A V edición do Festival Agrocuir da Ulloa encherá Monterroso de música e actividades os días 24 e 25 de agosto

Esta iniciativa, que busca reivindicar a diversidade sexual no rural, inclúe concertos, obradoiros, contacontos, feira, teatro e actividades para nenos e nenas

A V edición do Festival Agrocuir da Ulloa encherá Monterroso de música e actividades os días 24 e 25 de agosto

Unha das actuacións dunha edición pasada do festival. FOTO: Musa Nicolás.

A 5ª edición do Festival Agrocuir da Ulloa (Monterroso, Lugo) celebrarase os días 24 e 25 de agosto de 2018. Un ano máis, concertos, obradoiros, contacontos, actividades para as crianzas, feira, teatro e máis sorpresas para reivindicar a diversidade sexual no rural.

Este ano o festival contará con tres escenarios distintos: a praza do Froito de Monterroso, Granxa Maruxa, en Cumbraos, e a área natural da Peneda. Haberá un bus gratuíto percorrendo as tres zonas nas que transcorre o festival, polo que quen queira pode deixar o coche aparcado na vila de Monterroso. Os horarios do autobús están neste enlace da páxina web do festival.

O venres as actividades teñen lugar no centro de Monterroso, coas actuacións de Áureas e Sacha na Horta e o peche de festa con María Pardo e Tiparracas DJ’s. Ao Agrocuir acode xente de toda Galicia e mesmo doutros puntos da península, como Madrid, Andalucía, Asturias ou Aragón, polo que tamén supón un revulsivo para o comercio e a hostalaría local.

O sábado o programa trasládase durante o día á Granxa Maruxa. A apertura de portas será a partir das 11 da mañá. Durante a xornada matinal haberá actividades lúdico-educativas a cargo da Escola Semente, un obradoiro de música tradicional con Gabriel Reboredo e outro de empoderamento erótico con Mai Insua e Mari Fidalgo.

O xantar celébrase na carballeira. FOTO: Maca Soto

O xantar celébrase na carballeira. FOTO: Maca Soto

Á hora da sesión vermú será tempo de regueifas con Alba María e o xantar, baixo a fermosa carballeira da granxa, estará amenizado por As Antonias. Pola tarde haberá contacontos, teatro a cargo da compañía A Panadaría, a entrega de premios á visibilidade Agrocuir e o concerto de Baiuca.

Ás 9 da noite Granxa Maruxa pechará as súas portas e as actividades trasladaranse á área natural da Peneda, onde Laura Pazos e Dj Neto-do-Rubio porán música na Sesión Golfa.

Máis información sobre o programa e as distintas actividades, a venda de entradas, sobre como chegar ou onde durmir na páxina web e no facebook do Festival.

Entradas á venda

Por razóns de espazo e de organización, o aforo do segundo día do festival é limitado polo que é preciso acudir con entrada. Pódense mercar con antelación neste enlace. Hai dispoñibles 1.700 entradas á venda, a capacidade total do evento.

publico-Festival-Agrocuir

Público asistente ó Festival Agrocuir. FOTO: Coral Ortiz.

A entrada custa 8,5 euros e permite o acceso á Granxa Maruxa o sábado 25 (lugar de celebración do festival) e a todas as actividades e concertos incluídos na programación (comida e bebida non incluídas). Os peques menores de 10 anos non pagan entrada. O venres día 24 todas as actividades e a programación son de balde e de acceso libre. As actividades do venres teñen lugar na vila de Monterroso, situada a 3 quilómetros da granxa.

Orixinalidade

Se algo caracteriza o Festival Agrocuir é a súa orixinalidade en moitos dos seus aspectos e propostas: escenarios, temáticas, imaxe visual e mesmo o merchandising. Este ano os protagonistas son panos labregos e atadelos contemporáneos ao estilo dos panos multiuso das avoas galegas, confeccionados un a un para a ocasión en distintos estampados e deseños por unha costureira local.

Pero ademais, para sufragar os gastos do festival tamén se venden camisolas de Marcela e Elisa, que ademais este ano terán un lugar especial na programación do festival, coa representación teatral Marcela e Elisa, historia que parece conto, da compañía A Panadaría.

As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real: no ano 1901 na Coruña dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo, unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas.

foto-colectivo-Agrocuir_

Visibilizar un rural afectivo e diverso

O Colectivo Agrocuir da Ulloa, colectivo organizador deste festival, ten como principal obxectivo visibilizar un rural afectivo e sexualmente diverso. Ademais, aposta por mostrar, defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial, e o ecoloxismo; defendendo a diversidade, tanto social como natural. A súa filosofía está baseada no respecto ao que cada quen queira ser, tanto en relación ás demais persoas como á natureza.

Trátase dun colectivo que non ten ánimo de lucro, polo que todos os ingresos obtidos da venda de entradas e merchandising serán destinados a cubrir os gastos do propio festival.

Ademais do ecoloxismo e o feminismo, eixos centrais de todas as edicións do festival, cada edición está dedicada a un tema especial. Este ano os distintos obradoiros traballarán o concepto de naturalización das identidades de xénero e da diversidade sexual fronte ao concepto habitualmente empregado de normalización. Falar de naturalización é tamén un xeito de vinculalo á natureza, onde a diversidade tamén é indispensable para soster a vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información