“A agricultura xeralmente é unha actividade extractiva e non devolve á terra nada”

O experto en permacultura Jesús Ruiz achega algunhas das claves sobre este tipo de prácticas agrícolas que buscan asemellarse ao máximo á natureza e á vez obter un rendemento

Publicidade
“A agricultura xeralmente é unha actividade extractiva e non devolve á terra nada”

Jesús Ruíz, experto en permacultura.

Definida de forma xeral como a agricultura permanente e sustentable, a permacultura busca un deseño consciente dun lugar onde se vivirá, imitando os patróns da natureza e respectando elementos claves como os solos, os bosques ou a auga. O enxeñeiro técnico en topografía e experto nesta destreza, Jesús Ruíz, debulla algúns dos principios sobre os que se asenta este concepto en agricultura respectuosa co medio e que pretende tamén unha repartición en equidade.

O pasado mes de setembro participou en Monforte de Lemos nas xornadas de “Mellora das áreas extensivas para produción ecolóxica mediante o uso da metodoloxía de liña clave e técnicas de permacultura”, organizadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

É a permacultura a evolución da agricultura ecolóxica?
Tomando como base que a permacultura non é simplemente agricultura, a agricultura ecolóxica tomou moitos principios da permacultura e á súa vez a permacultura toma, por principio, a agricultura ecolóxica ou a biodinámica.

Había certo misticismo ao redor deste concepto, porque ao principio aos permacultores relacionábasenos con prácticas como o acolchado de palla ou que non se laboreaba a terra…. A permacultura traballa en aspectos importantes como a multifuncionalidade, por exemplo, que unha árbore non quede só en producir froita senón que poida achegar moito máis, tal como sombra, cortavento, refuxio, fixador de nitróxeno, fonte de madeira, etc…

O que diferencia a permacultura doutras destrezas é que hai un deseño pensado detrás e onde deseñar zonas segundo o seu aforro enerxético é fundamental. Un permacultor sempre está pensado en como mellorar a eficiencia do seu deseño aínda que xa conte cun modelo eficiente.

Esa repartición equitativa fai que aínda conserve ese misticismo…
Esa repartición en equidade implica establecer límites tanto á produción como ao consumo, que resulta difícil nestes momentos en que a sociedade está nunha dinámica de consumismo sen restricións, que nos está levando a unha ‘tormenta perfecta’: un crecemento ilimitado da poboación e uns recursos limitados.

É a permacultura aínda un concepto descoñecido para os agricultores?
A permacultura empezou de forma paulatina pero estivo continuamente en marcha e desde os anos 80 leva tendo moita forza e xa moita xente sabe de permacultura. Ás veces non son conceptos fáciles de asimilar e logo na casa aos poucos téñense que ir pondo en práctica, adaptándoos a cada clima. Son ideas que funcionan e que agora se están profesionalizando.

“Deberíanse deseñar as parcelas para que poidan aproveitar ó máximó a auga pluvial”

De que ferramentas bota man a permacultura para lograr estes obxectivos?
Os permacultores baséanse en producir excedentes nun campo, aínda que non sempre ten que ser o mesmo produto, como busca a agricultura tradicional. Estes excedentes son os que van permitir o intercambio. É aquí onde entra a profesionalización do sector para contar con excedentes. Hai moitas ferramentas que son útiles para axustarse a estes conceptos. É o caso, por exemplo, do deseño estrutural da auga. No caso da horta, é moi importante pór especial atención á auga dado o consumo tan elevado que implica. Normalmente esa auga extráese da capa freática sen ser conscientes de que ten un límite. Estamos a converternos en seres extractivos e sen pensar en devolver nada. A agricultura tradicional é moi extractiva, non tanto a gandaría que aínda devolve en compost algo á terra, e hai outras formas de actuar.

Como traballa a permacultura este aproveitamento da auga?
Deberíanse deseñar as leiras para que poidan aproveitar ó máximó a auga pluvial, onde os camiños, tellados e pavimentos fan o labor de recollida de pluviais. Toda esta auga redirixímola ou ben a unha represa ou ben, se nos sobra, cara a un pozo e así aumentaremos a capa freática que redundará en beneficio comunitario.

Hai moitas accións que se poden facer para mellorar o deseño de maneira que non só se trate de explotar senón que se achegue. A permacultura sempre pensa en achegar.

Permacultura_Linea-Clave-

Cultivos seguindo o deseño de liñas clave.

Un dos conceptos máis populares na permacultura é o deseño Keyline. En que se basea?
O seu inventor, P.A. Yeomans, traballando como enxeñeiro de minas puido observar, por medio do traslado de auga con canles de rega abertas entre diferentes montañas, que debaixo destas producíase un recrecemento de herba.

De todo isto xurdiu a idea de que realizando un deseño que trasladase a auga da zona da vaguada á zona lateral, o parteaguas, podería realizar unha distribución homoxénea da auga pluvial que se podería conseguir creando surcos no chan. Para este labor ideou un estilo de arado de non volteo de terra que nos permitía airear de forma que a auga fose infiltrada e potencialmente absorber a maior parte das augas superficiais.

