A Xunta asume a necesidade de mellorar os seguros para viñedo

Publicidade
A Xunta asume a necesidade de mellorar os seguros para viñedo

Reunión de Belén do Campo con representantes das compañías aseguradoras

A Xunta de Galicia decidiu finalmente abordar a necesaria reforma dos seguros agrarios paras viñedo e adaptalos á realidade de Galicia. As fortes xeadas de hai dúas semanas puxeron de relevo o grave problema da falta de contratación de pólizas na Comunidade, xa que menos do 20% dos viticultores.

Unha baixa cobertura que segundo Unións Agrarias ou o Sindicato Labrego se debe a que tal e como están concibidos para os grandes viñedos do centro e Sur de España, en Galicia son caros e non se adaptan nin ao minifundio nin á viticultura a tempo parcial.

Ante esta situación, a Consellería do Medio Rural anunciou este xoves que convocará a próxima semana a Comisión Territorial de Seguros Agrarios para abordar a evolución dos seguros no sector vitivinícola e, en xeral, todo o relacionado co aseguramento en Galicia.

Á reunión están convocados técnicos de distintos departamentos de Medio Rural, Agroseguro, Enesa, o Consorcio de Compensación de Seguros e a Delegación do Goberno, así como as organizacións agrarias. No marco da Comisión Territorial tamén se crearase un grupo de traballo no que participarán os portavoces dos Consellos Reguladores e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

Esta próxima semana as aseguradoras prevén rematar a peritaxe nas zonas afectadas para activar as compensacións económicas

Segundo informa a Consellería, neste grupo tratarase de compartir información e ir da man do sector para seguir mellorando as pólizas e aumentar a súa aceptación por parte dos produtores, de tal forma que se incremente o grao de aseguramento no ámbito vitivinícola. No que respecta aos produtores que xa teñen seguros contratados, Enesa informou de que esta semana esta previsto rematar a peritaxe nas zonas afectadas para activar as compensacións económicas.

Tamén se prevé que representantes de Enesa e Agroseguros ofrezan charlas organizadas por cada Consello Regulador para informar de primeira man aos viticultores interesados e así resolver as súas dúbidas.

Unións demándalle a Feijóo “sensibilidade cos viticultores”

Pola súa parte, o sindicato Unións Agrarias fai un chamamento á “sensibilidade e responsabilidade” do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que lidere de xeito decidido un plan de actuación para as zonas produtoras de viño arrasadas polas xeadas da semana pasada e o pedrazo da presente.

Neste sentido, o sindicato non considera “xusto nin sensato entregar as entidades bancarias a potestade de decidir que explotacións sobreviven e cales se quedan no camiño ao non poder acceder a un crédito brando -a principal medida que propón a Xunta- por ser insolventes xa que non ten colleita na que ampararse”. “Resulta un contrasentido -advirten- que tendo a maior parte dos produtores perdas do 100% se habiliten so solucións ás que non van a poder acceder”.

A este respecto, Unións reclama que “solo a través de axudas directas por hectárea afectada se pode salvar o futuro de Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra ou Monterrei”.

Manifestación este sábado en Ribadavia en demanda de axudas directas aos viticultores

Precisamente, para demandar axudas directas aos viticultores afectados, está convocada para este sábado unha mobilización en Ribadavia. Será ás 11:15 horas diante do IES Ribeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información