A Aula de Produtos Lácteos inaugura a súa nova sede

O centro incrementa a súa oferta de servizos para a industria do leite e aspira a converterse nunha plataforma tecnolóxica do sector agroalimentario

A Aula de Produtos Lácteos inaugura a súa nova sede

A Aula de Produtos Lácteos (APL), que depende da Universidade de Santiago de Compostela, estreou a súa nova sede en Lugo despois dun investimento próximo aos doce millóns de euros, unhas instalacións coas que pretende converterse nunha auténtica “plataforma tecnolóxica”, aberta a toda a industria agroalimentaria e con proxectos propios de investigación.

En declaracións aos medios de comunicación, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, recordou que se realizou “un investimento moi importante de fondos FEDER” para chegar “á culminación” do traballo que veu desenvolvendo nos últimos anos a Aula de Produtos Lácteos.

A nova sede tamén vai supoñer “unha innovación”, engadiu, porque a partir de agora a Aula de Produtos Lácteos tamén se chamará “de Tecnoloxías Alimentarias” e non se centrará en atender de forma exclusiva as demandas das empresas do sector lácteo.

“Vai converterse nunha plataforma tecnolóxica, no sentido de que non só se pretende atender á demanda das empresas, senón tamén facer investigación propia”, dixo Viaño, quen recordou que as novas instalacións son “unha planta semiindustrial das máis importantes de Europa e Latinoamérica”.

Segundo o reitor, a nova concepción desta entidade, asociada ao campus de Lugo, permitirá usar as recén inauguradas instalacións para dar servizo a outro tipo de industrias agroalimentarias, “como poden ser as conserveiras, para o secado de produtos,”. “Polo tanto -engadiu- supón unha innovación importante”, froito “da colaboración entre as institucións e a propia universidade, co financiamento da Unión Europea,”.

A Universidade confía na colaboración entre a Aula de Productos Lácteos e o Cetal

En canto ao equipo que vai traballar na nova sede, o reitor recordou que estará formado, esencialmente, polos traballadores que xa estaban a prestar servizo na Aula de Produtos Lácteos na súa antiga sede.

Con respecto ás posibilidades de colaboración co Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), unha vez que a fusión entre ambas as dúas entidades quedou aparcada, Viaño confía en que as dúas institucións “colaboren” en proxectos conxuntos. “Esa é a nosa aposta”, concluíu.

Declaracións da conselleira
Á inauguración, ademais das autoridades locais, tamén asistiu a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen destacou o “papel fundamental” que debe desempeñar a APL “como peza clave no devir do noso sector lácteo” polo seu potencial para mellorar os produtos existentes e desenvolver outros novos que deixen valor engadido.

“O sector lácteo debe traballar con cabeza e apostar por produtos de maior valor engadido” (Rosa Quintana)

De feito, recordou que as instalacións e medios técnicos cos que está dotada a “planta piloto” da APL, repartidos nun total de 575 metros cadrados -entre a área de produción, laboratorios, administración, sala de máquinas e locais de servizo- permiten “reproducir a escala reducida os procesos máis representativos da industria láctea”.

Dende o seu punto de vista, o sector lácteo, que agora ten que operar nun sistema libre de cotas, debe poñerse a “traballar con cabeza” e apostar por proxectos de I+D+i que xeren un valor engadido para un produto de “alta calidade” como o que sae das granxas galegas.

Nese sentido, recordou que para adaptarse ás novas circunstancias de mercado, queda moito por facer”, polo que “é indubidable que” instalacións e investigadores como os que oferta a Aula de Produtos Lácteos serán un “un elemento clave para ese desenvolvemento do sector”.

“Creo que é o que o necesitamos para este escenario que se nos formula sen cotas”, dixo Quintana, para dar “ese valor engadido” a un produto de “alta calidade” como o que temos en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información