Liña clave (ou keyline en inglés) é un tándem de dúas técnicas, un bo deseño hidrolóxico e boa práctica do chan con arados correctos, tipo yeomans. A técnica é aplicable tanto en fincas relativamente pequenas, medianas como en grandes.

Por que non se utiliza xa de forma xeneralizada na agricultura este arado Yeomans?
O arado non se popularizou xa que a versión anterior, o arado Chisel, o arado de cincel, popularizouse antes e está a funcionar ben. Hai algunhas empresas que están a apostar por arados de tipo Yeomans. Pero a solución perfecta non sempre é optar por un arado deste tipo senón que ás veces está condicionado polo cultivo.

Non sempre o deseño de liña clave vai solucionar os problemas senón que busca solucións a dificultades específicas, como eliminar a tensión hídrica nos cultivos, moi a ter en conta para o futuro incerto polo cambio climático.

Até que punto se busca imitar á natureza?
Unha das partes máis interesantes de levar á práctica é o coñecido como bosque comestible que sería aquel no que todas as plantas que o integran son útiles ou directamente pódense comer. É unha ampliación da permacultura ao bosque. Aquí hai que realmente coñecer as relacións que xa se dan na natureza para conseguir que as plantas se acompañen e produzan alargando todo o posible a época de produción.

Poden levar á práctica estas directrices directamente polos agricultores ou é preciso un amplo coñecemento para executalas?
Para poder aplicar a técnica de bosque comestible primeiro deberán coñecela, pero os fruticultores non terán ningún problema en levala á práctica porque xa dispoñen de coñecementos que lle axudarán a establecer os limitantes, ao coñecer as variedades que se adaptan mellor á zona. Realmente o que implica é un cambio de mentalidade e xógase moito imitando á natureza.

Este tipo de cultivos autoequilíbranse e non adoita haber pragas

Como se consegue alargar esa produción sen espremer e afectar directamente á terra?
Algúns agricultores ampliaron este concepto e poden ter, por exemplo, ameixas durante tres meses, xa que nunha mesma árbore inxertaron variedades máis temperás, intermedias e máis tardías. Tamén se busca introducir outras especies, que aínda que non sexan propias destas zonas poidan convivir ao amparo destas combinacións. Este concepto do bosque está pensado para ter unha produción durante case todo o ano, acompañando árbores máis grandes, con arbustos, aromática ou trepadoras e por suposto horta…

En Valencia hai un exemplo moi claro que é o bosque comestible de Juan Antón, que é unha reconversión dunha parcela de laranxeiras. É unha reconversión que realizou un home xubilado que non sabía que estaba a aplicar conceptos de permacultura pero agora é un exemplo. Chámase bosque porque hai unha densidade tal que aínda que as laranxeiras seguen activas introduciu en 2500m² unha ampla variedade de plantas como mangos, aguacates, zapotes, bananeiras, bambús, chumbeiras, azofaifos, granadeiros, ameixeiras, oliveiras e viñas que lle suben polas árbores grandes e serven para alimento dos paxaros que á súa vez teñen un labor importante neste bosque ao comer algunhas larvas que poden resultar prexudiciais para a colleita.

Este tipo de cultivos autoequilíbranse e non adoita haber pragas. O problema residiría se fose un monocultivo. Ademais estes bosques comestibles teñen un baixo mantemento pero que debe ser constante. É un concepto completamente diferente.

En permacultura a abundancia non ocorre por casualidade, senón que se fai dunha forma consciente

Choca de cheo coa agricultura actual?
Completamente. A agricultura convencional tende á simplificación (onde había un bosque biodiverso instalan un monocultivo) xa que é máis fácil predicir os riscos. En agricultura ecolóxica segue ese mesmo patrón pero tenta ter maior variedade e manter o ecosistema un pouco máis equilibrado. A permacultura busca ter un bosque no que se non obteño proveito dun cultivo este ano por factores meteorolóxicos poida ter outro. Entras de cheo na complexidade dun bosque. É unha biodiversidade deseñada e cultivada. A pregunta clave é: como se consegue que funcione así? En permacultura a abundancia non ocorre por casualidade, senón que se deseña dunha forma consciente.

É unha opción viable para unha produción extensiva?
Antigamente a permacultura víase como un sistema a pequena escala pero hai exemplos de permacultura a nivel comercial e son pasos a seguir. É o caso de Stefan Sobkowiak, un canadense cun clima adverso que ten froiteiras en permacultura nunha gran área obtendo boas producións e beneficios. Tamén está o exemplo do francés Charles Herve-Gruyer ou de JM Fortier en horta intensiva. Na Península Ibérica hai exemplos aínda que se tende máis cara á produción ecolóxica tomando ideas da permacultura como deseño estrutural.

Cre que cambiarán os cultivos tradicionais atendendo a estas directrices?
Creo que é un cambio de mentalidade moi drástico. Boa parte dos casos que optaron pola permacultura fixérono despois de exceder un límite que os avocou a este cambio. A agricultura convencional, por si mesma, non vai cambiar demasiado e só o fara cando xa non haxa máis remedio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información