88 cámaras para vixiar máis da metade do territorio galego e previr lumes forestais

A Consellería do Medio Rural, en colaboración coa AMTEGA, xa ten instaladas e en funcionamento 88 cámaras de videovixilancia que permiten monitorizar en tempo real máis de 1,5 millóns de hectáreas, o 54% do territorio de Galicia. O obxectivo: mellorar a loita e a prevención dos lumes forestais

88 cámaras para vixiar máis da metade do territorio galego e previr lumes forestais

Toda a rede de 88 cámaras está controlada as 24 horas do día dende o Centro de Coordinación de Incendios Forestais de Galicia

A Consellería do Medio Rural, en colaboración coa AMTEGA, xa ten instaladas e en funcionamento 88 cámaras de videovixilancia que permiten monitorizar en tempo real máis de 1,5 millóns de hectáreas, o 54% do territorio de Galicia. O obxectivo: mellorar a loita e a prevención dos lumes forestais mediante o uso das novas tecnoloxías, pero tamén actuar como elemento disuasorio para os incendiarios.

Estas cámaras detectan cambios de temperatura, sons ou movementos enviando toda a información aos profesionais da loita contra os incendios. Así, non só detectan de forma temperá os lumes forestais senón que tamén aportan valiosa información sobre os posibles incendiarios.

Todas elas conforman a Rede de Vixilancia dos Espazos Forestais de Galicia e os aparatos localízanse especialmente en parroquias de alta actividade incendiaria, un total de 77, tal e como se sinala no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) para este 2018. A súa ubicación exacta é secreta para evitar sabotaxes.

Por tanto, as cámaras, tanto de imaxe fixa como de vídeo, están localizadas en zonas estratéxicas do territorio e avisan automáticamente en caso de detectar un lume. Á hora de establecer a súa colocación, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria.

Con estas cámaras os axentes do servizo de extinción dispoñen de información previa antes de atacar o lume

Os obxectivos principais da rede son a vixilancia remota e servir de apoio na extinción de incendios. Así, en caso de detectarse un lume, o sistema achega ao persoal do Servizo de Loita contra os Incendios información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permite xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a rede de cámaras de videovixilancia ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para as labores de extinción.

Toda a rede de 88 cámaras está controlada as 24 horas do día dende o Centro de Coordinación de Incendios Forestais de Galicia, situado en Santiago de Compostela, e que controla en tempo real a evolución dos lumes e os medios de loita antiincendios na Comunidade. Grazas ás cámaras, os axentes e técnicos forestais acceden en tempo real ás imaxes dos montes, mesmo a través de teléfonos e tablets, o que mellora considerablemente as labores de control dos incendios.

 A Xunta non descarta ampliar nunha segunda fase a cobertura desta rede de cámaras

No desenvolvemento desta rede colaboran a Consellería do Medio Rural, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Retegal, que articula a posta en marcha e mantemento desta Rede de Vixilancia dos espazos forestais ata o ano 2022 cun investimento de 2.026.000 euros.

Nunha segunda fase, e en base ás necesidades detectadas polos equipos forestais, definirase a ampliación da cobertura da rede. Ademais, a medida que a evolución tecnolóxica ofreza novas solucións, analizarase a posibilidade de incorporar innovacións neste eido que melloren a eficacia do dispositivo ou permitan avanzar na detección temperá de lumes.

Características técnicas: Cámaras resistentes a temperaturas extremas e con visión nocturna

Trátase de cámaras de vixilancia PTZ, con seguimento automático, nas que o son, o movemento, os cambios de temperatura –ou unha combinación destes factores– activa a cámara, o enfoque e cambios no campo de visión.

Entre as características técnicas das cámaras de imaxe fixa atópanse a existencia de sensores, barrido progresivo, un determinado campo de visión horizontal e vertical, enfoque e iris automáticos, modo día/noite ou filtro de infravermello removible automaticamente en modo nocturno. Tamén se valoraron, na contratación do servizo, outras condicións, como a capacidade de zoom, a iluminación mínima ou a velocidade de obturación.

Canto ás cámaras de vídeo, establecéronse características mínimas respecto da súa resolución, velocidade de imaxe, transmisión de vídeo, a existencia de múltiples secuencias configurables individualmente, así como parámetros de imaxe tales como compresión, cor, brillo, nitidez, contraste, compensación de contraluz automática, etc.

Outras funcionalidades teñen que ver coa detección de movemento por vídeo, detector de impactos, gravación en rede, carga de arquivos a través de diversos sistemas e correo electrónico e temperatura de funcionamento (de entre -40ºC e 50º C). Ademais, determináronse características como a existencia dun sistema de eliminación de gotas de auga e limpeza de visores ou o peso máximo (sen ferraxes), que non pode exceder de 15 quilos.

Un helicóptero de coordinación que ofrece imaxes en tempo real e xeorreferenciadas

Helicóptero de coordinación da loita contra os lumes forestais

Helicóptero de coordinación da loita contra os lumes forestais

Outro importante avance tecnolóxico que incorpora a Consellería do Medio Rural este ano para loitar contra os lumes forestais é un helicóptero de coordinación, que ofrece imaxes en tempo real e xeorreferenciadas.

O aparello, con base en Silleda, permite comprobar a situación dun determinado lume sobre plano e a súa evolución, o que supón unha importante axuda para a toma de decisións no momento da extinción.

Desta forma, este helicóptero ofrece datos clave para orientar os labores do dispositivo e a xestión dos incendios, en particular no caso dos grandes lumes, que resultan máis complicados de atallar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información