10 claves do sector lácteo de Alemaña, o primeiro produtor da Unión Europea

Alemaña é o primeiro produtor de leite da Unión Europea, con case 32 millóns de toneladas, e aproveitou a crise provocada polo fin das coutas para reforzar o seu liderado. Este é o retrato das granxas de vacún de leite e das industrias lácteas alemás

10 claves do sector lácteo de Alemaña, o primeiro produtor da Unión Europea

Granxa alemá de vacún de leite

Alemaña é a primeira potencia láctea da Unión Europea, cunha produción en 2019 que roldou os 32 millóns de toneladas, e a unha distancia considerable do segundo productor, Francia, que produce uns 24,5 millóns de toneladas.

Ademais, o país xermano aproveitou a crise do sector lácteo provocada polo fin das cuotas lácteas, para reformular a súa estratexia e reafirmar o seu liderado. Incrementando a súa produción case un 20% nos últimos dez anos.

Neste sentido, o Institut de l´Élevage  francés ven de publicar un dossier sobre “A Europa leiteira do norte despois da fin das cotas”, no que adica un capítulo específico a estudar o caso alemán. Estas son as súas conclusións:

1) As grandes cifras do sector lácteo alemán:

-Unhas 62.000 ganderías productoras de leite de vaca.

-4,1 millóns de cabezas de gando.

-31,7 millóns de toneladas de leite producidas ao ano (datos de 2018)

-Exporta o 46% da súa produción.

-O sector lácteo aporta un saldo positivo á balanza comercial alemá duns 2.300 millóns de euros anuais.

-0 70% do leite é recollido por cooperativas.

2) A produción de leite tende a concentrarse no oeste do país:

Entre 2008, inicio da saída gradual das cotas, e 2018 a produción de leite de vaca alemá aumentou un 10% (+ 3,1 millóns de toneladas) a 31,7 millóns de toneladas. Este crecemento fíxose principalmente antes da abolición das cotas.

A produción aumentou en todos os Länder, os estados federados de Alemaña, pero a ritmos variados: + 27% en Baixa Saxonia e Schleswig-Holstein; + 22% en Renania do Norte-Westfalia, + 8% no sur (Baviera e Baden-Würtemberg) e un + 9% no leste. E desde 2015, as evolucións divereron aínda máis: continuou o crecemento en Baixa Saxonia e Schleswig-Holstein (+ 6% en 3 anos; “Norte” na gráfica); entregas estables no sur, e caen en Renania do Norte-Westfalia (“Oeste” cos outros Länder menos lácteos do Centro-Oeste).

ALEMAÑA IDELE 1

3) Prezo do leite:

O prezo do leite pagado aos produtores é algo máis baixo no Norte de Alemaña, pero tamén con menos oscilacións que no sur e no leste. Así, por unha banda, a cooperativa FrieslandCampina, que recolle sobre todo no Norte, pagou 372 € / t o leite aos seus gandeiros de media no período 2013-2017, mentres que a cooperativa DMK só ofreceu 327 € / ton.

ALEMAÑA IDELE 2

4) As axudas públicas ao sector priman que os gandeiros produzan leite de máis calidade e maior benestar animal

As axudas públicas a investimentos no sector no período período 2007-2014, foron principalmente para construción de establos, co obxectivo da modernización e “mellorar a competitividade de empresas sostibles, respectuosas co medio ambiente e cos animais “. Durante o seguinte período, de 2014 a 2020, engadíronse condicións para satisfacer as expectativas da sociedade de cara ao sector (protección ambiental, clima, benestar animal). As axudas para plans de mellora cubren do 20 ao 40% do importe total.

Esixencias de benestar animal e respecto ao medioambiente para acceder aos plans de mellora:

-A carga gandeira debe ser inferior a 2 UGM/ ha de superficie agrícola útil e capacidade de almacenamento de xurro nas foxas debe ser de polo menos 9 meses.

-As axudas esixen que todos os animais deben poder descansar ao mesmo tempo, tendo polo menos un cubículo por vaca. Ademáis, os cubículos deben ter unha cama seca ou outro sistema de confort como unha colchoneta. A superficie do establo debe ser como mínimo de 5,5 m2 por animal.

– Nos establos novos, os pasillos deben medir polo menos 2,5 metros de ancho e zonas de alimentación como mínimo 3,5 metros de ancho para que os animais poidan cruzar sen estrés.

– Debe haber no establo un exterior que poida conter polo menos un terzo das vacas leiteiras con 4,5 m2 / UGM , excepto no caso de facer pastoreo. Se debido ao tipo de establo non é posible contar con este patio exterior, dentro do establo as vacas deben dispoñer de polo menos 7 metros cadrados para cada unha.

En Renania do Norte-Westfalia, se o gandeiro quere pasar de vacas trabadas a unha estabulación libre o importe da axuda do plan de mellora aumenta ata o 40%. Tamén é de destacar que nese estado a porcentaxe de subvención do plan de mellora varía segundo o tamaño da granxa: ata un 40% nas granxas de menos de 100 vacas e un máximo do 15% para as máis de 150 vacas.

