Unha investigación analiza cal é a silvicultura que logra mellores piñeiros en Galicia

O Centro de Investigación Forestal (CIF) Lourizán, en colaboración coa empresa Finsa, inicia ensaios para comparar o resultado de distintos xeitos de preparación do terreo, de diferentes abonados e da variación das densidades de plantación no piñeiro do pais ('Pinus pinaster Ait.')

Unha investigación analiza cal é a silvicultura que logra mellores piñeiros en Galicia

Traballos de preparación do terreo antes da plantación. Acondicionamento posterior ó subsolado. / Imaxes: CIF Lourizán.

O camiño para avanzar na obtención de madeira de piñeiro de calidade pasa pola mellora xenética das plantas e por perfeccionar as súas técnicas de cultivo. A liña de mellora xenética do Pinus pinaster xa se está a consolidar en Galicia da man de tres hortos sementeiros de material controlado, ubicados en Cedeira (A Coruña), Gomesende (Ourense) e As Neves (Pontevedra). Agora resta comprobar en campo cal é a técnica de cultivo máis axeitada para sacar o máximo potencial das mellores sementes.

finsa piñeiro

Con ese obxectivo, o CIF Lourizán (Pontevedra) e a empresa madeireira Finsa chegaron a un acordo para iniciar ensaios cos que comparar o resultado de distintos xeitos de preparación do terreo, de diferentes abonados e da variación das densidades de plantación. Ademais, tamén se reserva unha parte do ensaio cunha finalidade demostrativa, de cara a comparar as plantas froito da mellora xenética (material controlado) fronte ás convencionais (material identificado), que só teñen recoñecemento de lugar de orixe.

Parcelas en Frades e Negreira

Finsa xa puxo a disposición do proxecto dúas parcelas nos concellos de Frades e Negreira (A Coruña), así coma o traballo da súa brigada forestal para a execución dos labores de campo; en tanto Lourizán encárgase do suministro de plantas de alta xenética, obtidas a partir dos seus hortos sementeiros, e do traballo científico de deseño e avaliación dos diferentes ensaios.

“Cos ensaios buscamos tamén parcelas demostrativas nas que amosar o resultado dunha planta de boa xenética cunha boa silvicultura” (Enrique Martínez)

Os ensaios iniciáronse esta primavera nas arredor de 4 hectáreas que suman as parcelas de Frades e Negreira e en próximos exercicios prevense ampliar as probas a outras localizacións galegas de distinta climatoloxía.

“Trátase de ensaios de gran importancia científica que permitirán definir a silvicultura máis idónea para pés de alta produtividade e calidade” – valora o director do CIF Lourizán, Enrique Martínez Chamorro-. “A maiores, tamén se busca establecer parcelas demostrativas que permitan ver no monte os resultados de usar unha planta de boa xenética e de aplicarlle unha correcta silvicultura”.

Traballos de plantación na parcela de Frades.

Traballos de plantación na parcela de Frades.

Preparación do terreo e abonado inicial
A investigación evalúa principalmente tres parámetros: preparación do terreo, fertilización inicial e densidade. En primeiro lugar, estanse a facer probas de distintos xeitos de preparación do terreo, ben cun subsolado só en liña de plantación, ben cun subsolado cruzado, ben coa realización de buratos sen un pase previo do ripper.

Outro dos parámetros a análise é a fertilización inicial da plantación. Realizáronse todas as posibles combinacións con 0, 20, 40 ou 60 gramos de nitróxeno, fósforo e potasio; dando como resultado 64 tratamentos diferentes.

Piñeiro con cinta identificativa do abonado recibido.

Piñeiro con cinta identificativa do abonado recibido.

A partir dos ensaios de fertilización do primeiro ano, concretaranse as aplicacións que foron máis efectivas e definiranse novos ensaios para avaliar o resultado de abonados de segundo ano.

Densidades
A terceira cuestión que se está a comparar é a densidade do cultivo, con catro marcos de plantación que oscilan entre 4×3 metros e 4×1,5 metros. Entre cada fileira de piñeiros déixase sempre un espazo de 4 metros, co fin de facilitar o paso e traballo da maquinaria forestal, en tanto que a separación de plantas en cada fileira modifícase para valorar a máis axeitada.

Os distintos marcos de plantación dan como resultado densidades de entre 833 e 1.667 plantas por hectárea. “Con piñeiros de boa xenética, como son estes, o lóxico é ir cara densidades menores de cultivo que permitan aproveitar o potencial da planta”, valora Enrique Martínez Chamorro.

Os ensaios sobre preparación do terreo, fertilización inicial e densidade están a facerse cunha mesma familia patrón de piñeiros co fin de garantir un comportamento homoxéneo das plantas. Ademais dentro de cada parcela fanse catro repeticións para confirmar a validez dos resultados.

“O noso traballo enfócase en avaliar tratamentos silvícolas para o piñeiro mellorado en Galicia” (Esteban Gómez)

O CIF Lourizán valorará os resultados tanto dende unha perspectiva técnica como económica, de cara a definir os tratamentos que máis rendibilidade aportan. “Con anterioridade xa se teñen avaliado diferentes tratamentos silvícolas, sobre todo é abundante a bibliografía sobre fertilización forestal. Sen embargo, o noso traballo aporta novidades como son, por exemplo, que posúe un enfoque integral, específico para o piñeiro mellorado en Galicia e centrado en plantacións de alta produtividade e de madeira de calidade”, precisa o investigador Esteban Gómez García, responsable do proxecto.

Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia
Os proxectos de mellora xenética e silvícola do piñeiro enmárcanse no Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia 2010-2020, impulsado na época en que Gabriel Toval dirixía o CIF Lourizán. Desde o Centro queren recoñecer ese traballo previo, así como a implicación de Finsa na investigación sobre a mellora silvícola do piñeiro, un proxecto que, en definitiva, redundará na mellora da posición competitiva de Galicia no mercado da madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información