“Hai moito futuro no rural e na apicultura para a xente nova”

Fernando Fernández é un apicultor de Lalín que decidiu apostar polo campo e xunto coas abellas conta tamén con outros proxectos ecolóxicos na zona

“Hai moito futuro no rural e na apicultura para a xente nova”

Fernando nun dos seus apiarios situado nos montes de Losón, en Lalín.

Hai sete anos que Fernando Fernández decidiu apostar pola apicultura como a súa alternativa de futuro. “Na miña casa sempre tivéramos abellas, primeiro foran meus avós, logo atendíaas meu pai”, recorda. Daquelas contaba con arredor de media ducia de colmeas destinas para autoconsumo, agora son xa preto de 400 e agarda seguir medrando nos próximos dous anos. A súa meta é alcanzar as 600 colmeas “para poder dispoñer dunha produción estable que me permita atender a demanda dos clientes”, asegura este veciño de Lalín que comezou co proxecto con menos de 30 anos, nun sector no que “non hai moita xente moza”, como apunta.

“Poucas cousas hai mellores que poder estar rodeado de natureza en espazos tan tranquilos como os apiarios”

Recoñece que lle gusta moito o que fai e o contacto directo coa natureza que lle permite ao ser apicultor. “É un traballo estacional e moi levadeiro e relaxado”, valora. “Creo que poucas cousas hai mellores que poder estar rodeado de natureza en espazos tan tranquilos como os apiarios, que ademais adoitan estar preto de ríos o que os fai aínda máis relaxantes. Aínda que haxa que traballar duro, todo é mellor ó poder facelo así”, explica. Ese foi un dos motivos que o levou a converterse en apicultor. Pero non foi unha decisión por impulso. Antes de comezar neste mundo realizou un estudo de viabilidade económica: “Sempre boto cálculos. É preciso facelo se realmente queres dedicarte a isto”, concreta.

A experiencia do seu pai, os seus consellos e ensinanzas, sumado a varios cursos formativos organizados pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) -da que é socio- foron os cimentos para iniciarse neste campo. A iso engadiu coñecementos adquiridos na lectura de libros especializados. Accións todas elas coas que persegue a profesionalización, un requisito que para el é indispensable para facer viable e rendible a apicultura.

Chegar ás 600 colmeas

Ó longo destes sete anos foi incrementando progresivamente o número de colmeas coa cría de raíñas por distintos métodos. O seu obxectivo é chegar ás 600 colmeas nos próximos dous anos. Neste camiño leva xa ás súas costas un investimento de preto de 80.000 euros. “Tes que concibilo como calquera outra empresa, e os primeiros anos, no meu caso, foi a base dos aforros e de inverter todo o que gañaba”, recoñece.

Aínda que neste tempo non contou con ningunha axuda económica, está a piques de dar un paso importante cara esta profesionalización coa construción dunha envasadora, que suporá un investimento de preto de 120.000 euros , para o que acaba de tramitar xa unha subvención para poder afrontar o desembolso.

Fernando nunha das súas alvarizas en Lalín.

Fernando nunha das súas alvarizas en Lalín.

Agora conta con nove apiarios repartidos por terras do Deza. Sete deles en parroquias de Lalín (Moneixas, Losón, Parada e Sello) e outros dous en Agolada. Neles dispón dunha media de medio cento de colmeas. Moitos están situados en fincas de difícil acceso para dedicalas a outros fins produtivos que implicasen a utilización de maquinaria pesada ou nas que as abellas conviven con plantacións de árbores.

Máis ca mel

Na actualidade ten unha produción anual de en torno ós 8.000 quilos de mel que vende directamente á cooperativa Erica Mel, de Arzúa, que o comercializa baixo a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. En canto dispoña dun volume axeitado para satisfacer con garantías as demandas dos clientes, Fernando busca comercializala súa propia marca, que ten xa rexistrada baixo o nome de Flor de Gaia. As súas abellas producen un mel onde predomina a flor de silva, castiñeiro e uces, aínda que con pequenas variacións posto que os apiarios atópanse en zonas diferentes.

Xunto co mel, agarda poder comercializar outros produtos procedentes da colmea cunha crecente demanda

Xunto co mel pretende distribuír outros produtos da colmea. O seu proxecto engloba tamén ó pole, que ó igual ca xelea real, constitúe un suplemento nutritivo e que neste caso supón un elevado aporte proteico. Tamén procura comercializar os propóleos, un antiséptico natural. Planea comercializalos a través da tintura de própole´, aínda pouco estendida en Galicia pero cunha elevada demanda segundo ratifica o apicultor. Asimesmo, contempla tamén  poder distribuir apitoxina, o veleno das obreiras moi empregado tamén en usos farmacolóxicos.

