A caída do prezo do mel a granel favorece o medre da IXP Mel de Galicia

Os prezos do mel a granel para a exportación caeron este ano ata os 3,40 euros o quilo fronte aos 4 euros do pasado ano. Os maiores prezos na IXP Mel de Galicia están a favorecer a incorporación de apicultores e o aumento de mel amparado

A caída do prezo do mel a granel favorece o medre da IXP Mel de Galicia

A caída do prezo do mel a granel destinado á exportación, arredor do 25% dos 2 millóns de quilos que veñen producindo en Galicia, está a favorecer o medre da IXP Mel de Galicia. Así o constatan os datos de altas de apicultores e de mel certificado pola indicación xeográfica en 2015.

Segundo avanza a presidenta de Mel de Galicia, Esther Ordóñez Dios, “en 2015 certificaremos arredor de 425.000 quilos de mel, uns 40.000 máis que en 2014”, o que supón un incremento superior ao 10%. Tamén se deron de alta na IXP uns 40 apicultores ata sumar preto de 340. “O normal viñan sendo catro ou cinco altas, pero este ano foron 40, e ademais suman unhas 5.000 colmeas, o que marca unha tendencia moi positiva porque son apicultores cunha vocación máis profesional”, salienta a presidenta de Mel de Galicia.

Esther Ordóñez: “Na IXP Mel de Galicia o mel págase máis que para exportalo a granel”

E un dos principais alicientes é o prezo do mel. “Aínda que a tendencia do mercado é á baixa, no mel amparado pola IXP os prezos estanse mantendo por riba do que se paga a granel: uns 4 euros o quilo fronte a 3,40”, explica Esther Ordóñez.

Unha tendencia que corroboran dende Erica Mel, unha cooperativa amparada baixo a IXP Mel de Galicia, que este ano prevé comercializar uns 100.000 quilos. “E máis mel que tivéramos”, engade Xesús Asorei un dos seus portavoces.

“Aos nosos socios o mel págaselle a 4 euros o quilo e se é monofloral a 4,50”, explica Asorei, para quen “o noso produto ten boa aceptación no mercado por parte dos consumidores, que valoran que estea amparado pola IXP”.

Os prezos do mel a granel caen ata os 3,40 euros

Situación distinta estase a vivir no mel a granel, non amparado por Mel de Galicia, e destinado á exportación. Nos últimos anos este mercado viviu un auténtico boom, impulsado polos altos prezos que pagaban os importadores alemáns polo mel escuro de Galicia, ata máis de 4 euros o quilo.

Sen embargo, en comarcas do oriente da provincia de Ourense, como Viana ou Verín, este ano os prezos baixaron ata os 3,40 euros o quilo, e a sensación é de que o mercado está parado, con apicultores que aínda teñen toda a colleita na casa.

No mercado a granel a peor situación é para apicultores individuais que lle vendían a intermediarios

Néstor Ogando, representante de Frutimel, unha cooperativa que agrupa a case 40 apicultores profesionais da comarca de Viana, confirma que “este ano baixou o prezo entre 50 e 70 céntimos con respecto ao pasado ano”. “Nós vendimos uns 170.000 kilos a entre 3,50 e 3,60 euros, un bo prezo comparado cos 3,40 que se están a pagar neste momento, porque levamos xa anos co mesmo cliente e xa tiñamos un acordo”, explica.

mel_granel_STANDAR

Bidóns de mel a granel para a exportación

A peor situación é para apicultores individuais que lle vendían o mel a intermediarios das empresas envasadoras. Segundo fontes do sector, moitos deles aínda teñen o mel sen vender e a algúns mesmo lle ofreceron 3,20 euros por kilo.

Causas da caída da prezos

Para Benigno Basteiro, apicultor do Viana do Bolo e un dos maiores de Galicia tanto en número de colmeas como en produción, a causa desta caída de prezos do mel a granel está en que “nos últimos anos o prezo do mel subiu moito, houbo como unha burbulla, e o consumo retraeuse”. Isto fai que os envasadores alemáns, os principais demandantes de mel escuro galego, “aínda teñen mel nos almacéns e, a diferencia doutros anos, cando mercaban todo dunha vez, vano ir mercando a medida que o precisen”.

Besteiro prevé que vai ser difícil que se volvan repetir os prezos dos últimos anos do mel a granel. E asegura que a situación de parón do mercado é mundial, “con países exportadores como Uruguai ou Arxentina, nos que o mercado do mel está case parado”.

Benigno Basteiro: “Hai que agardar: os envasadores alemáns irán mercando segundo precisen”

A estas causas, Xesús Asorei, portavoz de Erica Mel e secretario da Asociación Galega de Apicultura (AGA), engade a competencia de meles máis baratos doutros países.

“Por unha parte, China está invadindo o mercado mundial cun mel moi barato e de dubidosa calidade, e por outra, ao mel escuro de Galicia saíulle un competidor, Turquía, que está poñendo no mercado un mel parecido, aínda que de plantas diferentes, e máis barato”, explica.

E é que as grandes empresas envasadoras de Alemaña mercaban ata agora o mel escuro de Galicia pola súa condutividade, que proporciona consistencia ao mesturalo con meles claros e máis líquidos de China e doutros países. Unhas cualidades que os alemáns parece que agora tamén están a atopar a menor prezo en meles doutras zonas.

Recomendacións

Como recomendacións, tanto Néstor Ogando como Benigo Basteiro recomendan aos apicultores agardar. “A partir de febreiro debería arrancar o mercado, e a invernía que chegou agora, provocará máis catarros e gripes, que axudarán a aumentar o consumo de mel”, asegura Benigno Basteiro.

Este apicultor comparte a filosofía da IXP Mel de Galicia de valorizar o mel galego pero sinala dous obstáculos para que os apicultores se incorporen: o pago aprazado na IXP fronte ao pago en man na venda a granel para exportación e a imposibilidade das empresas envasadoras acollidas a Mel de Galicia para mercar grandes volumes.

Sen embargo, para Esther Ordóñez “do que se trata é de mirar a longo prazo”. Se o vendemos a granel estamos á mercé das grandes empresas alemáns, que tan ben compran este ano o mel en Galicia como para outro fano noutra parte do mundo porque lles sae máis barato”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información