As 10 claves para lograr unha boa recría de xovencas

A recría é o segundo capítulo de gasto nunha gandaría de vacún de leite e unha das áreas nas que máis poden mellorar os gandeiros. Resumo da xornada de De Heus e Msd en Lugo sobre recría de xovencas

As 10 claves para lograr unha boa recría de xovencas

Becerras na Granja San José

A recría de xovencas representa entre o 15 e o 20% do custo de explotación nunha gandaría de vacún de leite. É, por tanto, o segundo ou terceiro capítulo de gasto, só por detrás da alimentación ou man de obra. Sen embargo, é unha das áreas nas que máis poden mellorar os gandeiros.

Neste sentido, DE HEUS e MSD Animal Health celebraron recentemente na localidade lucense de Rábade unha xornada específica sobre técnicas para mellorar a recría de xovencas nas granxas de vacún de leite.

Como punto de partida, José María Viana, Key Account Manager de Vacún de leite de De Heus, destacou que “unha primeira clave para lograr unha boa recría é ter espazo suficiente no establo, e a continuación ter comida de boa calidade, atendendo a uns puntos clave (ou Kaliber) co obxectivo de lograr unha futura vaca cunha alta produción vitalicia”. Dito doutra forma, ata a segunda lactación o gandeiro non consegue amortizar o custo dunha xovenca, e é partir de aí cando empeza a gañar diñeiro.

A continuación resumimos algunha das claves da recría a partir dos relatorios de José María Viana; Ramiro Fernández Vuelta, xefe de produto de vacún de leite de De Heus; Carlos Carbonell, técnico de campo de vacún de leite de MSD ou Antonio Díaz, xerente de grandes contas de MSD.

1) Un bo encostrado:

Débese seguir tres regras: costro quente, en abundancia e fornecido de forma constante. A recomendación é que a becerra tome costro durante os primeiros 3 días, cun mínimo de 4 litros ao día. Segundo Carlos Carbonell “dous litros ao día de costro son claramente insuficientes para unha tenreira, xa que a calidade do costro na raza Holstein é regular, con pouca graxa, e moi variable”.

Neste sentido, a súa recomendación é administrar un mínimo de 3 litros por toma, se é voluntaria, e 4 litros se se realiza mediante sonda, “xa que co estrés a absorción vai ser menor2.

Diversos estudos concluíron que o coidado dunha becerra antes do destete ten entre 4 e 5 veces máis importancia que a xenética coa que parta. Así, a diferenza entre tomar 2 ou 4 litros de costro ao día nas primeiras xornadas de vida supón que a becerra medre un 30% máis antes do destete ou que teña un 16% máis de posibilidades de pasar do segundo parto. Ademais, as xatas que tomaron 4 litros de costro diarios tiveron unha produción de 1026 kg de leite máis nas dúas primeiras lactacións que as que só tomaron 2 litros diarios.

O costro é unha peza clave para lograr unha boa recría e é necesario darllo canto antes. Os principais erros que se adoitan cometer son:

-Darlle o costro tarde á tenreira.

-Muxir tarde a vaca, cando xa o seu organismo xa ten reabsorvido parte do costro.

-Risco de contaminación: a gandaría que ten RCS altos é probable que tamén teña malos costros. E os becerros que toman leite con moitas bacterias reducen a absorción de nutrientes, enferman máis e tamén teñen maior taxa de mortalidade.

2) O leite para os tenreiros: a concentración e a cantidade

O leite de vaca, non o de descarte, é a primeira opción, se é posible. O obxectivo é ir subindo paulatinamente a cantidade ata chegar a un mínimo de 9 litros diarios, repartidos en 3 tomas. A máis leite, maior crecemento do animal. O leite limpo e quente non causa diarrea nos tenreiros.

A clave, por tanto, é intensificar a inxesta de leite nas primeiras semanas para lograr unha xovenca e unha futura vaca máis rendible. Así, estímase que por cada 100 gramos diarios de máis que gaña a tenreira durante os primeiros 60 días de vida, gáñanse 225 quilos máis de leite na primeira lactación.

En canto ao leite en po maternizado, un dos erros máis comúns é non dar a cantidade recomendada: 125 gramos como mínimo (un vaso de iogurt) por litro de leite reconstituido (é necesario asegurarnos do peso 1kg/7litros de auga). No inverno, pódese subir a 154 gramos, para compensar a maior perda de calor corporal. A concentración máxima non debe ser superior a 154gr./l (1kg/5.5 l. de auga), pois por encima poderiamos facilitar a deshidratación con altas temperaturas, polo que no verán é aconsellable baixar a concentración para previr posibles deshidratacións.

3) A calidade do lactoremprazante:

Para as tenreiras de recría non se debe escatimar na calidade do lactoremprazante, xa que o seu maior prezo compensarao se sobra a futura vaca tanto en saúde como en litros producidos. Neste sentido, a recomendación é que este leite teña entre 21-24% de proteína e un 17-18% de graxa bruta. Porcentaxes inferiores de proteína e superiores de graxa provocan que as tenreiras teñan menor tamaño e estean máis engraxadas.

A auga limpa sempre debe estar dispoñible. Ademais, a partir da segunda semana a tenreira debe ter acceso a fibra picada, ben sexa palla, alfalfa ou herba seca.

