As 678 solicitudes de axudas para subministro de auga ás ganderías estarán resoltas antes de que remate o ano

As 678 solicitudes de axudas para subministro de auga ás ganderías estarán resoltas antes de que remate o ano

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, compareceu este venres na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta das solicitudes recibidas ao abeiro da orde de axudas para o subministro de auga ás explotacións agrogandeiras. Na súa intervención destacou que estas achegas resolveranse antes de que finalice o ano e notificaráselle aos interesados para que poidan empezar canto antes coas actuacións.

Belén do Campo sinalou que a orde que sacou en novembro a Consellería do Medio Rural, e que está dotada con preto dun millón de euros, está encamiñada a axudar a aquelas explotacións que pretenden adaptar as súas instalacións para poder afrontar fenómenos
meteorolóxicos, como é o actual estado de seca, con medios propios e non ter que depender dun subministro externo ou, no peor dos casos, quedarse sen auga.

Houbo un total de 678 solicitudes, a maioría da provincia de Lugo

Destas, Lugo encabeza o número con 409, seguida por Ourense con 100, A Coruña con 87 e Pontevedra con 82 solicitudes. Destas, o investimento solicitado medio está preto de 6.500 euros, aínda que hai un cento con investimentos que superan os 10.000 euros.

En todo caso, a directora xeral explicou que a orde de axudas contempla unha achega máxima do 50% dos custos subvencionables, sendo a cantidade máxima a percibir por solicitante de 5.000 euros. Con todo, Do Campo subliñou que estas solicitudes están sendo estudadas, despois de requirirse información a case un centenar de solicitantes, polo que pode haber alteracións no número final de aprobacións.

Unhas axudas cuestionadas pola burocracia

As axudas pola seca para explotacións agrarias excluían nun principio a posibilidade de perforar novos pozos, se ben a Consellería do Medio Rural cambiou a convocatoria, a través dunha corrección de erros no Diario Oficial de Galicia, para que as novas captacións foran posibles.

Sen embargo, Unións Agrarias advertiu de que as axudas para novos pozos non se farán efectivas a causa dunha longa tramitación burocrática. A organización agraria sinalou que os trámites para novos pozos requiren entre 12 e 18 meses ante a demarcación de augas correspondente, cando a orde de axudas establece que tódalas actuacións subvencionadas deberán estar xustificadas a 30 de setembro do 2018.

A conselleira anuncia que antes de que remate o mes convocaranse as axudas do Leader

Por outra parte, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, anunciou este venres que antes de que remate este mes de decembro publicarase no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria das axudas da medida Leader para dinamizar o agro galego.

A titular de Medio Rural explicou que o seu departamento destinará algo máis de 17,5 millóns de euros no bienio 2018-2019 a financiar estas axudas. Os fondos distribuiranse entre os 24 grupos de desenvolvemento rural repartidos polo territorio da Comunidade, que son os encargados de aprobar e apoiar os proxectos tanto de carácter produtivo como non produtivo.

O orzamento total da medida Leader para o conxunto de Galicia no período 2014-2020 ascende a 84 millóns de euros. Con estes fondos procúrase mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos a poboación destas zonas, propiciando a mellora do seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza. Búscase ademais favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores.

Outros obxectivos pasan por garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información