“Treixadura é a menos resistente aos fungos e Mencía, Godello e Albariño as que máis”

Entrevista a Carmen Martínez e a Susana Boso, investigadoras da Misión Biolóxica de Galicia – CSIC, que veñen de presentar o primeiro estudo sobre as distintas razas de fungos do viñedo existentes en Galicia.

Publicidade
“Treixadura é a menos resistente aos fungos e Mencía, Godello e Albariño as que máis”

Carmen Martínez e Susana Boso

Coñecer cales son as distintas razas de fungos de mildeu, oídio e botrite, ver o seu comportamento e distribución polas cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas de Galicia e detectar cales son as variedades de vide autóctonas máis sensibles aos ataques.

Estes foron os obxectivos do estudo elaborado polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), integrada no CSIC, e cuxos resultados revelan a presenza na Comunidade de ata 30 tipos de distintos de fungos de botrite e 6 de mildeu. O estudo abre a porta a reducir as aplicacións de fitosanitarios e a desarrollar antifúnxicos específicos para cada especie.

O proxecto, de tres anos de duración, foi financiado pola Fundación Juana de Vega e e realizado polas investigadoras Carmen Martínez e Susana Boso

En Galicia as enfermidades fúnxicas son o principal problema fitosanitario do viñedo. ¿Que posibilidades abre para combatelas este proxecto que presentastes?
Carmen: Agora temos que dar forma a estes resultados, pero creo que se podería reducir os fitosanitarios, axustando máis os tratamentos ás distintas variedades de fungos que hai en cada lugar. Comprobamos que non todas as castes de vide teñen a mesma afectación de fungos. Sorprendeunos, por exemplo, o caso de Monterrei onde había a maior concentración de esporas de fungos no aire pero non era onde máis afectaban as enfermidades fúnxicas.

Tamén nos chamou a atención as diferencias entre a afectación dos fungos ás diferentes alturas dunha mesma parcela. Inflúen moito as características orográficas de cada parcela, en función das correntes de aire…etc

Susana: Hoxe en día o viticultor só trata cando chove e cada 15 días. Ao final acábanse dando 11 ou 12 tratamentos ao longo do ciclo vexetativo, o que supón un gran desembolso económico e problemas de contaminación e isto non é necesario. Se sabemos de antemán que esporas hai no aire, como van afectar á planta, que castes son máis sensibles ou menos e que razas de fungos hai poderíamos reducir moito os tratamentos.

 “Cos datos desta investigación, poderíamos reducir moito os tratamentos fúnxicos en Galicia”

Carmen: O mildeu veu de América hai algo máis de 100 anos. O feito de que se desenvolveran razas distintas dese fungo e que teñan máis afinidade por unhas castes de vides que por outras abre un campo de investigación enorme.

Susana: Sabemos que hai diversidade de razas de mildiu, oidio e botrite. Se coñecemos se esas razas que dominan ao principio tamén continúan ao longo do ciclo e saber se esas razas son diferentes das existentes noutros países é moi interesante.

De mildeu hai algúns estudos en Suíza, Alemaña ou Italia. Pero de oídio non se coñece case nada, só un ou dous traballos no mundo, e no fungo da Botrite non hai nada estudado, nin sequera marcadores moleculares para diferenciar razas.

“O oídio afecta máis á Ribeira Sacra”

Na zona de Monterrei e na Ribeira Sacra é onde se localiza as maiores concentracións de esporas e as variedades máis agresivas. ¿Hai diferenciación importante por zonas en Galicia?
Susana: Si. Primeiro polas condicións climáticas. Por exemplo, o oídio desarróllase mellor na Ribeira Sacra, polas condicións orográficas e climáticas. O mildiu afecta practicamente por igual a todas as zonas de Galicia con condicións de humidade alta.

Videira afectada por mildeu.

Videira afectada por mildeu.

Cales son as condicións orográficas máis favorables para o desenvolvemento dos fungos no viñedo?
Carmen: Non é o mesmo unha parcela cha, que unha que teña socalcos. Se chocan as masas de aire deposítanse nese viñedo as esporas.

Susana: Dependendo de como se manexe o solo, libéranse ao aire as esporas ou non. Se se deixan restos de madeira, de herbas….hai máis liberación de fungos.

Carmen: O recomendable é non acumular demasiada vexetación, no caso da botrite. No caso do desfollado hai que facelo con coidado para non prexudicar a calidade. O importante é que o viñedo estea ben ventilado e a vexetación da vide ben disposta. E logo depende moito de cada variedade..

Cales son as castes máis resistentes aos fungos?
Susana: No caso da Botrite, as máis sensibles son a Treixadura como a Dona Branca, tanto pola morfoloxía do acio, como pola agresividade das razas de fungos.

“A Treixadura e a Dona Branca son as máis sensibles á botrite e Mencía, Godello e Albariño as máis resistentes”

As máis resistentes aos fungos a Mencía e o Godello. O Albariño é susceptible ao Mildiu pero a Oidio e Botrite é máis resistente.

O proxecto baseouse na colocación de captadores de esporas no viñedo. Cales son as épocas do ano nas que deberían centrar os tratamentos antifúnxicos?
Carmen: No caso de mildiu viuse que había uns picos en primavera, na floración, e tamén na vendima. Na botrite sobre todo a comezo da primavera e na vendima é máis variable; e no oídio só no callado, entre os meses de xuño e xullo. Polo que todos os tratamentos para oídio cada 15 días deberíanse concentrar nesa data.

Susana: E por iso, tal e como aconsellan os viticultores maiores, é importante aplicar xofre en pó na época de floración. Nesa época é máis eficaz porque é cando hai maior concentración de esporas de oídio.

Carmen: Cada vez máis vemos como o uso excesivo de tratamentos provoca a aparición de razas de fungos resistentes a funxicidas. A aplicación de funxicidas de espectro amplo provoca estas resistencias. Pola contra, ao coñecer as distintas razas de fungos, poderíamos utilizar funxicidas específicos.

“Os funxicidas xenéricos están provocando resistencias, hai que desenvolver produtos específicos para cada raza de fungo”

Neste sentido, que posibilidades vedes de desenvolvemento de funxicidas específicos?
Carmen: Sería xenial contactar con algunha empresa para facer ensaios con compostos activos. Desta investigación xorden moitos proxectos e estou segura de que haberá interese por parte das empresas de produtos fitosanitario para desenvolver funxicidas específicos, máis efectivos e menos contaminantes.

Micelio de oidio

Micelio de oidio. Autor: Estación do Areeiro

Seguindo as recomendacións de manexo e de detección precoz das esporas, en canto se poderían reducir os tratamentos?
Carmen: Non hai estudos feitos. Preguntando aos viticultores e adegueiros uns din que os produtos fitosanitario supoñen sobre un 40% dos custos de produción, mentres que para outros baixa ao 20%.

Sería interesante formar equipos multidisciplinares para mellorar a rendibilidade económica dos viñedos e mellorar a eficiencia dos tratamentos.

¿Como pode implantarse entre os viticultores a detección precoz de esporas de fungos ?
Carmen: Creo que o mellor é que se fixera dende as Denominacións de Orixe, sería moi fácil instalar un sistema para a detección precoz. A detección da variedade de fungo por técnicas moleculares é algo cara, pero pódese reducir. En Galicia hai varias estacións, como a de Areeiro, que poderían ofrecer este servizo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información