Os ‘cobradores’ do tractor

Douscentos gandeiros persónanse na central de Gadisa para solicitar un aumento dos prezos do leite. Reúnese con eles en asemblea o propio presidente do grupo, Roberto Tojeiro

Os ‘cobradores’ do tractor

O presidente de Gadis, Roberto Tojeiro, entrega un escrito coa súa postura á asemblea de gandeiros.

Levantado o bloqueo das industrias lácteas, a Plataforma que trata de aglutinar ó sector gandeiro decidiu centrar o tiro estes días nas cadeas de distribución. Como primeiro obxectivo, a Plataforma fixou Gadisa, unha cadea galega que se distinguiu nos últimos meses por promocións que situaban o brik de leite ata a 50 céntimos. Pasadas as catro da tarde de onte, eran máis de 200 gandeiros os concentrados na central de Gadisa, no polígono industrial da Piadela (Betanzos), cando o propio presidente do grupo, Roberto Tojeiro, baixou a falar na asemblea de produtores.

Sobre Gadisa pendía a ameaza dun bloqueo de tractores similar ó realizado no centro loxístico de Dia en Santiago durante catro días. Así o anunciara xa a Plataforma, que mesmo convocara ós medios de comunicación para tomar imaxes do bloqueo. Bloqueo que finalmente non chegou a facerse, máis por agotamento e frustración dos produtores, tras dúas semanas de mobilización intensa, que polos compromisos obtidos de Gadis.

“O de ‘vivamos como galegos’ está moi ben, pero nós tamén queremos cobrar como galegos, non como chinos” (Un gandeiro)

A Tojeiro pediuselle un anuncio similar ó realizado por Mercadona ou Vegalsa-Eroski. “A idea é lograr un compromiso de arriba para abaixo na cadea de valor do leite. Que as cadeas de distribución vos comprometades en trasladar unha suba do prezo ás industrias para que estas llo trasladen ós produtores”, expuxo megáfono en man Román Santalla (Unións Agrarias), ante Roberto Tojeiro e un par de centos de gandeiros reunidos en círculo baixo unha chuvia intermitente.

Precedentes
“Eroski e Mercadona anunciaron estes días que aumentarán os pagos en dous céntimos e Dia tamén comunicou que xa aumentara eses pagos durante o verán en tres céntimos e que esperaba que eses cartos se lle trasladasen ós gandeiros. A vós viñemos aquí pedirvos un compromiso na mesma liña”, demandou Santalla. Entre os gandeiros, houbo voces que explicaron o mesmo pero o seu xeito: “O de vivamos como galegos está moi ben, pero nós tamén queremos cobrar como galegos, non como chinos”.

“Pedídesme un imposible. Eu non podo decidir o que fan os meus proveedores cos cartos que lles pago” (Roberto Tojeiro)

O presidente de Gadis, Roberto Tojeiro, xogou xa de comezo a única baza coa que contaba: “Onte mesmo din orde de subir o leite nos supermercados ata 59 céntimos. Tratamos sempre de poñer o prezo máis baixo posible para o consumidor, pero en circunstancias excepcionais como esta, estamos dispostos a colaborar cos gandeiros”, asegurou. “Pero eses cartos para quen van?”, inqueriu un gandeiro. “De momento para Gadis, aínda que nós dentro de dous días teremos que comprar leite de novo”, apuntou Tojeiro.

Os gandeiros trataron entón de arrincarlle un compromiso para que eses cartos se trasladasen ó longo de toda a cadea ata o sector produtor, pero Tojeiro pechouse en banda. “Estádesme pedindo un imposible” -advertiu-. “Eu non podo decidir o que fan os meus proveedores cos cartos que lles pago” –asegurou-. “Se hai unha suba do leite, semella lóxico que se traslade ó longo de toda a cadea, pero eu non podo garantir iso. Podería dicirvos que si e ir o domingo á parroquia a confesarme, pero non se trata diso”.

“Imposible non é porque Mercadona fíxoo coas súas industrias proveedoras, como Leche Celta ou Entrepinares” (Román Santalla)

O debate, a partir de entón, quedou enquistado e os argumentos repetíronse unha e outra vez polas dúas partes, Santalla e Tojeiro, sen ningún avance. “Imposible non é porque Mercadona fíxoo coas súas industrias proveedoras, como Leche Celta, Entrepinares e Celega”, atacou Santalla. “Xa, pero é que nós temos moitos proveedores e non podemos lograr garantías de que vaian trasladar eses cartos ós gandeiros”, atallou Tojeiro. E así unha e outra vez. Un gandeiro interviu para ofrecer unha terceira vía. “Ti dinos quen son os teus proveedores e xa nos encargamos nós de convencelos para que nos repercutan a suba”, propuxo entre a aprobación xeral. “Agora mesmo non me lembro de a quen lle estamos mercando o leite (de marca branca)”, driblou Tojeiro.

Escrito
A conversa co presidente de Gadis concluiría sen máis avances. Como última petición, solicitouselle un comunicado público por escrito, que baixaría minutos despois o propio Tojeiro, se ben, o texto do comunicado non concretou nada a maiores do falado. En definitiva, de Gadis logrouse un compromiso de non usar o leite como produto reclamo –alomenos a curto prazo-, pero queda no aire que a suba de prezo no liñal vaia chegar ós gandeiros e mesmo ás industrias.

Os produtores, que acudiran á explanada de Gadisa máis con ánimo de manter unha asemblea informativa que de bloquear a central, foronse disolvendo progresivamente e o bloqueo a Gadis e outros posibles bloqueos inminentes quedaron polo de agora en suspenso. Logo do acordo ou non acordo do próximo mércores 23 en Madrid, os ‘cobradores’ do tractor decidirán se hai que reclamarlle de novo contas a algunha industria ou cadea de distribución.

Una idea sobre “Os ‘cobradores’ do tractor

  1. Sócrates

    Imaxe para a posteridade: No vídeo da concentración véselle a Manolo Da Cal (Fruga) axudando co megáfono a Roberto Tojeiro.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información