Feiradeza celébrase esta fin de semana con 104 animais inscritos

Feiradeza celébrase esta fin de semana con 104 animais inscritos

Mendez, Casares, Cuíña e Rodríguez na presentación de Feiradeza en Lalín.

Lalín acolle esta fin de semana (6, 7 e 8 de xullo) a trixésimo cuarta edición de Feiradeza na que se celebra o XXIV Concurso e Subasta da Raza Frisona. A cita foi presentada esta mañá no Concello de Lalín e nela o concelleiro de Actividade Agraria, Nicolás González Casares, que participou por primeira vez na organización do evento, destacou que este permite “poñer en valor e expoñer ante a cidadanía a mellor cabana gandeira de Galicia, que é a que temos en Lalín e na comarca do Deza”.

Feiradeza 2018, que se celebra no mercado de gando, comezará o venres coa entrada e preparación dos animais e o inicio oficial do certame será o sábado ás 16.00 horas. Nesta xornada celebraranse os concursos de xatas e o XIX Concurso de novos manexadores. O domingo será a quenda das vacas de leite e a tradicional poxa de gando selecto. A clausura do certame está programada para as 14.30 horas, trala entrega de premios e o sorteo entre os presentes dunha xata e dunha xovenca preñada valoradas en 500 e 1.000 euros, respectivamente.

González Casares destacou o esforzo do Concello de Lalín para conseguir que este evento continúe sendo “unha auténtica referencia en Galicia dentro dos concursos morfolóxicos de gando” e apuntou “á complexidade e ao inxente traballo que é necesario desenvolver por parte da organización e das explotacións para que un evento deste tipo sexa un éxito unha vez máis”. Finalmente convidou a toda a cidadanía a asistir a Feiradeza e “a desfrutar de dous intensos días de poxas e mostras do gando máis selecto do interior de Galicia”.

140 animais preseleccionados en 25 gandarías

Como representantes de Africor Pontevedra estiveron presentes na presentación Rafael Méndez e José Rodríguez, quen comezou agradecéndolles aos gandeiros o esforzo que están realizando este ano para poder aumentar -tal e como estaba previsto para esta edición- o número de animais con respecto a anos anteriores. Deste xeito, explicou que se comezou coa preselección nas explotacións duns 140 animais dos que finalmente xa hai confirmados para participar no concurso 104 pertencentes a 25 gandarías. Este número aínda pode sufrir variacións, tal e como advertiron dende a organización. O ano pasado concorreron finalmente en torno a 80 animais e este ano incrementaron os esforzos por manter e sumar máis exemplares coa implicación dun maior número de explotacións.

A calidade dos animais “é extraordinaria”, destacou Rodríguez, quen puxo de manifesto os “enormes avances dos gandeiros e gandeiras da zona, que se foron profesionalizando e conseguindo rabaños de enorme calidade e moito rendemento dos que veremos unha mostra moi boa na “festa da gandaría” que é Feiradeza”. Por último apuntou que o xuíz do concurso será o xuíz nacional de Conafe, Pol Collell, catalán e de tan só 23 anos, que precisamente deu os seus primeiros pasos na súa formación como xuíz en Lalín. José Rodríguez tamén deu as grazas a todos os patrocinadores e ao Concello.

Pechou a rolda de prensa o alcalde, Rafael Cuíña, agradecendo o esforzo da organización para facer realidade cada ano o “certame máis importante de Galicia que, como non podía ser doutro xeito se celebra no concello con máis vacas do país”. Para rematar convidou a todos os lalinenses e tamén á xente de fóra a participar dunha xornada da que se pode desfrutar non só a nivel profesional, senón tamén a nivel familiar.

Feiradeza dispón dun orzamento de preto de 30.000 euros que se destinan tanto á organización como a premios. Ademais tamén conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra que como ven sendo habitual aporta tanto embrións como xovencas para a poxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información