A Consellería asegura que aboará este venres outros 11 millóns de euros da PAC

A Consellería asegura que aboará este venres outros 11 millóns de euros da PAC

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe en Ourense que a Xunta aboará este venres outros 11 millóns de euros correspondentes ás axudas da Política Agraria Común (PAC). Con estas achegas son máis de 150 os millóns de euros tramitados dentro dos pagos directos da PAC en Galicia da campaña 2015-2016.

O atraso no cobro das axudas da PAC, especialmente para as explotacións lácteas que son sociedades, xerou este ano un malestar xeneralizado. E é que nun ano especialmente difícil para o sector polos baixos prezos do leite, os ingresos destas axudas atrasouse dende o habitual mes de decembro ata finais de maio, dificultando a dispoñibilidade de liquidez de moitas explotacións ao ter que pagar con recursos propios importantes gastos como o ensilado da herba e a sementeira do millo, que en moitos casos se pagaban coas axudas da PAC. Legalmente a Administración ten ata o 30 de xuño como data límite para aboar as axudas.

A conselleira salienta a importancia do selo de calidade Galega 100%

A conselleira estivo en Ourense con motivo da celebración do “Día do sector lácteo” dentro da campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ángeles Vázquez salientou a importancia da promoción e posta en valor do leite galego como fórmula para impulsar o seu consumo. A este respecto, subliñou o papel relevante do selo de calidade diferenciada Galega 100%, polo que representa de referente de excelencia e de identificación do produto co territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información