A castaña galega mira ó ceo… e a China

A colleita deste ano espérase boa en volume, se ben a calidade dependerá da meteoroloxía do que resta de mes, segundo a valoración da IXP Castaña de Galicia. Temor á entrada de castaña asiática, de momento minoritaria

A castaña galega mira ó ceo… e a China

Recollida de castaña. / Imaxe: Amarelante (Arquivo).

A campaña da castaña chega este ano con retraso. Veu un verán bo, pero a falta de choivas en setembro atrasou a maduración do froito. Desde a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, o seu presidente, Jesús Quintá, agarda o inicio xeneralizado da campaña para final de mes, a partir do día 25: “Polo de agora só se recolleu castaña en zonas de ribeira ou zonas costeiras, principalmente variedades de cedo, pero o forte comezará a final de mes”.

As previsións de colleita son boas. “As árbores están cargadas de froito e a calidade dependerá do tempo que faga ata a recollida. As choivas destes días estanlle a vir ben para que a castaña engorde”, valora Quintá, se ben nalgunhas comarcas orientais da comunidade, fortes en produción de castaña, a auga cae aínda a contagotas.

A entrada do frío permitiría garantir tamén unha mellora en calidade e na conservación da castaña. “Na pasada campaña tivemos problemas de calidade polas elevadas temperaturas do outono. Houbo máis problemas dos normais de abichado e de conservación do froito”, lembra o presidente da IXP.

Avispiña
En canto a cuestións sanitarias, Jesús Quintá advirte da necesidade de incrementar a loita biolóxica contra a avispiña do castiñeiro en próximos anos, pois de non facelo, augura un impacto na produción. “Este ano, as zonas nas que houbo maiores problemas de avispiña non son zonas de produción forte, pero é un asunto que hai que encarar en serio”, defende.

Principais zonas de produción mundial de castaña. / Imaxe: E. Bertoncello.

Principais zonas de produción mundial de castaña. / Imaxe: E. Bertoncello.

Preocupación pola chegada da castaña china

Galicia, con arredor de 15.000 toneladas de castaña de produción anual, é unha referencia a nivel europeo. A comunidade colleita arredor dun 40% da castaña de España e un 10% da castaña de Europa, se ben as cifras de produción de Galicia e de Europa palidecen ante as de China, primeiro produtor mundial con arredor de dous millóns de toneladas anuais. O sector está preocupado nos últimos anos pola chegada de castaña china a Europa.

“Xa detectamos a presenza de castaña china en supermercados españois”, advirte Quintá. “Preocúpanos non só pola competencia senón porque se trata dunha castaña distinta á europea, de menor calidade e que pode levar a equívocos ós consumidores. A castaña china é un froito da árbore ‘Castanea mollissima’, cando en Europa o que temos principalmente son froitos de ‘Castanea sativa’, de maior valor organoléptico”, expón o presidente da IXP.

Ante a ameaza que representa no futuro a castaña china, a IXP avoga por fortalecer a súa presenza no mercado, de cara a avanzar na identificación da orixe e no posicionamento da castaña galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información