A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Cerámica Verea, tellas con garantía por medio século

Situada en Mesía, Cerámica Verea, leva máis de 50 anos dedicada á fabricación de tellas. Os mercados de exportación absorben máis da metade dos seus produtos, que desde o pasado ano contan co selo Galicia Calidade

Cerámica Verea, tellas con garantía por medio século

Luis Verea, director xeral de Cerámica Verea, nas instalacións da fábrica.

Cerámica Verea acaba de superar o medio século de andadura e esa é precisamente a garantía que ofrecen as súas tellas. Esta firma, asentada en Lanzá (Mesía), é a única empresa do sector en conseguir unha resistencia de 50 anos para os seus produtos. Unha excelencia que lograron logo dos esforzos de varias xeracións vinculadas ó mundo da cerámica.

“Hoxe en día facemos unha tella sen tocarlle coa man en ningunha fase do proceso, nin sequera á arxila”

Luís Verea é a cuarta xeración da familia vinculada a este sector e a segunda apegada a esta telleira coruñesa, despois de que seu bisavó e seu avó tiveran unha cerámica en Boimorto. Foi no 67 cando seu pai, tamén Luís, comezou con esta fábrica en Lanzá. E 51 anos despois, Luís recoñece que o camiño ata aquí foi de avances continuos ata contar cun complexo industrial de case 30 hectáreas e unha compañía que factura 8 millóns de euros e emprega a 46 traballadores. Verea detalla que “o salto máis grande foi cando robotizamos a fábrica”, recorda. Trátase dun proceso que levaron a cabo no 2003 e que lles permitiu traballar cuns costes máis baixos, sendo competitivos nun mercado que fixo pechar xa a moitas fábricas.

Robot-VEREA

Proceso robotizado de fabricación das tellas.

Hoxe, é a única fábrica en Galicia cunha produción centrada na tella e con capacidade para fabricar 50 millóns de unidades ó ano. “A robótica e a tecnoloxía agora permítennos facer unha tella sen tocarlle coa man en ningunha fase do proceso, nin sequera se lle toca á arxila”, afirma Verea.

Pero dende Cerámica Verea miran tamén cara ó futuro e aínda que no sistema produtivo, a nivel mecánico e técnico, non contemplan grandes cambios a curto prazo, a fábrica está inmersa nun proceso de modernización electrónico. “Estamos cambiando xa toda a rede de comunicacións, que é do 2005 e dende aquela evolucionouse moito”, ratifica o director xeral.

A calidade da materia prima

A robotización da fábrica mudou boa parte do proceso, incluso a extracción das arxilas como explica Verea. “Agora todo é máis racional. Podemos ir á zona que queremos mediante prospeccións e extraer a arxila que precisamos. Esta canteira non é uniforme, e hai anos podías atopar vetas de lignito ou doutros materiais antes de dar coa arxila que precisabas”, matiza.

As arxilas, a materia prima, son a clave para lograr unha tella de calidade, como defende Verea. Por iso, continúan na mesma zona de extracción e empregando as mesmas arxilas. Porén, foron depurando o proceso de fabricación, contando con máquinas máis potentes e de última xeración e someténdose a procesos de control moi exhaustivos. “As tellas teñen que cumprir cunha normativa moi esixente ó estar expostas moito máis ca outros materiais da edificación”, comenta Verea. Na actualidade, o complexo conta con tres liñas de produción e cunha planta de moído preparada para procesar máis de 200.000 toneladas. Ademais, os produtos de Verea sométense a controis continuos tanto nos laboratorios propios como en externos e acreditados.

Tellas-Verea-

Tellas elaboradas en Cerámica Verea.

Precisamente, a coidadosa selección dos dous tipos de arxilas que empregan e a optimización do proceso de cocción -que chega a acadar os 1.050 grados de temperatura- son os que lle permiten fabricar a tella cerámica con máis durabilidade do mercado. Cerámica Verea garante así que durante 50 anos as súas tellas non presenten defectos estruturais.

É unha calidade que foi certificada ademais por Aenor, que acredita que as súas tellas contan cunha elevada resistencia ós contrastes de temperatura e á presión física das variacións. Deste xeito, fronte ás xeadas, estas tellas superan os 500 ciclos de xeo-desxeo. Segundo a normativa europea UNE En 539-2, as tellas deben superar máis de 150 ciclos de xeadicidade, uns varemos que Cerámicas Vera acredita xa dende o 2009.

É a primeira e a única empresa do sector que conta co selo de Galicia Calidade

Ademais, dende setembro do ano pasado, Cerámica Verea é a primeira e a única empresa do sector que conta co selo de Galicia Calidade. “Para conseguir unha tella de calidade hai que contar cunha materia prima de calidade pero tamén dispoñer dun sistema produtivo axeitado que permita cumprir coa normativa máis esixente”, expón Verea, que leva toda a vida inmerso no proceso de elaboración das tellas.

Xunto con estas certificacións de calidade para os seus produtos, a firma conta tamén cun sistema de colocación homologado e propio, o “Verea System”, que lle proporciona maior garantía ás tellas e ós tellados.

Catedral-de-Santiago-de-Compostela-Tellas-Verea-

A rehabilitación de tellados está a ser un dos principais mercados en Galicia nos últimos anos.

O salto ó mercado americano no momento xusto

“No 2007, xa antes de que comezase a crise, eu xa empecei a ser consciente de que o mercado galego e o estatal non ían ser capaces de asumir a capacidade produtiva que había, por iso empezamos a mirar cara outros mercados”, detalla Verea. Iniciaron unha paulatina expansión cara a América Latina e Estados Unidos. Os competitivos prezos do transporte marítimo e o azoute da crise motivaron que a exportación se tornase clave. “Cústanos o mesmo trasladar un contedor a Miami que un tráiler a Alxeciras”, calcula Verea.

O azoute da crise motivou que se centraran máis no mercado americano, comezando a fabricación da tella Spanish S, demandada no continente e a única que reproduce a estética da curva e que proporciona unha maior facilidade de instalación. Así, no 2008 reformaron unha das liñas de produción para lograr unha fabricación robotizada desta tella.

A expansión e adaptación ós mercados continúa, e o ano pasado iniciaban a produción dunha nova tella destinada precisamente a consolidar a súa posición no mercado centroamericano. Agora de man da tella Caribbean S, deseñada para atender a demanda dos países do Caribe, e responder a unhas esixencias climatolóxicas adversas. Un exemplo máis da aposta pola internacionalización feita por esta empresa coruñesa. Así, a día de hoxe, dende os portos de Vigo e Marín, as tellas Verea están presentes en 29 países de 4 continentes. A exportación absorbe xa a metade da produción.

A exportación converteuse nunha oportunidade moi rendible cando o mercado galego da cerámica aínda a día de hoxe “continúa moi parado”, analiza Verea. “Non hai apenas vivendas novas, o pouco que hai son rehabilitacións”, concreta.

Dar valor ó produto e ós recursos galegos

O ano pasado, co gaio da celebración dos 50 anos de traxectoria, Cerámica Verea organizou unha xornada que congregou a un importante número de asistentes que puideron coñecer de primeira man a fabricación das tellas. “Ós veciños sorprendíalles moito o proceso”, recorda Verea. Foi aí cando xurdiu a idea de repetir esta experiencia cunha xornada de portas abertas cada ano, que se convertera nunha oportunidade de coñecer as instalacións e o proceso de elaboración das tellas.

Pero, ademais, decidiron poñer en marcha un programa de colaboración co Concello de Mesía nesta mesma liña. “Buscamos darlle valor ós recursos naturais que temos na zona, como a arxila. Pretendemos que os máis novos coñezan e aproveiten estes recursos”, explica Verea. O programa, dirixido a estudantes, achegará os recursos naturais dende un punto de vista medioambiental, histórico e social. Unha iniciativa que inclúe unha visita ó Centro de Interpretación Brañas de Valga, no que coñecer a historia e evolución da cerámica en Galicia para logo achegarse ata a fábrica Cerámica Verea, “de xeito que os estudantes poidan ver como se elaboran a día de hoxe as tellas”, sintetiza o director xeral da fábrica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *