A necrose e os segundos crecementos: dous problemas que afectan á produción de pataca

O experto Fernando Alonso Arce, director do Centro de Control da Pataca en Castilla y León aborda dúas das afeccións máis comúns nos tubérculos. O enxeñeiro agrónomo indica algunhas das claves a ter en conta sobre estas fisiopatías

Publicidade
A necrose e os segundos crecementos: dous problemas que afectan á produción de pataca

Patacas afectadas pola necrose.

A produción de pataca pode verse afectada por diferentes afeccións que ou ben danen a planta e mingüen a produción ou provoquen danos no tubérculo. O enxeñeiro agrónomo e director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso Arce aborda claves sobre algunhas das afeccións máis recorrentes nas plantacións de pataca.

Necrose reticular

A necrose reticular tamén se coñece popularmente como ‘mancha de ferro’ ou ‘salchichón’. Esta afección pode deberse, segundo apunta Alonso Arce, a unha subministración pobre de calcio, xa que, a carencia de calcio provoca a morte das células e que xurdan estas manchas na pataca. En ocasións, a necrose reticular prodúcese debido á incidencia do virus do enrolado (PLRV).

Localización
É habitual que esta necrose se produzan en zonas con terras de menor calidade ou menos traballadas como os denominados ‘cabeceiros’ das leiras. Tamén os terreos secos propician a aparición destes danos nas patacas.

Solucións
Para reducir a incidencia da necrose reticular pode achegarse nitrato cálcico ao terreo. Mentres que, se se trata de terreos secos, é importante regar ben toda a leira e evitar parcelas con mal drenaxe ou baixa capacidade de retención de auga.

Segundos crecementos

Os segundos crecementos son moi frecuentes nas plantacións de patacas e poden presentarse en distintas formas o que permite realizar unha clasificación específica segundo apunta o experto. Deste xeito, Alonso Arce detalla que existen tubérculos alongados, con forma de pescozo de botella, tuberización en cadea, tubérculos con bonecos ou brotados. En todos estes casos hai unha parte primaria e outra secundaria.

Segundos-crecimientos-patatas-

Segundos crecementos de patacas.

Causas
A aparición destes segundos crecementos débese, en moitas ocasións, ás altas temperaturas rexistradas no chan cando oscilan entre os 22 e 27 graos. Unhas temperaturas que adoitan acompañarse con períodos de seca e que tamén contribúen a que se produzan este tipo de crecementos. Os días longos son un elemento que adoita estar asociado tanto ás elevadas temperaturas como á seca e que incrementa os seus efectos.

Unhas doses altas de nitróxeno ou unha aplicación tardía deste mineral é outro dos factores que pode provocar estas anomalías.

Alonso Arce matiza que, máis aló destes condicionantes externos que motiven a aparición destes segundos crecementos, nalgúns casos estes crecementos son propios de determinadas variedades de patacas.

Proceso
O experto apunta algunhas claves para detectar que na planta está a producirse un segundo crecemento: a vexetación pode reiniciar o crecemento ou pode chegar a producirse unha nova floración. Nestes casos os tubérculos primarios deixan de crecer e é a parte secundaria a que se está desenvolvendo.

Control
Para tentar controlar a afección da plantación por estes crecementos anormais, o experto recomenda unha serie de pautas a aplicar:

-Protexer os tubérculos con suficiente abundante
-Manter baixa a temperatura do chan mediante regas
-Uso de variedades pouco sensibles
-Achegar o último nitrato non máis tarde de tres semanas despois da emerxencia
-Levar a cabo un control de mildiu ata a madurez da planta para evitar rebrotes
-Evitar deixar a colleita no terreo unha vez que se destrúe a vexetación, xa que o risco de que xurdan novos crecementos increméntase

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información