Teixeiro acollerá unha industria láctea que quere procesar 400 millóns de litros ano

Goodleit SL ten previsto iniciar as obras a comezos do 2017 e entrar en funcionamento dous anos despois. Orientarase á elaboración de ingredientes con destino á industria internacional do sector agroalimentario e farmacéutico

Teixeiro acollerá unha industria láctea que quere procesar 400 millóns de litros ano

Reunión esta mañá dos representantes de Goodleit co presidente da Xunta, coa conselleira do Medio Rural e co titular de Economía.

Galicia acollerá unha nova industria láctea que chega coa intención de procesar unhas 400.000 toneladas de leite ó ano, o que representa o 17% da produción galega actual. Goodleit, unha sociedade de nova creación, pretende investir uns 70 millóns de euros para construír unha planta no polígono de Teixeiro. A instalación centrarase na produción de ingredientes con destino á industria internacional dos sectores agroalimentario e farmacéutico. A súa principal perspectiva de comercialización sitúase na exportación.

Os representantes da industria mantiveron hoxe un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e co conselleiro de Economía, Francisco Conde. Tras a reunión, desde a Xunta manifestaron o seu total apoio á iniciativa. “Este é un proxecto que crea ilusión para o rural galego. Tivemos varias reunións con Goodleit e para nós é unha gran noticia que decidise implantarse en Galicia”, destacou a titular de Medio Rural.

A instalación ocupará unha parcela de 80.000 metros cadrados e dará emprego a 130 persoas

O presidente de Goodleit, François Dominique Blancho, manifestou tras o encontro que o seu obxectivo consistía en emprender as obras a comezos do 2017, coa idea de que a planta estea en funcionamento dous anos despois. Goodleit asegura que dará emprego directo a unhas 130 persoas e destacou tamén a importancia que terá a empresa para a gandería galega.

Proxecto
“Galicia ten unhas perspectivas de mercado de gran interese para a industria láctea. Produce un leite de calidade a un custo axeitado que lle permite competir con outras grandes rexións produtoras de Europa. Ten ademais un gran potencial de crecemento”, valorou tras o encontro coa Xunta Dominique Blancho.

“Galicia é de interese para a industria láctea. Produce calidade, é competitiva e ten potencial de crecemento” (Dominique Blanche)

O proxecto industrial adicarase á separación e secado dos diferentes compoñentes do leite. Obterá así ingredientes funcionais e nutricionais de alto valor engadido con destino á industria nutricional, clínica, dietética, deportiva e infantil. A sociedade subliña que a planta terá que cumprir coas máis altas esixencias de calidade, trazabilidade e seguridade alimentaria a nivel internacional. O I+D (Investigación e Desenvolvemento) preséntase fundamental: “Será unha absoluta prioridade” -asegura o representante da empresa que compareceu ante os medios-. “Teremos que ofrecer solucións rápidas e eficaces ás necesidades dos clientes”.

As perspectivas de mercado da industria céntranse no mercado internacional. “Os mercados de Asia e África terán nos próximos anos un crecemento da demanda notable e cun amplo marxe de rendibilidade”, valoran desde a sociedade.

Sociedade
Goodleit é unha sociedade de nova creación que se constituiu este ano na comunidade de Madrid. Está presidida por François Blancho Dominique, que foi conselleiro delegado ata o ano pasado da firma Senoble Ibérica (Toledo), filial da multinacional francesa Senoble Internacional. Senoble Ibérica estaba especializada na produción de iogures e na primavera do pasado ano foi adquirida polo grupo estadounidense Schreiber Foods.

Como conselleiro delegado de Goodleit figura Alfonso Escobar López, que é á súa vez, segundo os datos do Rexistro Mercantil, presidente de Lácteos Industriales Agrupados, unha industria do sector situada en Guadalajara e especializada na canle Horeca (Hostalería e Restauración).

Entre os directivos de Goodleit está tamén Juan Manuel Fiz, que fora director de xestión de leite en Senoble Ibérica. Fiz estivo o pasado ano nunhas xornadas organizadas por Feiraco para explicar a experiencia de Senoble cos contratos anuais. Daquela, esta industria era a única que mantiña acordos a 12 meses cos gandeiros. Fiz defendera nas xornadas o uso dos contratos a un ano, cun prezo variable referenciado ó índice A da Inlac, como vía para reducir a conflitividade no sector.

Máis información

Liasa, impulsora da planta de Teixeiro, exporta desde Guadalajara para 30 países (2-9-2016)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información