5 medidas para controlar a bioseguridade nas granxas durante as visitas

O profesor de patoloxía animal, Gonzalo Fernández, ofrece algunhas claves para reducir o risco biosanitario durante as visitas ás ganderías. O seu traballo proba que as calzas non sempre son a mellor protección ou que nas rodas dos vehículos apenas hai contaminación

5 medidas para controlar a bioseguridade nas granxas durante as visitas

En materia de bioseguridade nas granxas, un momento clave son as visitas, xa que poden converterse nunha vía de acceso de infeccións, sobre todo naquelas granxas cunha produción máis propensa ás afeccións víricas como as explotacións cunícolas, as de porcino ou as avícolas.

“A bioseguridade é a forma barata de evitar as perdas por enfermidades nas granxas”

“A bioseguridade é un dos elementos fundamentais para que unha granxa sexa viable economicamente, xa que é unha forma barata de evitar as perdas por enfermidades”, reivindica o investigador Gonzalo Fernández, do departamento de Patoloxía Animal, da Facultade de Veterinaria de Lugo.

De feito, Fernández incide en que “a aparición de brotes de enfermidades nas granxas poden considerarse como un fallo de bioseguridade”, ratifica. Así, o experto céntrase en 5 medidas para abordar a bioseguridade nas ganderías durante as visitas en base a un estudo realizado en granxas cunícolas coa colaboración de Cogal.

1.Minimizar o número de visitantes

Cada visita ás instalacións pode supor un risco potencial para os animais, polo que a principal recomendación do experto céntrase en reducir ao máximo o número de visitantes que accedan ás instalacións e, sobre todo, que estean en contacto cos animais.

Pero a contaminación non só existe nos lugares onde se atopan os animais. “Nalgúns dos nosos estudos temos detectado unha forte carga de virus en maquinaria e utensilios gardados en almacéns ou mesmo en mesas, portas ou bolígrafos situados en oficinas”, apunta o experto. As medidas de seguridade deben incluír a todas as persoas que visiten a gandería e non só aquelas que estean en contacto cos animais.

Detectaron contaminación en persoas que nin sequera manipularon animais e estiveron na granxa menos de 30 minutos

O risco de contaxio de virus tampouco se reduce realmente aínda que se fagan visitas curtas. “Constatamos contaminación en persoal que realizou visitas de menos de media hora, sen nin sequera manipular aos animais. Contamináronse simplemente por camiñar pola granxa”, detalla o patólogo.

2. Contar con equipos de protección adecuados para as visitas

O feito de contar con equipos de protección individual (EPIS) non garante que se vaia a lograr unha protección total e non se acumulen virus, senón que debe prestarse especial atención á elección destes equipos de maneira que sexan o máis efectivos ao adaptarse ás necesidades particulares de cada granxa.

“A roupa e calzado contamínanse tanto polo contacto con superficies con virus como polo simple feito de estar nun local con aire contaminado”, apunta o investigador. Na súa investigación detectaron máis de 7.900 virus por 1.000 litros de aire en granxas con coellos afectados por mixomatose, unha das enfermidades víricas máis relevantes no sector cunícola.

Na súa investigación avaliaron os distintos elementos de protección, polo que ofrecen recomendacións concretas respecto diso:

Cobertura dos pés. Normalmente utilízanse calzas cubrebotas para que as visitas accedan ás granxas pero non resultan efectivas xa que non se adaptan ás condicións das ganderías, ao ser superficies rugosas que propician que, na maioría dos casos, terminen por romper.

No canto de calzas recomenda que as visitas usen botas que se desinfecten á entrada e saída da granxa

Unha vez que as calzas rompen, os virus acumúlanse no espazo entre o calzado de traballo e a calza, o que aumenta a contaminación vírica. Ao non tratarse de superficies lisas as calzas sen certificación terminan rompéndose sempre e aquelas con certificación (o que implica maiores garantías e prezo) tamén rompen o 30% das veces, segundo comprobaron os expertos.

“No canto de utilizar calzas, a nosa recomendación é empregar botas de goma”, comenta o experto. Os visitantes deberán limpar e desinfectar as súas botas antes e despois da entrada á granxa. Outra posibilidade pasa por contar cun número suficiente de botas para que utilicen as visitas.

Cobertura do corpo. Para que as visitas poidan acceder ás granxas pode facilitárselle roupa de traballo da propia explotación ou monos desbotables. Do mesmo xeito que co calzado, debe haber roupa para todas as visitas e realizar unha desinfección e limpeza axeitada da vestimenta, ademais de contar cun vestiario no que cambiarse.

