A Xunta pon en marcha un novo plan para evitar fraudes na vendima

A Xunta pon en marcha un novo plan para evitar fraudes na vendima

O conselleiro do Medio Rural cos representantes dos consellos reguladores

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, presidiu esta mañá a presentación do novo Plan do control da vendima aos consellos reguladores do viño de Galicia. “Na Xunta imos perseguir calquera tipo de actuación que afecte á calidade da nosa produción agroalimentaria. Tolerancia cero co fraude”, advertiu.

Neste acto, que tivo lugar na sede da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) na localidade ourensá de Leiro, o conselleiro destacou que o obxectivo da iniciativa é reforzar o control do cumprimento das normas durante o proceso da colleita de uva. Trátase, segundo explicou, de verificar que todo se fai consonte á normativa de cada consello regulador, é dicir, de acordo cos seus respectivos pregos de condicións e regulamentos.

20 técnicos da Consellería inspeccionarán todo o proceso, complementando o traballo dos Consellos Reguladores

Así, José González adiantou que o plan “contempla o despregue por parte da Consellería dunha vintena de técnicos que se repartirán polas distintas denominacións de orixe”. Neste sentido, o titular de Medio Rural explicou que controlarán cuestións como a entrada de uva nas adegas, a súa procedencia ou que o froito sexa de viticultores e de parcelas inscritos nos rexistros dos consellos reguladores. Ademais, tamén trasladou que os técnicos vixiarán que se respecte a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades. Desta forma, engadiu o conselleiro, “aplícase o máximo rigor para evitar situacións fraudulentas que se poidan producir,”.

Con todas estas medidas, que suporán un investimento de 180.000 euros, búscase segundo José González defender e garantir a calidade diferenciada dos viños galegos. Neste sentido, o conselleiro afirmou que neste eido “a nosa comunidade aposta por ser competitiva en calidade e en darlle valor engadido aos nosos produtos”, remarcou.

Ademais, o titular de Medio Rural sinalou que o plan desenvolverase en coordinación cos técnicos dos órganos de control dos consellos reguladores, de forma complementaria e como reforzo ao seu labor.

Por último, o conselleiro puxo en valor este sector agrario polo seu potencial, xa que aglutina máis de 13.000 viticultores, máis de 450 adegas e achega un valor económico que supera os 200 millóns de euros ao ano. Salientou ademais que “é o noso eido agrario máis exportador e que por riba do 20% (1 de cada 5 botellas) dos viños das nosas denominacións de orixe saen de Galicia cara outros mercados internacionais”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información