“En Galicia contamos con produtos de moita calidade pero estamos tan afeitos a eles que non os apreciamos como debéramos. Ós produtos galegos comezan a darlle valor unha vez que pasan o Bierzo”, comenta Fernando. Así, aínda que polo de agora non se encargue da súa comercialización, o seu proxecto pasa por conseguir exportar boa parte da súa produción fóra de Galicia.

O coidado dos apiarios

Aínda que o traballo máis intenso se centre na recollida do mel, o mantemento dos apiarios require unha atención continuada durante todo o ano. Co comezo do ano Fernando afronta a limpeza das alvarizas, as desinfeccións e a preparación das novas colmeas.

Preto da primavera, a súa labor está centrada, sobre todo polo de agora, nos preparativos para contar con novas colmeas tras realizar particións. Unha labor para a que conta con apiarios destinados especificamente para a fecundación. Á par de lograr incrementar o número de colmeas, este procedemento tamén lle serve para repoñer aquelas que por distintos motivos non lograron superar o inverno, en torno a un 10%, segundo os seus cálculos.

Apiario de fecundación.

Apiario destinado á fecundación para crear novas colmeas.

Para castrar as colmeas, contra finais de verán, Fernando conta con colaboración xa que opta por realizar unha recolección do mel con soprado. “É moi difícil facelo un só, necesítase máis dunha persoa. Unha extrae os panais do mel e outra carréxaos”, explica o apicultor. Dende as alvarizas transportan os panais ata o almacén onde os paletiza e encinta ata que ten recolectadas tódalas colmeas. Unha tarefa na que emprega arredor de 10 días, dependendo da tempada. Logo diso, é a quenda da extracción do mel que, na actualidade lle supón uns 20 días.

A ameaza da vespa velutina

Nos últimos anos, a incidencia da vespa velutina tamén supuxo un contratempo ó que facerlle fronte. Recoñece que, polo de agora, non apreciou un descenso da produción pero “déixache as colmeas moi febles e é moi doado que che acaben morrendo”, comenta. Só nas proximidades dun dos apiarios ó ano pasado localizaron once niños de vespa velutina. El emprega trampas co atraínte comercial Avispa Clac, co que está conseguindo bos resultados mais bota en falta sistemas máis eficaces e áxiles para combater esta ameaza, incluída a recollida dos niños unha vez se teñen localizados. “Resulta difícil de entender que aínda haxa xente que non sexa consciente do beneficiosas que resultan as abellas e a apicultura para o medio ambiente, para a polinización”, reflexiona.

Castiñeiros e cogomelos

Fernando cuenta con una plantación de castaños.

Fernando conta cunha plantación de castiñeiros

Xunto coas abellas, Fernando decidiu apostar tamén polas frondosas autóctonas e hai tres anos realizou unha plantación de castiñeiros para dedicar á produción de castaña. Plantou preto de dúas hectáreas dunha variedade híbrida resistente á tinta nun marco de plantación de 12 por 12 metros. “Coma en todo tes que te informar a conciencia se realmente queres chegar a obter resultados”, matiza Fernando. E é que antes de realizar a plantación procurou asesoramento no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.

Ademais, das castañas, nesta parcela agarda cultivar cogomelos polo que cada dous anos realiza unha micorrización de Boletus edulis, un proceso co que se procura que medren estes cogomelos. Aínda que o proceso implica, en moitos casos un destapado parcial das raíces, el optou por inoculalo mediante a auga. Polo de agora é pronto para ver resultados, segundo explica, pero espera que os cogomelos non tarden en chegar, xa que para recoller as primeiras castañas terá que agardar máis.

Proxectos en mente

Fernando recoñece que ten un espírito emprendedor e que lle custa comprender como non se opta máis polo campo “eu véxolle moitísimo futuro ó noso rural”, destaca. Xunto a estas dúas iniciativas, ten en mente outra proposta vencellada ó campo: unha plantación de arandos e grosellas. Porén, este proxecto está paralizado por mor do proceso de parcelaria que se está levando a cabo na zona e que condiciona que poida dispoñer dun espazo para realizar a plantación, que ademais, precisa un acondicionamento específico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información