A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

As 12 informacións máis lidas en Campo Galego no 2019

O xornal dixital Campo Galego aumentou a súa audiencia un 29% durante o último ano, superando unha media de 220.000 visitas mensuais

As 12 informacións máis lidas en Campo Galego no 2019

Sat Lixeiro, unha granxa que protagoniza unha das reportaxes máis lidas.

Campo Galego, xornal dixital pioneiro en Galicia na información do agro, acadou no 2019 un total de 2.665.000 visitas, o que representa unha media superior ás 220.000 visitas mensuais. O xornal aumentou así a súa audiencia un 29% en relación ó 2018, consolidándose como principal referencia informativa para o sector agrogandeiro e forestal.

Desde o equipo que conformamos Campo Galego agradecemos o seguemento dos milleiros de persoas que nos ledes cada día, pois desde un principio o medio naceu coa idea de ser útil para as persoas que traballan e viven no agro. Para este 2020, no que cumpriremos o noso quinto aniversario, continuaremos a mellorar para ofrecervos o mellor servizo.

Repasamos a continuación as 12 novas máis lidas en Campo Galego no 2019, que reflexan as principais liñas informativas do medio: artigos técnicos de carácter divulgativo, información de actualidade (axudas, normativa, prezos. etc.) e difusión de experiencias de gandeiros e agricultores.

1. “Os leites vexetais son un engaño publicitario, as súas propiedades non son comparables ás do leite de vaca” (Carlos Spuch)

Esta entrevista co investigador da Universidade de Vigo Carlos Spuch vén repetindo ano tras ano como a información máis lida no noso medio, ata o punto de que é a nova máis lida non só no 2019, senón nos cinco anos que leva Campo Galego. Cando se fixo a entrevista, aínda era legal chamarlle leite ás bebidas vexetais, un termo que agora xa quedou prohibido.

Polo momento, as bebidas vexetais equivalen só ó 4% do consumo de leite a nivel da UE, pero o seu progresivo crecemento constitúe un motivo de preocupación para granxas, cooperativas e industrias lácteas.

2. Claves prácticas para o trampeo de raíñas de vespa asiática na primavera

A vespa asiática chegou para quedarse e está xa a completar a colonización de toda Galicia. É unha praga que lle crea serios problemas en especial ós apicultores, pero tódolos veciños do rural se ben afectados dun xeito ou doutro, polo que o trampeo das vespas convertiuse nunha prioridade no agro.

3. Cinco cuestións a ter en conta nas plantacións de piñeiro

Os piñeiros son aínda a principal especie produtiva nos montes galegos, case en empate técnicos cos eucaliptos, segundo o último inventario coñecido. Outras dúas informacións ligadas co eucalipto cólanse tamén no Top-12 das novas máis lidas no 2019.

4. Axudas para instalar caldeiras de biomasa nos fogares

A liña de axudas da Administración para a instalación de caldeiras de biomasa no 2019 foi a cuarta nova máis lida. O abaratamento que representan os pellets de biomasa en comparación cos combustibles fósiles, unido ás subvencións que hai para estas caldeiras, explican o interese na instalación de calefaccións a biomasa.

5. Recomendacións para o manexo dos becerros con diarrea
O bo coidado do gando de recría é unha das principais preocupacións das granxas, pois o axeitado manexo da recría é un investimento que mellorará os rendementos futuros das ganderías. Este artigo repite no 2019 como un dos máis lidos, obtendo tamén un alto seguemento outros artigos técnicos relacionados co manexo da diarrea, como os elaborados este ano a partir das recomendacións do profesor Pablo Díaz (USC) ou do veterinario Luis Vázquez.

6. Como diferenciar a vespa velutina e a vespa autóctona
A ‘vespa crabo’, autóctona de Galicia, é en ocasións confundida coa vespa asiática, o que provoca que se estea eliminando. Este artigo que explica as diferenzas entre ambas repite tamén este ano entre as novas máis lidas.

7. Aplicación de herbicidas no cultivo do millo
O manexo do cultivo do millo (sementeira, abonado, pragas, etc.) é unha das cuestións que máis interese xera no agro, pois trátase dun cultivo clave para a rendibilidade das granxas de leite. Este artigo, elaborado por técnicos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, rexistra un alto seguemento tódolos anos.

8. Sat Lixeiro, camiño das 300 vacas en muxido e con 43 litros en produción

As reportaxes sobre granxas e iniciativas no rural adoitan figurar tódalas semanas entre as noticias máis lidas. Esta reportaxe de Sat Lixeiro (Lemos, Lugo) colouse tamén no Top-12 do ano.

9. Consellos para a poda das maceiras
Esta é unha información, acompañada dun vídeo divulgativo que elaboramos nos comezos de Campo Galego e que continúa a figurar entre as novas máis vistas tódolos anos.

10. Consellos para o cultivo da pataca
A pataca, a parte da adicación profesional que xera en comarcas como A Limia ou Bergantiños, trátase quizais do cultivo para autoconsumo máis extendido no rural galego. De aí o interese por pautas técnicas para mellorar o seu manexo.

11. Guía de cultivo do eucalipto
O eucalipto é con diferenza a especie forestal máis plantada en Galicia. Esta guía de cultivo adoita situarse tamén nos últimos anos entre as novas máis lidas de cada tempada.

12. O eucalipto móvese en máximos de prezos e o piñeiro recupérase tralos incendios
Os últimos meses do 2018 e os primeiros do 2019 foron positivos para o eucalipto, que acadou máximos de prezos, se ben a segunda parte do ano foi en sentido contrario, con baixadas de prezos do eucalipto, en tanto o piñeiro mantívose estable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *