Aspectos básicos do encalado

Artigo de Alberte Momán Noval, Enxeñeiro Técnico Agrícola e membro do Departamento Comercial de Calfensa

Publicidade
Aspectos básicos do encalado

Os solos galegos son ácidos, o que supón un hándicap para o correcto desenvolvemento das plantas. Os factores que causan esta acidificación son:

•Xeolóxicos: Granitos,esquistos, entre outras rochas, imprimen o carácter acedo dos solos galegos.

• Climatoloxía : Unha elevada pluviometría lava as sales presentes, aumentando a concentración de Hidróxeno (H+) e de Aluminio (Al3+) .

• Topográficos: A altitude, xunto coa temperatura, existencia de pendentes (humidade e lavados), inciden no aumento da acidez.

•Acción humana: A deforestación e o lume son axentes que inciden na acidificación, xa que
deixan o terreo espido e aberto ao lavado.

Hidróxeno, Aluminio e Manganeso

Os procesos anteriormente descritos inciden na liberación de H+ , que deixa a disposición da planta o Aluminio (AL3+) e o Manganeso (Mn), que en grande concentración resultan tóxicos para as plantas.

Á vista do anterior, móstrase necesario coñecer a cantidade de H+ existente no solo. Para iso establécese o Potencial Hidróxeno ou pH, que resulta a inversa do logaritmo de H+ . Deste xeito, establécese que, considerando 7 a neutralidade, todo o que baixe desa cifra será acedo e o que suba alcalino.

A alta porcentaxe de saturación de aluminio vai incidir no pobre desenvolvemento da planta. O efecto principal prodúceo sobre as raíces, que aparecen curtas, grosas e fráxiles. Obsérvase unha notable redución do aparato radicular, con moi poucas raíces secundarias.

O manganeso pode producir toxicidade atopándose en suficiente cantidade con pH por baixo de 5,5. O Mn traslócase rapidamente da raíz ao talo, polo que se aprecia unha redución no crecemento deste.

Efecto da acidez sobre os distintos nutrientes

Nitróxeno:
– A mineralización do N orgánico prodúcese dentro dun amplo rango de pH, pero decrece por baixo do pH 6,0.

– A nitrificación (proceso do ciclo do nitróxeno que converte o amonio en nitrato, sendo este asumido polas plantas) redúcese moito con pH inferiores a 4,5.

– A acción dos microorganismos que actúan no ciclo do N, faise máis lenta con pH por baixo do 5.

– Para a asociación de Rhizobium- – leguminosa, na fixación de nitróxeno atmosférico, o pH adecuado achégase a 6 nalgúns casos.

Fósforo:
Forma complexos orgánicos co ferro e o aluminio, quedando inaccesible para as plantas. O fósforo
estará presente no solo, pero non aproveitable.

Potasio:
Depende moito a súa presenza da capacidade de fixación dos compoñentes orgánicos e inorgánicos. Se aumentamos o pH, activamos o complexo de intercambio da materia orgánica, o que podería supor un incremento na concentración de K cambiable.

Calcio:
O aluminio ten a capacidade de reducir a absorción de Ca, polo que en solos nos que exista pouca cantidade de Ca no complexo de cambio, pode levar a fortes carencias deste elemento.

Magnesio:
A absorción deste elemento aumenta en función do pH.

Encalado: Produtos encalantes

Óxido de calcio: reacción moi rápida, cáustico e alto custe.

Hidróxido de calcio: Cal apagada. Reacción moi rápida. Alto custe.

Carbonato cálcico (Calcita): Reacción máis lenta que os anteriores. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico.

Carbonato cálcico magnésico (Dolomita): A de reacción máis lenta. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico.

Teñen a capacidade de subir o valor de pH, porque ao incorporarse reaccionan liberando OH+.

ENCALADO_TAMAÑOS

Encalado: Calidade do produto encalante

Grado de finura: A velocidade de reacción do produto encalante non solo depende da superficie en contacto co chan. Canto máis fino sexa o encalante, máis superficie terá en contacto co solo, polo tanto máis rápida será a s úa reacción.

Na gráfica represéntanse a capacidade para subir o pH nun período de tempo, en función do grosor das partículas. O tamaño das partículas vén representado en mallas, segundo a equivalencia seguinte:

ENCALADO_VELOCIDADEIntervalo entre 8 e 20 mallas.- – entre 2,36 e 0,850 mm
Intervalo entre 20 e 30 mallas.- – entre 0,850 e 0,600 mm
Intervalo entre 40 e 50 mallas.- – entre 0,450 e 0,300 mm
Intervalo entre 60 e 80 mallas.- – entre 0,250 e 0,180 mm
100 mallas.- – 0,125 mm

 

Valor Neutralizante: Mide a capacidade dun produto encalante para neutralizar os ácidos no solo. A cifra que contabiliza o Valor Neutralizante comprende o intervalo 0- – 100 e expresa a equivalencia do produto encalante co óxido de calcio. Canto maior sexa o VN, maior será a capacidade de acción.

Aporte doutros elementos: Xunto co Ca, sería importante o aporte de Mg, xa que, como vimos, son dous elementos de escasa presenza nos nosos solos, e que resultan de grande interese para a nutrición das plantas.

Beneficios do encalado

• Bloquea e insolubiliza parte dos ións Al, Fe e Mn, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos.

• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• •No caso de que esta presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio, de grande carácter floculante sobre os coloides.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe ao incentivar o crecemento das leguminosas.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas. Sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Incompatibilidades

• O aporte de materia orgánica (en calquera dos seus formatos) deberá facerse despois de que o encalante reaccione co terreo, xa que o contacto entre o encalante e o esterco desprende amoníaco, que é volátil polo que estariamos perdendo N.

• Algo semellante acontece cos abonos minerais: abonos nitroxenados amoniacais (xa que perderiamos N) ou aqueles con contido en fósforo, xa que se pode producir unha retrogradación das formas asimilables de P2 O 5 a fosfato tricálcico, que non é asimilable.

O mellor será sempre aplicar o encalante con suficiente antelación para que non se produzan esas reaccións indesexables.

Doses de encalado

Existen, resumindo, dous criterios para o cálculo da dose de encalado:
– Subir o pH.
– Neutralizar o Al.

En calquera dos dous casos haberá que ter en conta o tipo de terreo sobre o que desexemos actuar, considerando o tamaño das partículas que o compoñen, o que definirá o Efecto Tampón do mesmo. O ET é a capacidade do solo de manter no tempo as condicións de pH.

Un terreo areoso tampona pouco, o que quere dicir que os efectos do encalado serán moi repentinos pero de pouca duración, para o que se recomenda, xeneralizando, menores cantidades de encalante, pero en períodos máis breves de tempo.

Mentres que para terreos arxilosos, serán necesarios maiores aportes do material encalante, pero máis distanciados no tempo.

O ET pode ser regulado mediante a incorporación de materia orgánica.

Outra precaución importante, adoita ser a de non subir o nivel de pH máis dun punto con cada aplicación, xa que a subida repentina do pH repercutiría negativamente nos microorganismos beneficiosos.

Aplicación do encalado

Debido a que a acción do encalante é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Tamén poderemos aplicar sobre cuberta, en cultivos pratenses, despois de ter realizado unha sega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información