1630 hectáreas afectadas pola rata toupa na provincia de Lugo

1630 hectáreas afectadas pola rata toupa na provincia de Lugo

Pradeira con danos da rata toupa

A superficie afectada pola rata toupa en diferentes concellos da provincia de Lugo sitúase nas 1.629,63 hectáreas, nun total de 2.995 parcelas. Así o reflicten as declaracións feitas polos propios afectados, unha vez rematado o prazo que eles mesmos solicitaron ampliar á Xunta para facer esta avaliación. Os municipios lugueses nos que se detectou a presenza deste roedor son os das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

Tendo en conta esta información, técnicos da Consellería do Medio Rural desprazaranse de novo á zona afectada para determinar a poboación de roedores e avaliar as posibles medidas a adoptar. “O persoal da Xunta xa traballou sobre o terreo en novembro pasado. Naquel momento, os gandeiros e agricultores afectados comprometéronse a trasladar os datos da incidencia despois da Ponte da Constitución. Posteriormente, eles mesmos solicitaron que se ampliase ese prazo de declaración, algo que a Consellería aceptou, prolongándoo ata despois da festividade de Reis”, explican dende a Consellería.

Analizaranse os diferentes métodos de loita contra este animal permitidos pola lexislación

A partir de agora a Xunta informa de que volverán manterse reunións cos afectados para avaliar e consensuar as medidas a aplicar. Así, analizaranse os diferentes métodos de loita contra este animal permitidos pola lexislación e compatibles coa actividade gandeira e co medio ambiente. “Nun primeiro momento, os propios afectados trasladaron á Xunta que as medidas a levar a cabo non terían efecto en períodos de choiva nin de neve, unhas condicións que, como é sabido, viñéronse dando desde novembro de 2019 ata practicamente finais do pasado ano”, aseguran dende o departamento que dirixe José González.

Por último, dende a Xunta lembran que “a presenza destes roedores non é novidosa, xa que houbo un caso semellante en 2010”. Daquela, foi atallado cun principio activo que na actualidade non está autorizado, polo que o titular de Medio Rural apelou á “cautela, á responsabilidade e á prudencia para xestionar este problema, uns principios que seguen a rexer a actividade do Goberno galego ao respecto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información