son uniformes e hai moita incerteza, pero sobre todo sufrindo con toda lóxica o medo dos nosos traballadores. O problema non son tanto os protocolos como a clara falta e dificultade en conseguir material sanitario de protección para asegurar eses protocolos. O mercado mundial deste material non ten regras e é absolutamente especulativo, algo do que aprender para o futuro.

-A crise do coronavirus tamén provocou en rexións como Galicia a paralización de mercados fundamentais para a actividade agrogandeira, como as feiras de gando ou os mercados de alimentación de proximidade. Ambalas restricións están a deixar consecuencias directas para agricultores e gandeiros españois, que solución ou alternativas contemplan?
Non existen solucións, a caída do mercado é absoluta e está relacionado cun problema sanitario. As medidas que se expoñen é a petición de créditos para afrontar a liquidez das empresas, medidas de relaxación fiscal e, sobre o mercado, financiar un almacenamento ou conxelar a produción cárnica para dar unha saída á produción.

É certo que se están producindo ofertas de venda directa por Internet, pero o volume desta vía non compensa a caída do mercado, e ás veces faise a prezos moi baixos en relación co valor normal de mercado.

“As vendas directas están sirvindo ó sector para que a sociedade aprecie de novo o produto nacional e local”

Con todo, percibimos que estas vendas directas están a servir ao sector para que a sociedade aprecie de novo o produto nacional e local, é como unha campaña de promoción. Cando todo isto pase poderase analizar mellor este fenómeno. Por exemplo, segundo o panel de consumo do Ministerio de Agricultura o consumo de cordeiro nos fogares aumentou nun 30% durante a semana 13.

-Máis a longo prazo e non só pola influencia da crise do coronavirus, desde Cogeca consideran necesario repensar o papel da Política Agraria Común e as achegas comunitarias?
Por suposto. Esta crise puxo en valor ao sector e a forma en como se debe abordar o funcionamento do mercado, que a PAC sinxelamente esqueceu. Todos cremos nos mercados, pero dá a sensación de que o mercado ou debe estar absolutamente regulado ou desregulado, cando hai múltiples escenarios intermedios. Hai que lembrar que sen sustentabilidade económica do sector non haberá sustentabilidade ambiental.

“O orzamento da PAC non fixo máis que baixar nos últimos 20 anos en termos relativos e absolutos”

En canto ás achegas comunitarias, o orzamento da PAC non fixo senón baixar nos últimos 20 anos en termos relativos e absolutos. Esa deriva á baixa non ten sentido cando pasamos de 15 a 27 Estados membros, xa descontando ao Reino Unido.

-Á marxe da crise do coronavirus o sector agrícola e gandeiro comezou 2020 con protestas para reivindicar prezos xustos para os seus produtos en orixe, avanzaron algo nese sentido a pesar desta situación extraordinaria?
Pois non, a verdade é que as razóns seguen aí, pero a crise tapou o problema. Cando volvamos a certa normalidade a situación podería empeorar porque se espera o impacto dunha grave crise económica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información