A Xunta descarta axudas directas polas xeadas e insiste na necesidade de contratar seguros

Ángeles Vázquez asegura que se están a estudar outras medidas como axudas para a repoda, créditos brandos ou desgravacións fiscais. Unións reclama a convocatoria dunha mesa de xestión dos danos da xeada e lembra que “as pólizas de seguros non se adaptan á realidade da viticultura galega”

Publicidade
A Xunta descarta axudas directas polas xeadas e insiste na necesidade de contratar seguros

Ángeles Vázquez visitando este mércores viñedos de Monterrei danados polas xeadas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse este mércores ata os concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra para coñecer de primeira man os danos ocasionados nas vides das principais denominacións de orixe como consecuencia das fortes xeadas acontecidas a semana pasada.

Acompañada por representantes das catro denominacións afectadas (Monterrei, Valdeorras, Ribeiro e Ribeira Sacra), viticultores e adegueiros, a conselleira percorreu diversas explotacións vinícolas e interesouse polas demandas dos alí presentes para saber as distintas sensibilidades ao respecto do acontecido. Así mesmo, asegurou que o seu departamento está a buscar solucións pero avanzou que non é posible artellar unha axuda directa por quilo de uva afectada. Porén, manifestou a súa intención de ofrecer outras solucións como bonificacións fiscais, créditos brandos ou axudas para facer a repoda e que non supoña un custo engadido a estes profesionais.

En Monterrei as xeadas danaron o 90% dos viñedos e en Valdeorras entre o 60 e o 70%

Tralos primeiros informes, a conselleira explicou que a DO Monterrei foi a máis afectada polas inclemencias do tempo. Así, relatou que as xeadas afectaron ao 90% do territorio cunha afección do 90% sobre as vides, aínda que está pendente cuantificar a importancia deses danos, pois uns son de carácter grave (afecta ao acio, gromo e á base da pranta) e outros de menos relevancia. Na DO Valdeorras, a conselleira sinalou que a afectación foi no 60-70% do seu territorio, pero aclarou que hai zonas que teñen afectadas o 20% da produción e outras o 90%; mentres que nas DO Ribeiro e Ribeira Sacra as zonas afectadas representan un 30 e 20% respectivamente.

Por outra parte, Ángeles Vazquez reiterou a importancia de contratar os seguros agrarios para poder afrontar este tipo de situacións. En Galicia menos do 20% dos viticultores teñen contratado un seguro agrario.

Neste senso, a consellería está a preparar a orde de convocatoria de seguros agrarios para o ano 2017 cunha dotación económica de 4,6 millóns de euros, practicamente igual que na convocatoria pasada.

Unións advirte de que “a falta dunha adecuación das pólizas a Galicia impide unha cobertura eficaz aos seguros”

Unións Agrarias reclama á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata dunha mesa técnica que aborde un plan de financiamento de urxencia para as perdas provocadas pola xeada Unha estratexia de actuación que tamén debe englobar, segundo a organización agraria, ás producións de castaña de Viana do Bolo e as de Kiwi da provincia de Pontevedra.

Para Unións resulta urxente redeseñar o catálogo de estipulacións das pólizas dos seguros agrarios posto que “co actual formato resultan caras e inoperativas e non se adaptan ao minifundio de moitas das terras agrarias galegas nin ao modelo de ocupación a tempo parcial para complemento de renda ou de xubilación que teñen unha parte dos agricultores de Galicia”. Esta realidade fai que se produza un risco de exposición en mais dun 80% de explotacións que carecen de seguro.

O sindicato pide que se poñan enriba da mesa xa, en tanto se pechan as valoracións de danos, un catálogo de compensacións económicas que inclúan axudas de minimis para aquelas explotacións que estean en condicións de recibilas e unha liña de conxelación de pago dos xuros financeiros para as que non conten coa posibilidade de recibir axudas vía UE.

No caso das adegas, para Unións “é preciso iniciar unha campaña institucional de promoción de marca nos mercados de referencia para evitar a perda de posicionamento do viño de Galicia pola falta de volume que se prevé pola caída da produción”. Ademais, solicita das deputacións provinciais implicación na perda no lucro cesante que van a sufrir moitas explotacións vitivinícolas, así como para cubrir os custes das tarefas de reanimación das vides afectadas, fundamentalmente poda en verde e aplicación de cicatrizantes.

Campaña informativa de Unións este venres en Ribadavia e Verín

Unións Agrarias iniciou este mércores en Monterrei unha campaña de información aos produtores para coñecer o volume de danos e as primeiras medidas para propoñer as administración para afrontar unha grave crise que ten en xaque a toda a cadea de valor do viño en Galicia. O vindeiro xoves e venres as asembleas terán lugar nas casas da Cultura de Ribadavia e Verín respectivamente con horario de comezo en ambos casos ás 20.30 h.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información