Xulia, Iria, Duvi e Eva: adegueiras do Ribeiro a prol da igualdade

Publicidade
Xulia, Iria, Duvi e Eva: adegueiras do Ribeiro a prol da igualdade

Con motivo do Día Internacional da Non Violencia de Xénero, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro levou a cabo a actividade promocional “Visibilidade” o pasado venres, un evento moi especial e solidario en colaboración coa IXP Castaña de Galicia. Tivo lugar na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, e protagonizárono catro mulleres adegueiras da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Xulia Bande (Son de Arrieiro), Iria Otero (Vinos con Memoria), Eva Bermúdez (Adegas do Rexurdir) e Duvi González (Adega Dona Elisa) explicaron os seus proxectos e vivencias persoais aos asistentes, que á súa vez ían probando cada un dos seus viños. O evento conxugou viños brancos e tintos do Ribeiro con música e as experiencias das catro adegueiras. Ademais, o viño tivo un acompañante perfecto, xa que se harmonizaron gastronomicamente con castañas fritas con escamas de sal, coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, e musicalmente co blues de BluBeats Dúo.

Evento solidario a favor da Asociación Mirabal

A entrada foi de balde, pero os asistentes tiveron a oportunidade de deixar un donativo que se destinará integramente a Asociación Mirabal, que desenvolve actuacións contra a violencia de xénero e a favor das vítimas e os seus familiares. As actividades que comprende o seu programa pasan polo acompañamento das vítimas, a realización de accións de concienciación social e a procura da erradicación desta lacra a través de actuacións de prevención.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información