A asemblea de gandeiros de Lugo decide crear unha organización de produtores coa OPL

Os gandeiros chaman á cidadanía a participar hoxe nas manifestacións de Lugo e de Santiago.

A asemblea de gandeiros de Lugo decide crear unha organización de produtores coa OPL

Roberto López nunha asemblea de gandeiros en Lugo.

Unha delegación da asemblea de gandeiros de Lugo, encabezada polo seu portavoz, Roberto López, reuniuse este mércores pola mañá en Santiago de Compostela coa dirección da Organización de Produtores de Leche (OPL), encabezada polo seu presidente Manuel Iglesias.

Da reunión saíu o acordo de constituír unha organización de produtores a nivel galego, que se encargaría, nun principio, de facer unha oferta conxunta de leite á industria, intermediando na compra-venda de leite. Segundo fontes da OPL e da Asemblea de Gandeiros “houbo coincidencia das dúas organizacións en crear unha organización de produtores apartidaria e profesional”. De momento non teñen datas concretas para a súa posta en marcha nin o nome da OP, aspectos que se acordarán nos próximos meses.

Ademáis, acordaron analizar en conxunto o resultado da reunión de hoxe en Madid e decidir en conxunto os pasos da convocatoria.

Hai que lembrar que a constitución de organizacións de produtores é unha das grandes apostas tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura. A propia ministra Isabel García Tejerina defendía a pasada semana a creación de “catro grandes organizacións de produtores de leite en España” e pedía aos gandeiros que se organicen para así “resistir situacións adversas dos mercados”.

Sen embargo, dende as organizacións agrarias veñen advertindo de que o problema non é a constitución de organizacións de produtores, senón que non teñen capacidade de interlocución coa industria para acordar prezos porque non existe un marco legal que obrigue á distribución a negociar con elas. De feito, as dúas xistentes en Galicia, APROLAC, impulsada por AGACA, e ULEGA, impulsada por Unións Agrarias foron incapaces de conseguir que a industria se sente a negociar con elas

Hai que lembrar que Galicia produce o 40% do leite de España, polo que a constitución dunha OP galega podería concentrar boa parte da oferta láctea española.

Por parte da Consellería do Medio Rural tamén se ten salientando en recentes reunións cos gandeiros que existe unha partida duns 7 millóns de euros de axudas para a constitución de organizacións de produtores lácteos.

Manifestación este xoves en Lugo

Por último, lembrar que a manifestación de Lugo sairá ás 11:30 horas da Porta de San Fernando e rematará en fronte da Porta Falsa, despois de percorrer varias rúas do interior da Muralla. Ao remate farase un reparto de leite gratis entre os veciños e veciñas de Lugo. A manifestación de Santiago sairá ás 12:00 horas da Alameda e rematará na sede da Xunta en San Caetano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información