4) A temperatura do leite e a posición da tenreira:

O leite debe chegar á becerra cunha temperatura de entre 38 e 39 graos, para que chegue ao estómago verdadeiro e non ao rume ou ao obomaso, provocando a coñecida hinchazón de barriga das tenreiras.

A posición do cubo ou da amamantadora debe estar elevada, á mesma altura aproximadamente que o ubre da vaca. Mamar dun cubo no chan provoca que o leite tampouco chegue ao estómago verdadeiro.

5) Limpeza e hixiene dos equipos de alimentación:

Botellas de 2 litros con tetina, máis fáciles de lavar

Botellas de 2 litros con tetina, máis fáciles de lavar

A limpeza dos equipos de alimentación das tenreiras é clave para garantir a calidade sanitaria do leite. Neste sentido, desaconséllase o uso de cubos, pola súa dificultade para ser limpados correctamente. Por contra, recoméndase o uso de máquina amamantadora, con sistema de autolimpado, ou simplemente de botellas de 2 litros con tetina, un sistema barato, fácil de utilizar e de limpar no lavalouzas.

6) Como evitar a diarrea neonatal?

A diarrea neonatal é un dos principais problemas de saúde dos tenreiros durante as primeiras semanas de vida. Os patóxenos causantes son o E. Colii, durante os primeiros 5 días de vida, e a partir da semana de vida afectan máis os virus.

Para evitar a diarrea a clave é que a vaca dea a luz nunha cama seca. “Os tenreiros non poden nacer en corredores ou cuadras húmidas e sucias, porque iso dá moitas papeletas para que poida padecer diarrea por contaminación por E. Colii”, subliña Carlos Carbonell.

Outra recomendación é que os tenreiros teñan calor durante as primeiras horas, tanto para mantelo seco como para mellorar a absorción intestinal do costro.

En canto á vacinación contra a diarrea causada por virus, é moi importante que o tenreiro estea ben nutrido, con reservas de graxa que lle permitan xerar inmunidade. Neste sentido, un dos problemas dos tenreiros de raza Frisoa é que adoitan nacer con pouca graxa corporal, polo que cobra maior importancia un bo encostrado e alimentación con leite en cantidade suficiente.

Os boxes onde estean as tenreiras deben ter as camas secas, limpas, con espazo e ventiladas, pero sen correntes de aire.

7) Espazo e lotes:

Débese evitar o hacinamento nos lotes, polo elevado estrés que xera nos animais. Neste sentido, o primeiro grupo recoméndase que non supere as 6 tenreiras. A partir de 10 animais por lote ou de menos de 3,5 metros cadrados por tenreira aumenta o risco de que padezan enfermidades.

8) Destete: 

A clave da recría é que o crecemento da becerra se manteña constante nos cambios de lote e de alimento. Neste sentido, o período de transición ten que ser paulatino, baixando progresivamente a cantidade de leite e subindo o penso de destete ata retirar o leite cando a tenreira como, polo menos, 2 quilos de penso starter ao día. O penso estarter débese manter durante as primeiras 2 ou 3 semanas despois do destete.

O peso ao destete debe ser dun mínimo de 80 quilogramos. Se o encostrado e as tomas de leite foron óptimas pódese chegar a tenreiras que chegan ao destete con 2 meses e 1 semana e 100 quilos de peso.

9) Alimentación das tenreiras tras o destete:

O obxectivo a partir dos 5 meses é que a becerra siga medrando ao redor de 1 quilo ao día, pero cunha alimentación que favoreza o crecemento muscular e óseo, e non o engraxamento, que, como xa é sabido, é negativo para a ovulación e para a fertililidade. Así, sobre unha escala de 1 a 5, a puntuación da condición corporal que se recomenda para as tenreiras nesa fase e ata a puberdade é de 2 a 2,75.

Para iso débese evitar darlle ás becerrs a ración das vacas, xa que a súa porcentaxe de amidón (en torno ao 24%), é moi superior ao que se recomenda para os animais nestas idades (entre un 10 e un 14%).

Neste sentido, o programa Kaliber de De Heus persegue racionar para as tenreiras e para as xovencas, logrando o máximo crecemento. Así, para a fase de xestación, a partir dos 14 meses, recoméndase unha ración específica cun 15% de proteína bruta, un 6% de amidón e forraxes de calidade. “O resultado é unha xovenca Kaliber, que se identifica por ter as costelas visibles, a liña dorsal tamén visible, por non ter engraxamento e por presentar bos desenvolvementos corporais”, resume José María Viana.

10) Lograr reducir a idade ao primeiro parto:

O obxectivo é inseminar ás tenreiras cun peso mínimo de 370 quilos de forma que cheguen despois do parto cuns 570 quilos de peso e 24 meses de idade, de forma que a taxa de reposición se sitúe entre 25%-30%. Porén, a maior parte das gandarías de vacún de leite adoitan estar por encima do 30% ao situarse a idade ao primeiro parto no 26 mes ou máis.

Pasar de 24 a 26 meses supón nun rabaño de 100 vacas adultas un sobrecusto duns 6.000 euros ao ano, ou o que é o mesmo, cada vez que se adianta o primeiro parto un mes supón un aforro do 5% do custo de recría dunha xovenca.

Os puntos Kaliber: 

KALIBER_RECRIA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información