“A clave para frear á Vespa Velutina é que haxa persoas dedicadas a localizar niños”

Entrevista a José María Vázquez, propietario dunha empresa especializada na retirada de niños de avespa asiática. O pasado ano retirou 732...só na Mariña lucense. Ven de patentar tamén un sistema que afasta as avespas asiáticas das colmeas.

“A clave para frear á Vespa Velutina é que haxa persoas dedicadas a localizar niños”

José María Vázquez, propietario de SERPA.

José María Vázquez é un apicultor aficionado de Viveiro que patentou e ideou un sistema para eliminar os niños de vespa velutina, unha especie invasora que está a colonizar a maior parte do territorio de Galicia con graves perdas para a apicultura.

O pasado ano puxo en funcionamento unha empresa, Servicios Privados Antivelutina (Serpa), especializada na destrución dos niños da vespa asiática. O éxito do seu traballo resúmese nunha cifra: en 2015, e só na Mariña lucense, retirou 732 niños. Ademais, está a piques de patentar un novo sistema que evitará que as avespas asiáticas podan atacar as colmeas.

Porén, a gran materia pendente, segundo José María, non é tanto a eficacia nos sistemas de retirada de niños, senón a detección, xa que a maior parte das colonias de Velutina non son detectadas.

Como decidiches empezar a dedicarte profesionalmente á retirada de niños de Vespa Velutina?
Isto empezou un día no que estaba sentado observando dende o meu colmear un niño de vespas asiáticas que non foran capaces de retirar os da Xunta. Vía como non eran quen de retiralo e, con certa indignación, empecei a pensar en como acabar con estes niños.

A partir de entón cun amigo empezamos a argallar instrumentos para retirar e destruír os niños de vespa velutina.

Explícanos como é o método de retirado dos niños de avespa asiática que utilizas en SERPA…
Hai varios procedementos dentro do mesmo método. O lume para queimar o niño podémolo prender abaixo ou facelo cando a pértega chega ao niño. A base do método consiste en ir ensamblando uns tubos de aluminio de varias medidas, alturas e grosores, ata chegar ao niño e unha vez que o alcanzamos prendémoslle lume.

En canto a medidas de seguridade, traballo sempre que o terreo estea húmido e non haxa vento. Agardamos dende o inicio ata o final da cremación do niño e só traballamos de día. A razón disto é que arredor do 33% do enxame queda fóra, pero ao quedar o niño ardendo durante 20 ou 30 minutos as avespas que regresan de cazar tíranse contra o niño por instinto. Só queda viva unha porcentaxe de avespas moi baixo.

Ademais, é un sistema máis ecolóxico porque non utiliza gas para o lume nin tampouco pesticidas, o que, tendo en conta que o 80% dos niños están preto de regatos, non supón ningún risco para a contaminación das augas.

 “A Xunta ten que tomar cartas no asunto para que en cada concello haxa un persoa dedicada a localizar niños de Velutina”

Con este sistema en SERPA podemos chegar a alturas de ata 50 metros. O importante é ter puntos de apoio para a pértega. Temos unha porcentaxe de eficacia na retirada de niños de vespa velutina de entre o 95 e o 97%.

Como foi a campaña 2015 en canto á retirada de niños de vespa asiática?
Dende a primavera ata o remate de ano eliminamos 732 niños de Vespa Velutina na zona da Mariña.

Cal é a clave para frear a expansión desta praga en Galicia?
A persoa máis importante para eliminar os niños de vespa velutina e, polo tanto, para evitar a súa expansión, é a persoa que os busca. A Xunta de Galicia paga os traballos de retirada e hai empresas públicas e privadas que retiran os niños, pero a clave é detectalos.

A veces retiramos un niño pero nas cercanías hai 5 ou 6 que non foron avistados e iso é o que fai que a praga avance. Se houbera unha persoa dedicada a nivel de cada concello buscando niños e preocupándose de avisar tanto ao 112 como a empresas privadas para que os retirasen sería a mellor forma de combater a avespa asiática.

A Xunta ten que tomar cartas neste problema para que haxa persoas que localicen os niños. E a retirada é complementaria co trampeo e con outros métodos para reducir a poboación de Vespa Velutina.

Na túa comarca, na Mariña Lucense, como está a afectar a vespa asiática á apicultura?
Cada ano que pasa é peor: hai apicultores que quedaron sen ningunha colmea e outras que de 20 colmeas que tiñan quedaron con 3 ou 4 porque o resto foi devorado polas avespas asiáticas.

Se esta campaña que entra, simplemente se hai os mesmos niños de Vespa Asiática que houbo este ano acábanse as abellas na Mariña. Mentres non se atope algo biolóxico para exterminar as avespas asiáticas temos que buscar métodos eficaces para frear a súa expansión.

E temos que ter en conta que esta praga non é un problema só dos apicultores, senón tamén dos fruticultores ou dos viticultores, xa que tamén come a froita e as uvas.

Como se presenta o ano 2016 para o combate da Vespa Velutina en Galicia?
Estes días estiven vendo niños de vespa asiática e hainos que seguen tendo avespas debido ás altas temperaturas que se rexistraron. É dicir, seguen facendo postas, unha parte delas de raíñas. En 2015 o primeiro niño que avistei foi o 20 de marzo, despois dalgúns meses de hibernación, pero este ano pola falta de frío seguiron activos os niños de Vespa Velutina durante o inverno.

 “Este ano as raíñas de Velutina están criando en inverno e se sobrevive esa posta o 2016 pode ser terrible”

Con isto poden pasar dúas cousas esta campaña: que as raíñas, ao facer a posta en decembro de xeito equivocado ao teren tempo de primavera, ao vir agora o frío as debilite moito e reduza o número de niños. Pero pode pasar que eses niños desas postas aguanten e saian adiante e enlacen cos niños de primavera, o que sería moi grave.

Estás a piques de patentar un novo método para afastar as avespas asiáticas das colmeas, illándoas desta ameza. Podes adiantar algo?
Teño unha patente nova que vai evitar que morra ningunha colmea polos ataques da Vespa Velutina, pero de momento non podo adiantar nada. Soamente teño que lamentar que a administración, nin Xunta nin deputacións, se interesara sequera por este novo método que xa probei e que suporá un antes e un despois. Si que se puxeron en contacto comigo varias empresas privadas que están interesadas en comercializar a patente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información