5) Dous terzos do leite destínase á fabricación de queixos

ALEMAÑA IDELE 3

O 47% da produción láctea alemá destínase á elaboración de queixos, sobre todo Emmental, Gouda e mozzarella. Os seguintes produtos en importancia son a manteiga (17%), ingredientes secos (12%), leite envasado (10%), nata (7%) e iogures (7%).

O 46% dos produtos lácteos alemáns expórtanse a outros países, principalmente a Países Baixos, Italia, Francia, Austria, … As exportacións intracomunitarias seguen sendo dominantes (o 81% do valor total), a pesar de que as vendas a terceiros países se duplicaron en dez anos ata os 2.000 millóns de euros, o 21% do total das exportacións fronte ao 14% en 2008.

En consecuencia, a balanza comercial positiva de Alemaña en produtos lácteos aumentou lixeiramente un + 20% en dez anos, ata os 2.300 millóns euros.ALEMAÑA IDELE 4

6) Unha lexislación medioambiental cada vez máis esixente

A normativa ambiental en Alemaña cada vez é máis restritiva para as ganderías de vacún de leite. En xuño de 2018, o Tribunal Europeo de Xustiza condenou a Alemaña por medidas insuficientes postas en marcha para alcanzar o obxectivos marcados pola directiva europea sobre nitratos. De feito, o 28% das estacións de seguimento das augas subterráneas alemás e do 34% das estacións do lander de Baixa Saxonia indican un nivel de nitratos en augas superior a 50 mg / l . Estes altos niveis de nitratos rexístranse nas rexións cunha alta concentración de gando, se ben é certo que as explotacións avícolas e porcinas son as máis cuestionadas.

En resposta a esta sentenza sen penalización, Alemaña modificou a súa ordenanza de fertilización:

• Un máximo de 170 kg de nitróxeno por hectárea, incluindo agora os dixestatos de plantas de biogás.

• A capacidade de almacenamento de xurro das fosas aumenta de seis a nove meses en 2020 para explotacións con máis de 3 UGM / ha e sen base territorial suficiente, e de seis a sete meses noutros casos.

Estas medidas obrigan aos gandeiros a aumentar a súa capacidade de almacenamento e a súa base territorial, ou mesmo enviar o exceso de xurro pola súa conta (20 € / m3 ) a zonas con menos carga gandeira.

8) Aposta polos leites diferenciados: Ecolóxico, de pastoreo, sen OXM…

ALEMAÑA IDELE 5

Desde 2002, Alemaña experimentou un forte crecemento de produción de leite ecolóxico, que se acelerou desde 2016. A produción de leite bio está moi desenvolvida en Baviera, con máis do 8% das explotacións leiteiras certificadas en 2018. Pola contra, permanece limitada no Norte (1% da recollida rexional).

En paralelo, nos últimos dez anos, os cidadáns están a pedir produtos lácteos máis sostibles como “sen OXM” ou “leite para pastoreo”. Baixo a presión das ONG, Friesland Campina iniciou a movemento en 2008 coa súa marca Landliebe. En 2018, dez anos despois, 44 lácteos procesan leite “sen transxénicos” o que representa o 60% da recolección de leite alemán (agosto 2019) e case o 90% en Baviera. Por razóns de loxística e custo, moitas industrias lácteas, Arla á cabeza, esixen leite sen transxénicos a todos os seus gandeiros. Moitos produtores consideran que a prima é insuficiente (1 ct / kg), para sufragar os gastos adicionais de alimentos.

En canto ao leite de pastoreo, en Baixa Saxonia existe o selo “Pro Weideland”, empregado por 32 institucións (produtos lácteos, ONG, adquisición), cun éxito notable. Emprégano as industrias lácteas Arla, Ammerland ou Friesland Campina e é o único aceptado por Lidl para o seu leite fresco. Esta etiqueta certifica 6 horas de pastoreo ao día durante 120 días, 2.000 m2 por vaca de prado natural ou 1000 metros cadrados con biodiversidade, pastoreo “activo”, comida non transxénica e liberdade de movemento mínima. Isto pretende, ademais de responder ás demandas crecentes da sociedade en termos de benestar animal, manter os prados permanentes do Noroeste
alemán para promover a biodiversidade. Aínda que o obxectivo era alcanzar unha prima de 5 cts / kg hoxe só se paga 1 céntimo adicional, o que resulta demasiado baixo aos ollos de moitos gandeiros en comparación coa carga de traballo que este sistema require, especialmente para rabaños cada vez máis grandes.

9) Aumento dos prezos da terra:

No noroeste e no sur, o prezo das terras agrícolas subiu moito desde 2010, o que dificulta as posibilidades de expansión das ganderías, fomenta compras externas de alimentos e aumenta os custos de xestión dos excrementos.

ALEMAÑA IDELE 6

10) Previsións de futuro: Crecemento máis lento

De cara ao futuro, a produción láctea debería estabilizarse no norte de Alemaña. Non obstante, a produtividade por vaca debería aumentar ata os 10.000 kg grazas á modernización das instalacións e á extensión dos robots de muxido (o 11% das explotacións están equipadas con robot na Baixa Saxonia en 2017).

A tendencia, por tanto é a que o tamaño da cabaña gandeira de vacún de leite en Alemaña se manteña estable nos próximos anos, aumentando a produción pola vía da produtividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información