Recollida de mostras no mono tras unha visita a unha gandería.

Recollida de mostras no mono tras unha visita a unha gandería.

Se se opta polos monos desbotables, o experto recomenda empregar monos con certificación para barreira de axentes infecciosos e partículas aéreas xa que “utilizar monos de papel sen certificación non evita, en ningún caso, o paso das partículas, é case coma se non se levasen postos”, sinala Fernández en base ás mostras de virus recollidas na roupa dos investigadores ao utilizar este tipo de monos. Tamén se debe cubrir o máximo posible as partes descubertas do corpo como as mans, a cabeza, ou mesmo usar lentes en función da zona á que se vaia acceder da visita e os riscos de salpicaduras.

Fernández tamén insiste en que se a visita se realiza nunha granxa con risco ou cunha infección confirmada, o persoal deberá ducharse ao saír das instalacións e esperar entre 48 e 72 horas antes de acceder a outra granxa. Ademais, nas granxas de alto valor xenético en sectores como a cunicultura, as visitas tamén deberán ducharse xa antes de entrar á granxa.O experto tamén indicou a importancia de ter un vestiario onde se diferencie as zonas sucia e limpa para evitar o contacto da vestimenta de rúa e de granxa.

3. Realizar un rexistro das visitas

Ter un rexistro das visitas que se realizan na gandería é fundamental para achegar información ante posibles brotes que se produzan na granxa. Neste rexistro deben incluírse datos que poidan ser de utilidade como a data, os datos de contacto coa persoa ou empresa que fixo a visita, así como o motivo e o percorrido e se tivo ou non contacto cos animais.

“O rexistro de visitas vainos permitir poder establecer unha posible orixe da infección”

“O rexistro de visitas vainos permitir poder establecer unha posible orixe dunha infección”, concreta o especialista. Aínda que desde que se produce o contaxio ata que se detecta o brote da enfermidade na gandería aínda pode pasar un período de tempo, contar con datos da visita pode permitir establecer a posible orixe do brote.

4. Control dos vehículos

O ideal é que todos os vehículos que entrasen á granxa se desinfectaran totalmente tras cada visita pero, en moitos casos, como o transporte de animais ou as subministracións de alimento, isto resulta case imposible xa que se utiliza un único vehículo que inclúe rutas con varias granxas. Neste caso, Fernández apunta á importancia de programar as rutas para reducir, ao máximo, os riscos. Desta forma, deberán realizarse primeiro as granxas sen risco de infección, despois as que teñan algunha sospeita de infección e, por último, nas que se detectou unha infección.

Aínda que unha das medidas de bioseguridade máis utilizadas nas granxas en referencia aos vehículos céntranse en desinfectar as rodas, “a nosa experiencia é que as rodas non son a parte do vehículo máis contaminada, xa que a calor xerada no movemento do vehículo pode diminuír a carga vírica das rodas”, apunta o investigador.

No salpicadeiro ou os mandos dos vehículos detectaron máis de 900.000 virus, mentres que, as rodas apenas están contaminadas

Con todo, outras zonas do vehículo como a guanteira, as pancas de mandos así como os asentos ou o volante acumulan unha importante cantidade de virus, segundo os traballos de campo que realizaron en granxas. Chegaron a detectar entre 41.000 e 972.000 virus nestas partes internas do vehículo.

En base a estes datos, outra das recomendacións claves é evitar introducir o vehículo na granxa e que se sitúe o máis afastado posible dos animais. Así, os expertos recomendan habilitar unha zona de aparcadoiro exclusivo para as visitas e que se deseñe un circuíto específico para aqueles vehículos que teñen que acceder ás instalacións, de maneira que se reduza ao mínimo o risco de contaxio. “Se non se pode evitar que o vehículo entre nas instalacións, é importante asegurar que desinfectase por completo, sobre todo se procede de granxas infectadas”, apunta Fernández.

5. Limpeza e desinfección das instalacións

Outro dos focos onde se concentran os virus son as propias gaiolas. “Chegamos a detectar máis dun millón de virus de mixomatose nas gaiolas dunha explotación afectada”, concreta Fernández. Por este motivo, é fundamental telo en conta en visitas pero tamén nos protocolos de limpeza e desinfección da explotación para evitar os contaxios de enfermidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información