A Xunta traballa nunha aplicación para recibir no móbil as previsións de enfermidades nas viñas

Publicidade
A Xunta traballa nunha aplicación para recibir no móbil as previsións de enfermidades nas viñas

Presentación de AppFitoVit en Monforte de Lemos

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o proxecto piloto “AppFitoVit”, que consiste no desenvolvemento dunha aplicación para telefonía móbil que dará servizo de información fitosanitaria para o viñedo a tempo real. Esta acción está inserida dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.

Este proxecto piloto presentouse este mércores durante a xornada técnica “Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego”, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e á que acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez.

Actualmente só hai avisos fitosanitarios para a D.O. Rías Baixas

Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia. Actualmente a única rede de avisos funciona na Denominción de Orixe Rías Baixas, con información da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía Ribadumia. No resto das DO´s galegas (Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) non existe unha rede de avisos fitosanitarios, algo esencial para realizar tratamentos de forma eficaz para previr as enfermidades fúnxicas, especialmente o mildeu.

Por tanto, esta aplicación permitiría contar cunha ferramenta fundamental para predicir episodios adversos nos viñedos dende o punto de vista fitosanitario.

Para o seu desenvolvemento, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta cos servizos dunha empresa especializada no deseño de plataformas dixitais para a agricultura e viticultura de precisión, así como coa colaboración de 33 entidades entre as que se atopan os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia.

Prevese que estea dispoñible en 4 anos

A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé rematar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre os técnicos correspondentes ás entidades colaboradoras co obxecto de deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil.

Nunha segunda fase comprobarase a validez dos datos climatolóxicos, edafolóxicos e fenolóxicos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna.

Na derradeira fase do proxecto, e unha vez validado o funcionamento da aplicación, pasará a ser pública e aberta ao sector totalmente de balde. Prevese que a aplicación estea dispoñible nun prazo duns 4 ou 5 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información