78 iniciativas, o dobre que o ano pasado, optan aos premios Agader de desenvolvemento rural

78 iniciativas, o dobre que o ano pasado, optan aos premios Agader de desenvolvemento rural

Xurado dos premios AGADER reunido esta semana

Este ano presentáronse 78 proxectos aos premios Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) nalgunha das súas oito categorías. Así o avaliaron os membros do xurado presidido polo director de Agader, Miguel Pérez Dubois, que mantiveron esta semana a súa primeira reunión.

Esta é a décima edición do galardón que cada ano organiza a Consellería do Medio Rural para recoñecer aquelas iniciativas que dinamizan o rural na comunidade. Os premios convocáronse o 13 de febreiro e houbo un mes de prazo para recibir as candidaturas. Unha vez pechado o prazo e constituído o xurado, esta semana comezáronse a valorar as iniciativas seguindo os criterios establecidos na convocatoria. Para cada unha das categorías haberá un gañador que levará 10.000 euros de premio. Así, os candidatos podían optar aos galardóns nos seguintes apartados: mozos, proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, proxectos de interese social, turismo, sector-agrogandeiro, mulleres, innovación tecnolóxica e loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras agrarias.

En total, o certame conta cun crédito de 80.000 euros, cos que se pretende premiar aquelas actuacións que fomenten a xeración dunha sociedade rural máis viva. Así mesmo, trátase de buscar novos instrumentos para revitalizar o medio rural e traballar para que as iniciativas diversificadoras permitan dinamizar esta contorna, buscando que sexa máis forte de cara aos novos retos que o futuro presenta. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala prevista inicialmente para o mes de xuño.

O dobre de candidaturas que en 2018

Así, a estes premios puideron presentarse aquelas iniciativas de desenvolvemento rural desenvolvidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, sempre que se localizasen en Galicia e contribuísen de xeito singular a promocionar o medio rural. Tamén os que axudasen a xerar unha sociedade rural dinámica e cohesionada e que fosen executadas con carácter previo á publicación da convocatoria.

O ano pasado estes mesmos galardóns recibiron 40 candidaturas, entre as que resultaron gañadores os seguintes proxectos: na categoría de mozos, Levinred, sociedade cooperativa galega; entre os proxectos culturais e de recuperación patrimonial, o Festival de la Luz; en proxectos de interese social, o programa de atención ao medio rural de Afaor e Viña Costeira; e no turismo, Turisa Galicia. Xa no ámbito agro-gandeiro foi seleccionada a iniciativa Veigas de Sabugueiro; en innovación tecnolóxica, Trasdeza Natur; entre os proxectos presentado por mulleres resultou seleccionada Cooperativas Lácteas Unidas CLUN e, por último, na loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras agrarias, gañou a posta en valor da terra para produción hortícola de Cristina Bañobre Lomba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información